0 Gardados para despois

Manuel González Ramallal

Fútbol e violencia: están aí

O sucedido o pasado domingo na contorna do Vicente Calderón copou as primeiras planas de diarios e informativos, máis polas súas tráxicas consecuencias que pola existencia dun fenómeno que non resulta tan pouco frecuente como puidese parecer a primeira vista. Criminalizar a vítima é o primeiro paso para eludir responsabilidades e non afrontar cara a cara o problema social da violencia no fútbol.

Criminalizar a vítima é o primeiro paso para eludir responsabilidades e non afrontar cara a cara o problema social da violencia no fútbol

A coñecida como Traxedia de Heysel (1985) supuxo un punto de non retorno a unha forma de entender o fútbol como un campo de batalla entre inchadas rivais. Coas vítimas sobre a mesa comezaron a adoptarse medidas a nivel europeo para previr e erradicar a violencia e as desordes de espectadores nos partidos de fútbol. En Inglaterra, aínda que con responsabilidade directa da policía nas mortes ocorridas, aproveitouse a Traxedia de Hillsborough (1989) para implementar con dureza e de maneira indiscriminada a Football Spectators Act durante as últimas rabexadas do thatcherismo. En España, agás casos illados que derivaron en asasinato como o de Frédéric Rouquier (1991) ou o do lembrado Aitor Zabaleta (1998), o problema da violencia no fútbol non foi tan grave como noutros lugares de Europa. Con todo, a partir da década do oitenta e durante o noventa, os grupos de seareiros radicais comezan a ter un protagonismo até daquela descoñecido no noso fútbol e configúranse como unha subcultura xuvenil moi visible dado o acusado impacto mediático que ten o fútbol. Moitos destes grupos de seareiros ocuparon importantes espazos de poder no ámbito dos clubs, sendo en moitos casos apadriñados polos seus dirixentes e defendidos ou escusados cando tocaba porque son os que lle dan cor e animación á bancada. Desde entón os ultras sempre estiveron aí, manifestándose na bancada e, a maior parte das veces, fóra dela, conformándose como auténticos grupos de presión e ameaza ao disidente.

Podemos afirmar que o que se produciu é un desprazamento da violencia desde dentro dos estadios ao exterior dos mesmos e ás estradas, bares e gasolineiras

Coa lexislación e a organización para evitar a violencia no deporte parecía que en España se erradicou o problema da violencia no fútbol. E, polo menos dentro das bancadas, parece que algunhas desas medidas organizativas, preventivas e represivas tiveron o seu efecto, pero nada máis lonxe da realidade. Podemos afirmar que o que se produciu é un desprazamento da violencia desde dentro dos estadios ao exterior dos mesmos e ás estradas, bares e gasolineiras polas que cada domingo transitan os grupos ultras, quen amparados en discursos pseudopolíticos moi básicos e emotivos, xustifican accións violentas, á vez que reforzan a súa identidade como grupo cometendo actividades delituosas.

Son grupos informais que ademais adoitan ser bastante heteroxéneos e fragmentados en diferentes seccións, nas cales se integran persoas de moi diferente procedencia social. Mesmo un dos patróns sobre os cales se tiña un maior grao de coñecemento e acordo ao establecer o perfil sociolóxico do seareiro radical, como era o feito de ser homes e novos, parece estar a cambiar ao integrarse neles un número crecente de mulleres e alongarse a idade de pertenza a esta especie de familias alternativas que constitúen un modo alternativo de vida, no cal algúns dos seus membros atopan un poder e un prestixio que a sociedade lles nega noutros ámbitos. A violencia no fútbol non desapareceu. Os ultras están aí e a xulgar polas idades dos detidos, nunca marcharon. Desaparecer do centro do escenario, das portadas dos diarios, non implica que de cando en vez volvan ocupar ese espazo se dun asasinato se trata.

A primeira medida para resolver o problema da violencia no fútbol non é precisamente saír fuxindo axiña como sucedeu unha vez coñecida a morte de Jimmy, onde ninguén (dirixentes dos clubs, LFP, RFEF, árbitros, xogadores, xornalistas, forzas de seguridade) parecía responsabilizarse do asunto e repetía teimando que NON se trataba dun problema relacionado co fútbol. Se realmente se pretenden atopar solucións, haberá que recoñecer que a violencia, ademais dun problema social é un grave problema asociado ao noso fútbol. Témome que non haberá unha reflexión pausada sobre este asunto que involucre a todos os actores protagonistas (aos afeccionados tamén!) e adoptaranse medidas precipitadas que aplaquen a alarma social xerada. Acabarán pagando as culpas unha gran maioría de afeccionados polos feitos cometidos por unha minoría de ultras que non os representan e dos que se avergoñan. Ao tempo.

Acerca de Manuel González Ramallal

Doutor en Socioloxía pola Universidade da Coruña e actualmente profesor no Departamento de Socioloxía da Universidad de La Laguna e membro do Instituto Universitario de CCPP e Socioloxía. A súa área preferente de investigación é a socioloxía do deporte, con especial referencia ao vínculo existente entre fútbol e medios de comunicación, cuesitóns sobre as que publicou diferentes artigos e capítulos en revistas e libros, así como presentou relatorios e comunicaciñons en eventos científicos. Participa de maneira habitual como sociólogo colaborador en medios de comunicación e é membro da Asociación Española de Investigación Social Aplicada ao Deporte (AEISAD).