0 Gardados para despois

Xoán Antón Pérez-Lema

Quedar ben con Madrid

51 peñas deportivistas, que representan aos sectores máis activos e conscientes da afección, veñen de criticar duramente a política desenvolvida nas últimas datas por Tino Fernández e o seu Consello de Administración, reprochándolles ter preferido “quedar ben con Madrid” antes ca esixir unha pescuda xudicial a xeito que descobra aos asasinos de Jimmy e antes ca defender unha política contra a violencia que non sexa equidistante entre as vítimas e os agresores.

Arrepía pensar en que sexan o propio Ministerio do Interior e a Delegación do Goberno en Madrid, responsábeis por omisión desta morte, os mesmos que fabricasen o relato que se lle vendeu aos media madrileños (agás algunha excepción honrosa) e que de aló exportaron ao resto do Estado, mesmo a algúns media do noso país. Un relato onde os malos son os galegos, que veñen amolar aos da capital, que serían moi bullangueiros e moi de saltar á primeira, coma bos latinos. Porque focalizando na vítima no canto dos asasinos conseguen que menos xente se pregunte polas mentiras de Cristina Cifuentes, que coñecía dende tres días antes que 50 blues viaxarían na mañanciña do domingo 30-N. Que menos xente se pregunte que está a ocorrer na investigación, que en 15 días non foi quen a xerar unha soa detención nin unha soa explicación.

Para a cidadanía galega feitos coma estes haberían servir para aprendermos como, para o que non interesa, non somos considerados da Casa. A  decisión política, as elites financeiras e mediáticas, a conformación da opinión dunha España a cada máis polarizada e centrípeta…están en Madrid e Galicia, co 5% do PIB e o 6% da poboación, non conta. Moito menos A Coruña nin o Dépor.

Velaí que sexa tan importante mirar polo noso e apostar sen dúbidas por máis autonomía mental. Por máis capacidade para formarmos os nosos propios xuízos dende aquí, o que esixe tamén máis coñecemento e achegamento á nosa propia contorna. E velaí que sexa tan deprimente que tanto o Presidente de Galicia como o alcalde da Coruña prefiran tamén quedar ben con Madrid, mercándolle a súa falaz historia, antes ca defender o verdadeiro relato dos feitos que, se non coñecen, haberían coñecer en razón do cargo que ocupan. Precisamente polo voto da cidadanía galega e coruñesa.

Acerca de Xoán Antón Pérez-Lema