0 Gardados para despois

Antón Sánchez

Para salvar o sistema público de apoio agrario

Os profesores da Escola Politécnica Superior de Lugo láianse de que cada vez reciben menos estudantes

Veñen de publicarse novas que reflicten a profunda crise que atravesa a Universidade en Lugo. Os profesores da Escola Politécnica Superior de Lugo láianse de que cada vez reciben menos estudantes. No Centro de Investigación Agrarias de Mabegondo denuncian o recorte de persoal investigador que obriga a rexeitar oportunidades de investigación. Nos centros de formación e investigación agroforestal de Sergude e Guísamo, as alumnas e alumnos que demandan un ensino de calidade esmorecen mentres desmantelan as infraestruturas. E mesmo os axentes de extensión agraria alertan de que o servizo morre porque non se cobren as vacantes de persoal. Todos sinalan as políticas da Xunta: por ineficaz, polo seu desprezo e pola falta de sensibilidade coa investigación, a formación e o asesoramento. Máis non é só desinterese, ou descoido, ou pouco coñecemento do sector agrario nin do forestal. O que en realidade hai detrás é unha estratexia para desarmar toda a dotación pública de apoio agroforestal. O obxectivo, abrir novos nichos de negocio no rural á iniciativa privada.

No Centro de Investigación Agrarias de Mabegondo denuncian o recorte de persoal investigador que obriga a rexeitar oportunidades de investigación

En Lugo, Mabegondo, Sergude, Guísamo e outros sitios recollín de primeira man exemplos de como se executa esta plan a partir de dous eixos: os recortes económicos e os recortes de persoal. Isto é parte do que me contaron: a partida de capacitación agraria descendeu un 31% nos orzamentos de 2014; no centro de Mabegondo reduciuse nun 36% o persoal investigador entre o 2012 e o 2013; en Sergude pechan un ciclo formativo, o de xestión de empresas agrarias –quen queira e poida terá que optar pola oferta privada- e en Becerreá pechan o de xestión e aproveitamento da natureza -xa non hai oferta para esta formación en toda a provincia de Lugo-; en Guísamo, os alumnos dun ciclo estiveron sen profesor dende febreiro a xuño, 15 horas semanais perdidas; na universidade as pólas agroforestais teñen cada ano menor demanda e –temen os docentes- este será o argumento esgrimido para forzar novos peches... Pos suposto, esta táctica ten consecuencias. A eliminación da investigación e dos servizos de extensión agraria deixan en mans do sector privado -é dicir, dos que venden sementes, fitosanitarios e adubos- o labor de consello ás explotacións. Isto vai condicionar o modelo que se desenvolverá no rural e significará modelos alleos e non adaptados a este país, que desprezan o coñecemento adquirido de labregos e labregas e que se producen a través da docencia e da investigación privadas.

É urxente salvar a estrutura de apoio público ao sector, a universidade, a formación, a investigación vinculada ao rural, para que en Galiza se poida vivir dignamente da agricultura e do monte

É urxente un cambio radical. É urxente salvar a estrutura de apoio público ao sector, a universidade, a formación, a investigación vinculada ao rural, para que en Galiza se poida vivir dignamente da agricultura e do monte.

De nada valería que houbese un sistema público de investigación e asesoramento potente, se está ao servizo de intereses alleos da maioría, ao servizo da agroindustria

É preciso un plan de impulso que reforce os centros de investigación públicos con recursos económicos e humanos -ben formados nas universidades e centros públicos-, que contrate persoal para as oficinas de extensión agraria e que apoie aos labregos e labregas -e a quen se queira incorporar- e que xestione o día a día do Banco de Terras de Galiza. Facer da universidade un actor útil e protagonista para o rural, ao cabo.

Pero un sistema público de por si, non arranxa as cousas. É dicir, de nada valería que houbese un sistema público de investigación e asesoramento potente, se está ao servizo de intereses alleos da maioría, ao servizo da agroindustria, e polo tanto a condición previa e indispensable e que sirva para un modelo de agricultura local e sustentable e onde a voz das persoas que viven da agricultura, que viven no rural sexa a que máis ordene.

Acerca de Antón Sánchez

Antón Sánchez é Portavoz Nacional de Anova e Vicevoceiro de En Marea no Parlamento de Galiza