A galeguidade onte e hoxe

Na miña nenez, alá pola década dos sesenta, cando toda unha xeración aldeá aínda axudabamos nas tarefas máis sinxelas da casa, ao tempo que faciamos barquiñas de xunco a carón daqueles regatos cheos de vida que facían verdegar aos eidos, ou creabamos ducias de trebellos a partir dos recursos naturais da contorna, a cultura popular, transmitida desde a fonda humanidade dos nosos devanceiros, era a principal fonte da que bebía o noso espírito. Aquela xeración, a pesar da feroz opresión da ditadura franquista ao traveso da escola e da actitude cómplice da igrexa, vivía a nenez nun medio ateigado dunha vasta cultura de seu que paseniñamente foi asolagando os nosos espíritos dunha sólida identidade, ao tempo que tamén,  íriao facendo latexar humanamente. Sería desde todo un abano de aconteceres populares que acotío enchía de vida as nosas aldeas, onde os antergos nos anegaron do máis esencial do noso patrimonio inmaterial. Transfundíronos nas nosas almas de rapaces todo o que tiñan de seu: a súa galeguidade.

Aquilo que era moito, pois embebera as nosas almas dunha singular humanidade, resultaba insuficiente. Eramos tamén fillos dunha sociedade sen liderado, frustrada no seu desenvolvemento endóxeno, acomplexada da súa idiosincrasia e sen conciencia de seu como pobo diferenciado. Unha sociedade que seguía a vivir de costas ao futuro e demasiado preocupada de non perder o pasado, única realidade na que confiaba a nosa xente. Todo isto reflectía, sen dúbida, a inseguridade que aniñaba na alma daquel pobo, a falta de confianza en si mesmo para afrontar con resolución a realidade de opresión e dependencia que tanto estragou a nosa identidade e estancou o noso desenvolvemento. Perante esta situación, cumpría construír, alén dos nosos lares, un proxecto persoal que ateigara de esperanza a nosa vida de rapaces.

Empurrados, pois, por unha realidade oprimida e marxinada por poderes alleos aos intereses do país, pero ateigada dunha vasta cultura aínda non atacada pola forza do aparello posmoderno, un tras doutro, asolagados pola tristura e a incertidume, fomos deixando os nosos eidos co único fin de abrirnos camiño deica novas realidades.

Paseniñamente, xa lonxe dos nosos lares, principiabamos asistir abraiados á constante deturpación da nosa galeguidade, mentras outra cultura, a cultura do poder establecido imposta desde a escola, ía colonizando as nosa almas de rapaces. Ao tempo, unha morea de contradicións xermolaban no noso cerne. Era o inicio dunha longa etapa de desacougo que agromaba dunha nova realidade ferreamente imposta, na que semellaba como que nada do que eramos encaixara nese novo mundo que estabamos a descubrir. Unha constante sensación de extrañamento enchíanos de anguria e dunha fonda sensación de soedade que mancaba con forza o noso ser. Pero cando figuraba que un  se escorregaba naquel novo chan tan montesío, de súpeto, medrarían con forza, desde o fondal da nosa alma, as raigames prendidas nos eidos da nenez, que, como dornas en mar aberto, acubillaban aqueles desacougados espíritus.

Aquela galeguidade expresada polas nosas xentes ao traveso da cultura popular, historicamente tan marxinada polo poder e rexeitada desde os prexuízos que aniñaban en moitos dos seus fillos, deunos a moitos de nós os azos necesarios para facer a travesía da nosa mocidade e chegar a terra firme coa conciencia clara da nosa identidade de galegos; pero tamén, as arelas para converter o sentimento de galeguidade que enchoupaba o noso espíritu no cerne do noso cobizado proxecto de futuro.

Non obstante, a situación de hoxe trocou substancialmente a realidade na que vive a nosa mocidade. Ás propias eivas endóxenas que seguen a condicionar o desenvolvemento da nosa galeguidade, da que cabe salientar o despoboamento do mundo rural, a maioritaria falta de identificación co propio, a falta de compromiso dos nosos gobernantes cos valores do país, etc.; cómpre engadir a fonda crise na que viven todas as grandes significacións sociais que deron sentido á historia moderna e moitas delas, eu dería, á propia humanidade. Este feito vén condicionado polo tremendo efecto deshumanizador e anestésico sobre as sociedades occidentais que está a producir o actual sistema capitalista ao abandoar as limitacións das forzas productivas e económicas para invadir todo o espazo intersubxetivo, onde realmente se constrúen as culturas e se humanizan as persoas, converténdose nun proxecto global que todo o degrada e o deshumaniza. Hoxe xa se fai moi difícil delimitar o seu poder á esfera propiamente económica e abrir outros espazos alternativos onde o ser humano poida enxergar maiores posibilidades para o seu desenvolvemento como persoa. A vida foi vaciándose de tantas significacións humanas que moitas das lexítimas arelas das persoas e dos pobos están a quedar absolutamente frustradas, afogadas pola materialización da vida e polo esmorecemento da soberanía popular que está a producir este capitalismo salvaxe, degradante e ilimitado no seu poder. Esta situación tan alienante, afecta tamén, dunha maneira salientable ao desenvolvemento social do noso espíritu galego, que se encontra ademais, indefenso, xa que non estamos a ser capaces de construírmos un país á medida da nosa ser, para defender e potenciar os valores culturais que nos singularizan, nos enriquecen e,tamén, nos humanizan. Este feito desgaleguizador está a afondar aínda máis na desubstancialización espiritual de moitos dos nosos mozos e mozas, ademáis de seguir debilitando o propio ser de Galicia. Polo que, a nosa singular realidade non pode seguir estando constrinxida pola irresponsabilidade dunha parte dos nosos dirixentes, senón que tería que ser dignificada e potenciada, para poder afortalar a espiritualidade dos máis novos e en definitiva, o futuro dunha galeguidade que segue a encarnar todos os latexos espirituais dos nosos devanceiros ao traveso dunha cultura única e extraordinaria. Do contrario, a superficialidade, o consumismo e a barbarie seguirán degradando a vida dun segmento importante da nosa mocidade e, xa que logo, a identidade cultural da nosa Terra.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.