O racismo mesetario: O tratamento mediático dun asasinato

Un antigo profesor meu falaba frecuentemente do “racismo mesetario”. Un termo que engloba toda aquela actitude, comportamento ou visión “chauvinista” desa rexión artificial que din é a capital da España .

Esta semana non puiden deixar de lembrar ese termo vendo o tratamento informativo que tivo/ten a morte dun Riazor Blues a mans de membros do Fronte Atlético, ben coñecido polas súas fazañas

Esta semana non puiden deixar de lembrar ese termo vendo o tratamento informativo que tivo/ten a morte dun Riazor Blues a mans de membros do Fronte Atlético, ben coñecido polas súas fazañas. A visión parcial, o cóctel de información veraz con información interesada, a inexistencia de referencias ó Fronte Atlético e a insistencia na “criminalización” da vítima para minimizar a arrepiante morte, dende o principio. O remate foi un artigo no xornal dixital Público chamando descerebrada á vítima o mesmo día do seu enterro; dando pábulo á informacións non contrastadas  ademais de interesadas.

O primeiro resorte da prensa madrileña foi culpar o Real Club Deportivo da Coruña de non ter avisado. Tanto o subdelegado do Goberno en Galicia como o Sindicato Unificado de Policía (SUP) afirman que chegou o aviso catro días antes a Madrid.

Pero non contentos con iso, o segundo argumento é culpar á vítima … Escoitando os argumentos de algúns xornalistas é fácil chegar á conclusión de que “ben morto está”. Agora o importante para estes xornalistas no parece ser atopar ó asasino ou asasinos senón saber de onde procedían as entradas dos Riazor Blues. Mentres, os autores dunha malleira de morte e de botar o corpo de Jimmy ó río Manzanares seguen campando libres por Madrid. Se un membro do Fronte Atlético fose asasinado na Coruña  culparían o Atlético? Estarían pensando nas entradas?

Se un membro do Fronte Atlético fose asasinado na Coruña  culparían o Atlético? Estarían pensando nas entradas?

En terceiro lugar, é moi interesante como os medios TVE, La Sexta, Telecinco e Antena 3 obvian nomear  ó Fronte Atlético, e falan da “violencia” dos Riazor Blues, dos Celtarras ou dos Bukaneros. Como se a vítima fora asasinada polo aire ou polos seus propios compañeiros. Acto seguido, despois de facer una ampla cobertura destes grupos ultras, aparece o adestrador do Atlético entregando un galardón a un neno que separou a dous adultos nunha pelexa dun partido de fútbol ou un directivo deste club entrevistado porque é voluntario en Cruz Vermella. ¿Asociación de ideas?

Logo está o papel da LFP. Lonxe de sinalar responsabilidades no Atlético, xa que non houbo a obrigada reunión do Comité de Seguridade salvo escasos sete minutos no descanso do Atlético- Olympiakos, e lonxe de sinalar que no partido de Copa do Rei o Fronte Atlético acudiu á Hospitalet acompañando ao equipo (Non dicía Gil Marín que rompían relacións? De onde sacaron as entradas?) a súa obsesión é investigar un minuto de silencio por “enaltecemento da violencia”.

O mellor argumento da “meseta” sen dúbida é o da “quedada”. Argumento negado polo Ministerio do Interior e por fontes policiais

O mellor argumento da “meseta” sen dúbida é o da “quedada”. Argumento negado polo Ministerio do Interior e por fontes policiais. Os xornalistas non dubidan en insistir nesta idea , para xustificar o inevitable “tivo o seu merecido xa que foi a buscar pelexa”  e así minimizar o asasinato. O argumento da “quedada” xunto cos antecedentes policiais da vítima configuran o cóctel perfecto, para que en realidade creamos que o asasinato foi unha cousa menor. Estaría ben coñecer os antecedentes dos irmáns da caridade que domingo sí e domingo non cantan aquilo de “Aitor Zabaleta era de la ETA” ou berros de enaltecemento do Holocausto nazi. Claro que é rexeitable á violencia en todos os casos pero o que non é lóxico, xusto ou razoable é que os medios de Madrid tenten protexer ó Fronte Atlético, xerando debates secundarios e fixando a atención de feito equivocado no Real Club Deportivo da Coruña e en botarlle  todo o lixo posible para que o equipo da capital quede a salvo. Pero neste caso hai un morto e por moito que tentemos ignorar a realidade, os autores aínda están en liberdade. Non son válidas as equidistancias.

Agora a LFP sae cunha normativa para prohibir os insultos nos campos de fútbol mentres non sancionan os cantos nazis en moitos campos, nin pechan campos onde un xogador ou adestrador son agredidos (en Mestalla Messi ou a Luis Enrique por exemplo). Deixan campar a súas anchas a uns asasinos que parece costa identificar. Hoxe sabemos que a LFP denuncia insultos en Riazor, non hai máis campos con insultos. Non? No Bernabeu?

A violencia vai máis aló do Estadio de Riazor, algo que parecen non lembrar nin os xornalistas da meseta, a LFP e a RFEF

Pouco arranxo vai ter o tema da violencia no fútbol se o único obxectivo da LFP é o minuto de silencio, ou os Riazor Blues ou o mesmo Lendoiro. A violencia vai máis aló do Estadio de Riazor, algo que parecen non lembrar nin os xornalistas da meseta, a LFP e a RFEF. Mentres o obxectivo sexa botar culpas  a uns para salvar a outros, volverán as dantescas imaxes coas dramáticas consecuencias dese maldito domingo.

“A violencia, sexa cal sexa o camiño, é un fracaso” (Jean Paul Sartre).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.