Muller e deporte: moito por facer

A realidade do deporte feminino, por desgraza, dá como para escribir unha enciclopedia. A muller deportista estivo sempre marxinada dentro da sociedade, se falamos de deporte habemos de ter moi presente unha cousa, que é un mundo tradicionalmente de homes. Hoxe en día, case todos os deportes teñen a súa versión feminina, pero aínda así, as deportistas permanecen á sombra dos seus colegas masculinos.

“Cando vexo a dúas mulleres que pelexan no ring póñome doente. É un deporte para homes, non para mulleres. Xamais llo permitiría a unha filla miña”, declarou o púxil ucraíno Vitali Klitschko, campión mundial dos pesos pesados, ao coñecer que o boxeo feminino estará presente nos próximos Xogos Olímpicos

Este tipo de declaracións, realizadas incriblemente nestas datas e cando se supón que estamos dando pasos cara á igualdade, fannos ver que aínda temos un longo camiño por percorrer, quédanos aínda, moito traballo por facer, traballo que temos que realizar xuntos, homes e mulleres, para acadar unha sociedade e un deporte mais xusto e igualitario.

A participación feminina no deporte veuse incrementada en número, pero esta participación non se veu reflectida nunha maior representación en postos de decisión e dirección do deporte, que segue manexado por homes. Mentres non cheguemos aos órganos de dirección das federacións, non poderemos evitar que o deporte siga sendo machista, e así, lonxe de avanzar, o único que faremos é seguir dando pasos cara atrás. Actualmente hai unha gran cantidade de mulleres sobradamente preparadas para ser dirixentes; con todo, non se lles brinda a oportunidade de poder acceder, e o peor de todo, as mulleres que inician ese camiño acaban tirando a toalla ao ver a desidia existente por parte dos seus compañeiros.

Habería que establecer medidas que favorecesen a incorporación das mulleres aos órganos de decisión do ámbito deportivo, ter representación nas decisións para poder seguir avanzando, impulsando e promocionando o noso deporte. E non quedarnos nunha cuestión secundaria, a tratar no apartado de rogos e preguntas.

Mentres non haxa mulleres que dirixan e decidan; dentro do deporte non haberá igualdade.

Se analizamos a presenza (das mulleres) en cargos de responsabilidade, a situación non se corresponde coa poboación feminina practicante de deporte; na Galiza, a toma de decisións na gran maioría das federacións, aínda está en mans dos homes. Eles non se dan conta de que o deporte feminino ten os seus propios obxectivos, as súas necesidades, dificultades e motivacións. É por iso polo que entendo que o papel da muller, aquí, é imprescindible.

Lamentablemente só atopamos tres mulleres á fronte de federacións deportivas: Nuria Rodríguez Suárez, presidenta da Federación Galega de Salvamento e Socorrismo; Carmen Barro Pita, presidenta da Federación Galega de Kárate; e Mercé Barrientos, presidenta da Federación Galega de Taekwondo. E as tres xa demostraron que o feito de ser muller e dirixir unha federación non é incompatible. Elas están a facer un excelente traballo..

A desigualdade de xénero no deporte é unha realidade. Non pretendemos que nos poñan unha alfombra vermella para pisar por ela, o que pretendemos é que se nos valore na súa xusta medida.

Evidentemente, aínda queda moito para que o deporte masculino e o deporte feminino sexan equiparables. Sei que temos moitísimo traballo por diante, pero eu teño a esperanza de que algún día a desigualdade de xénero no deporte deixe de ser un tema de conversación.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.