Transparentes

Hoxe, pra variar, vou falar do goberno. E pra variar máis aínda, vou falar relativamente ben. Así que se hai entre o público alguén que devece por un exercicio de retórica incendiaria sobre o tópico de que imos todos pró carallo, de que paisano ou cinzano son criminais xenocidas, ou de que os cabalos da apocalipse abeberan no consello do ministros, xa pode ir choutando ao artigo da dereita ou ao da esquerda. Hoxe vou falar ben do goberno de España, porque se cadra é a última vez que podo facelo.

Falo ben, pois, e digo que esta semana rematou o prazo de alegacións públicas ao anteproxecto de lei de Transparencia, acceso á información pública e bo goberno, que redactou o executivo español. Durante estes últimos quince días a cidadanía puido presentar de forma directa melloras, correccións e ampliacións ao anteproxecto, ademais das que presente de forma indirecta a través dos seus representantes. Isto é, cómpre dicilo, un paso de xigante, aínda que sexa un xigante de quince días coa Semana Santa polo medio. Mais mentres tanto, ese mesmo executivo asinaba o seu 13º decreto-lei, figura que salta por riba das Cámaras e da cidadanía e expresamente reservada a situacións de urxencia e excepcionalidade. E o que pasa en España, nin é urxente, nin é excepcional.

Falo ben e digo que, se a lei é aprobada, as administracións públicas terán que informar de todas as súas actuacións dunha maneira exhaustiva e escrupulosa, de forma proactiva e tamén como resposta aos requirimentos de calquera cidadán. Isto, que non era posible en España mais si dende hai anos na maior parte de Europa, obrigará por exemplo a publicar os nomes dos contratistas dos concellos ou os das empresas subvencionadas, de forma buscable, estruturada e agrupada. Mais mentres tanto, Rajoy saía ás agochadas polo garaxe do Senado pra evitar o benignísimo control dos xornalistas e dos medios españois.

Falo ben e recoñezo que a lei, de aprobarse, obrigará o comportamento modelo dos altos cargos das distintas administracións, incluídos os alcaldes, que tratarán “os cidadáns con esmerada corrección” e que deberán denunciar “calquera actuación irregular da que teñan coñecemento”. Mentres tanto, o alcalde de Santiago collía polas lapelas a un cidadán e roubaba a todos os demais, aproveitándose da difusa fronteira que, pra algúns, existe entre o exercicio do público e o do privado.

Falo ben e engado last but not least que a lei lles prohibe especificamente aos altos cargos discriminar por lingua ou por orientación sexual, que promete limitar os salarios dos alcaldes e concelleiros, que declara gratuíta a información da administración, e que obriga a simplificación normativa e lexislativa de estado, comunidades e concellos. Mais agora queda o trámite parlamentario: a maioría parlamentaria do PP pode escoller ser o doutor Jeckyll, escoitar as atinadas melloras propostas pola OSCE ao anteproxecto, as aínda máis profusas achegadas por tuderechoasaber.es, ou as das voces que probablemente soliciten a inclusión da Casa Real entre o catálogo de órganos obrigados á transparencia. Mais tamén pode escoller ser o señor Hyde, agocharse no garaxe, defraudar o IVE ou aprobar por nota de prensa ou decreto-lei que seguimos como estamos, que aquí paz, e despois gloria, silencio e gazpacho.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.