Transparencia? Tamén no financiamento das universidades galegas

Avanzar na transparencia e o control da acción política é neste momento unha necesidade imperiosa para loitar contra a corrupción e comezar a xerar confianza na cidadanía. Ata o momento temos grandes proclamas, intencións máis ben escasas e escasos avances reais. Nos pasiños a dar neste camiño cara novas formas de exercer a política estaría ben non esquecernos da xestión do público. A procura dunha participación consciente nos asuntos públicos require que a cidadanía coñeza os orzamentos das institucións, coñeza como se executan e coñeza os resultados das políticas que financian. Isto está moi lonxe de ser así. E o presente debate sobre o financiamento das universidades pode servir de exemplo.

Aberta como está a discusión sobre o novo plano de financiamento universitario, sería esperable que o máximo órgano de control, o Parlamento, vaia dispor dunha memoria de execución e avaliación do plan actual 2011-2015. É o que dita o sentido común, avaliar o que se fixo para corrixilo e melloralo. Agardemos que sexa así. Pero tal como están agora ás cousas, o que podemos facer é discutir sobre os orzamentos para o ano próximo e valoralos no contexto de cumprimento do plan vixente. Para facelo, recorrer ao publicado pola Xunta de Galicia resulta non ser de gran axuda.

No documento de presentación dos orzamentos 2015, achégase unha cifra de 374,7 M€. Porén, se acudimos aos propios orzamentos e sumamos concepto a concepto, o importe que se obtén é de 372,6M€

No documento de presentación dos orzamentos 2015, achégase unha cifra de 374,7 M€. Porén, se acudimos aos propios orzamentos e sumamos concepto a concepto, o importe que se obtén é de 372,6M€. A diferenza, pouco máis de dous millóns de euros, non semella unha cantidade tan relevante, pero desde logo non é desprezable; sería suficiente, por exemplo, para incrementar a oferta de contratos para a realización da súa tese de doutoramento a 50 mozos e mozas durante dous anos. Esta aparente pequena diferenza nos datos ten outro efecto nada desexable para os que gobernan, suporía que entre 2014 e 2015 o orzamento do PFSUG diminuiría. Diminución moi difícil de explicar posto que, como seica estamos xa saíndo da crise, para o ano 2015 a Xunta prevé uns ingresos totais maiores que no ano anterior. Claro está que si a cifra de 2015 non coincide, pode que tampouco o fagan as dos anos anteriores. E estas dúbidas son inevitábeis por que nos sucesivos documentos de presentación dos orzamentos as cifras van mudando, nalgúns casos de forma moi significativa como no 2013 no que os fondos poden ser 371,5 M€ ou 393,2 M€.

Neste mesmo documento de presentación amósase a evolución do financiamento real das universidades desde 2009 a 2015, e sorprendentemente en 2009 o financiamento real das universidades era case 37 millóns de euros menos que previsto por este goberno para 2015. Digo que con sorpresa, xa que, obviando que calquera comparativa no tempo precisa traballar con euros comparábeis, a evolución real da economía desde ese ano 2009, a perda continuada de ingresos na Xunta e o reiterado discurso de non gastar o que non se ten, non parece que case moi ben con este dato. Tampouco coa percepción xeral de profundos recortes do conxunto da comunidade universitaria. Aínda que o modelo de financiamento do sistema universitario galego ten ido cambiando, a evolución dos dous principais programas de gasto que financian ás universidades apuntan o pouco crible que é o empeño.

O que é inconcibible é que coñecer con certeza algo tan sinxelo como os cartos cos que financiamos ás tres universidades públicas galegas se converta en misión case imposible, a pesar de ter un plan de financiamento específico e feito público

Á vista do gráfico que amosa, os fondos dos que dispuxeron as universidades no ano 2009 deberon ser claramente superiores, pero podería ser doutra forma? Non, evidentemente non podía ser doutro xeito xa que o contexto económico, coa crise no seu inicio, era completamente distinto. E a inmensa maioría da xente entendería que fora así. O que creo que non entendemos é esa práctica tan estendida de manipular a realidade con informacións que faltan a verdade coa pretensión de quedar sempre de campións, aínda a costa do engano. O que é inconcibible é que coñecer con certeza algo tan sinxelo como os cartos cos que financiamos ás tres universidades públicas galegas se converta en misión case imposible, a pesar de ter un plan de financiamento específico e feito público. A transparencia e control reais obriga non só a facer públicos os orzamentos, obriga tamén a eliminar toda forma de opacidade interesada, implementando prácticas orzamentarias máis claras e entendibles, e usando a tecnoloxía e a creatividade para facilitar o acceso real a toda a información relevante para o cidadán. Pero seguirá sendo inútil agás que o goberno, cos medios que ten ao seu alcance, se comprometa a subministrar información veraz sempre. E os nosos e nosas representantes no Parlamento teñen a obriga de esixir que así sexa.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.