0 Gardados para despois

Manuel Bragado

Fair play

A medida que se achega o domingo do derbi de Fragoso, aumenta o meu desacougo. Sei que non é unha sensación relacionada coa competitividade do equipo que apoio, en tan boa forma goleira coma a do seu mellor rival, o que aventura un partidazo fermoso e de resultado moi incerto. Nin tampouco coas aliñacións que ambos os dous presentarán na lameira de Balaídos, onde a participación da canteira galega será a máis destacada das dúas últimas décadas. O meu desacougo ten a súa orixe nos incidentes entre afeccións, que se produciron no derbi da primeira volta en Riazor. Os apedramentos, os insultos e outras formas de expresión do odio daquela xornada son formas de negación do contrario que poderían ser interpretados como mecanismos de cohesión interna de afeccións deportivamente fráxiles e con importantes carencias de autoestima. Magoadamente, unha minoría de seareiros de ambos os dous equipos concibe o derbi galego coma unha batalla cuxo obxectivo é a aniquilación do rival, unha expresión de localismo pailán que, dende hai dúas décadas, as que coincidiron coas mellores glorias dos dous equipos, arruinou aquela cultura do "fair play" dos derbis doutrora.

Unha rivalidade futbolística que vén de vello, comezada en 1908 cando o Deportivo da Sala Calvet visitou o campo vigués do Fortuna C.F. e que continuou o ano seguinte cando o 15 de maio de 1909 se inaugurou o campo de Riazor co primeiro derbi, tamén co noso primeiro “team” vigués. Hai cincuenta anos os derbis do Celta co Deportivo eran moi frecuentes. No verán, formando parte da pretempada, celebrábase o “Trofeo Amistad”, a dobre partido, un en cada cidade. Os seareiros viaxaban por milleiros para non deixar sós aos seus. En 1965 foron 8.000 os celtistas que acudiron a Riazor, un número superior ao de socios, algo asombroso. Magoadamente, dende hai vinte e cinco anos, coincidindo coa volta do Deportivo e do Celta a primeira, perdeuse aquela cultura do derbi e do seu “fair play”, concibido como festa de encontro das afeccións e das cidades, sendo substituída por unha confrontación pailaroca que emula a cultura hooligan e ao odio tribal.

Para este #onosoderbi reivindico aquela cultura do "fair play" dos sesenta e dos setenta, que pasa polo recoñecemento entre dúas afeccións unidas polo fío común da galeguidade

Quizais foi o derbi en Riazor do 7 de xuño de 1987, gañado polo Celta, con ambos os dous clubes xogándose a cara de can o ascenso a primeira, como sucederá o vindeiro domingo, o que abriu a cultura das pelexas e da confrontación entre algunhas peñas de ambos os dous equipos. Un modelo que non foi evitado polos presidentes dos clubes e que foi aproveitado de forma irresponsable por algúns políticos populistas, como testemuñan as fotos inesquecibles dos cornos de Francisco Vázquez na grada ou as actuacións de Antonio Nieto Figueroa “Leri” nos derbis de Balaídos.

Para este #onosoderbi reivindico aquela cultura do "fair play" dos sesenta e dos setenta, que pasa polo recoñecemento mutuo entre as dúas afeccións, inevitablemente unidas polo fío común da galeguidade, vencelladas pola necesidade de recuperar a fachenda de gozar do fútbol de noso, o do xogo atlántico, o do traballo colectivo, o do pase longo, sexa conducido pola luva de Valerón ou pola intelixencia en acción de Oubiña.

Celtistas e deportivistas agardamos as vitorias das nosas cores, non pode ser doutra maneira, aínda que de non producirse continuaremos acompañando ao equipo noso na difícil angueira do ascenso. Únome ao compromiso acuñado polas webs celtistas dun derbi galego sen violencia ningunha. Este #onosoderbi do ascenso debe amosar tolerancia cero cos comportamentos violentos na cidade e no estadio, mais tamén cos disparates xenófobos e outras animaladas que estes días se veñen publicando en twitter e noutros espazos da rede. Non teño dúbida ningunha que os celtistas recibiremos ao equipo de Valerón e aos seus milleiros de seareiros, todos compatriotas nosos, con admiración e respecto. Logo, no estadio, cadaquén apupará segundo latexo do seu corazón.

Acerca de Manuel Bragado

Manuel Bragado é director de Edicións Xerais de Galicia e presidente da Asociación Galega de Editores. É autor do blog Brétemas.