A picadora de carne

Por listos que sexamos non conseguimos enganar a Natureza nin escapamos ás leis da Física: estamos nun tempo de destrución e todos os procesos van entrelazados na súa crise. A picadora de carne está a funcionar.

Estamos nun tempo de destrución e todos os procesos van entrelazados na súa crise. A picadora de carne está a funcionar

Destrución que é unha purga tamén. Ten algo de purga moral o espectáculo da entrada no cárcere de tonadilleiras castizas, políticos e, fugazmente, algún banqueiro. Véndoos entrar aplaudimos diante do televisor, a súa caída alivia un pouco a presión do noso enfado. E a purga da política podería ser o castigo, por agora puramente virtual, que adiantan as enquisas aos partidos existentes.

O PP é un gran baleiro, o goberno de Rajoy é un buraco negro político que o traga todo, dentro desa voraz escuridade prevalecen os fenómenos autodestrutivos: Monago, Aguirre, Botella, Cospedal, Santamaría... Nicolasín é a figura que mellor retrata ese poder cortesán parasitario, sen máis proxecto que a depredación. Nicolasín é o fillo de todos eles.

Nicolasín é a figura que mellor retrata ese poder cortesán parasitario, sen máis proxecto que a depredación. Nicolasín é o fillo de todos eles

Pero o PSOE está a ser outro espectáculo sen carga política. Nada o ilustra mellor que a retractación que fai Sánchez da reforma da Constitución pactada por Zapatero e Rajoy no 2011. Paréceme imposible que ninguén poida defender como un logro ou un ben aquela reforma da Constitución, non podemos defender o emendado nin o modo en que foi pactado, sen a aprobación cidadá. O modo en que foi modificada constitúe unha perda de poder político da cidadanía, cara a dentro, e o texto engadido unha perda de soberanía do estado, cara a fóra.

Pero, por mal que pensemos dos gobernantes, non se pode separar esa decisión do contexto en que se deu. Zapatero explicouno de modo detallado no seu libro, O dilema, argumentou que era unha situación extrema e que aquilo foi o mal menor. Pódese ou non aceptar e estar de acordo co seu razoamento pero o que si temos que aceptar todos é que as decisións se toman sempre nun contexto determinado e que naquel contexto os mercados estaban a baleirar de soberanía política e económica a estados europeos como Grecia e Italia.

Sánchez e a maior parte dos deputados socialistas participaron desa decisión, non poden pedirnos que aceptemos que non tiveron responsabilidade niso. Non eran nenos e nenas, eran persoas adultas e ademais con serias responsabilidades. Podemos comprender que cambiasen de opinión a condición de que nolo expliquen e carguen coas súas responsabilidades, non pretendan eludilas infantilmente, "eu simplemente pasaba por alí".

Co modo en que fixo esa retractación Sánchez lembrounos a todos aquela decisión tan grave tomada polo seu partido, danándoo novamente, e retratouse a si mesmo como un dirixente sen peso e sen palabra

Para iso deben de tratarnos con respecto intelectual: que sitúen esa decisión naquel contexto e que agora xustifiquen a súa decisión porque o contexto cambiou ou polo que sexa. Pero que a expliquen sen insultar á nosa intelixencia e sen o recurso infantil e obsceno de xustificarse cargando o morto sen máis a Zapatero, quen carga cos seus erros, con todo o que lle botou encima a dereita e, enriba, cos pecados e a hipocrisía dos dirixentes do seu partido.

Co modo en que fixo esa retractación Sánchez lembrounos a todos aquela decisión tan grave tomada polo seu partido, danándoo novamente, e retratouse a si mesmo como un dirixente sen peso e sen palabra. Este é o tempo en que os políticos se autodestrúen.

Esta picadora ten unha moa para cada un, pero para triturar a Podemos ten varias. Estáselle aplicando xa o mesmo tratamento que se lle aplicou ao proceso político catalán, exactamente o mesmo. O ministro do Interior, caído dun No-Do, mandaralles outros tantos policías secretas para investigar as súas vidas e analizar o seu lixo, pois a policía e todo o estado é patrimonio deste goberno e partido.

A merda dese grupo de mozos políticos que aínda non son dirixentes será exposta obscenamente. Do mesmo xeito as empresas de comunicación madrileñas, incluídas as cadeas televisivas que lles permitiron moverse e avanzar, aplicaranlles as súas coitelas dun lado e do outro. Igual que os dirixentes cataláns, acabarán sendo retratados como corruptos e os seus posibles e futuribles votantes como xente simple e co cerebro lavado por eses astutos manipuladores. A destrución persoal para combater unhas actuacións políticas.

Podemos vai ser sometido a un castigo utilizando a mesma enerxía que os alimentou. Actuaron como fiscais de todo o instituído e todos os mecanismos do instituído volveranse agora contra eles

Podemos vai ser sometido a un castigo utilizando a mesma enerxía que os alimentou. Actuaron como fiscais de todo o instituído e todos os mecanismos do instituído volveranse agora contra eles. A máquina ten dentes e se ten que morrer farao matando.

A diferenza entre os cataláns, aqueles que simplemente queren votar e os independentistas, e os dirixentes de Podemos está en que Catalunya pode afrontar serias dificultades mentres que Podemos polo de agora aínda non chegou a existir. Catalunya é un proceso sólido, con cidadanía organizada e fortes partidos e en cambio Podemos é algo que aínda non existe máis que virtualmente. Quen sufrirá máis?

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.