O derrubo das políticas de vivenda e xuventude en Compostela

O convenio asinado polo Concello de Santiago de Compostela coa Consellaría de Medio Ambiente para construír vivenda libre nun terreo público destinado a vivenda para mozos en réxime de alugueiro evidencia unha vez máis os principios ideolóxicos do PP: a privatización do público para poñer en mans do promotor privado o negocio lucrativo, antepoñendo os intereses particulares sobre os da comunidade, sen ningún tipo de complexo.

Evidencia unha vez máis os principios ideolóxicos do PP: a privatización do público para poñer en mans do promotor privado o negocio lucrativo

Neste caso únense dous graves ataques ao interese social, por un lado o desprezo ó dereito a vivenda, tantas veces pisado, e por outro, un novo ataque a manter viva a cidade histórica eliminando unha das poucas medidas que posibilitan a revitalización e a dinamización do centro histórico, como é a creación de vivendas para mozos.

E vemos como practican estas políticas en contra das súas propias leis, sen ningún pudor, coma a Lei de Rexeneración Urbana ou a Lei do Solo de Galicia que promove a cohesión social, ou desa Constitución que tanto reivindican noutros casos…

Cando falamos de vivenda, é necesario recordar o artigo 47 da Constitución: “Todos os españois teñen dereito a gozar dunha vivenda digna e axeitada. Os poderes públicos promoverán as condicións necesarias e establecerán as normas pertinentes para faceren efectivo este dereito, regulando a utilización do solo de acordo co interese xeral para que se impida a especulación” e todos os ataques lexislativos favorecedores da especulación dos gobernos do PP coma aquela Lei do Solo o 97 que de forma irresponsable e antisocial pretendía facernos crer que a liberalización do solo favorecería a baixada de prezos da vivenda e acabou na burbulla inmobiliaria da que aínda sufrimos nós e o noso territorio os seus terribles efectos.

A política de vivenda, esa gran esquecida por todos os gobernos neste país, tiña que conseguir o acceso a unha vivenda digna pola maioría da poboación, tal e como pasa por exemplo en Euskadi, onde mais da metade das vivendas teñen detrás algún programa público para permitir o acceso a vivenda en réxime de propiedade ou alugueiro.

Pola contra, vemos como estes gobernos, autonómico e municipal, despois destes anos de goberno sen ningunha inversión neste campo, agora cando chegan as eleccións, intentan facernos crer que apostan por ela con este convenio especulativo e privatizador, apelando aos máis de seiscentos demandantes de vivenda inscritos no rexistro da Xunta neste concello.

Afonda nesa idea clásica da dereita de expulsar aos barrios periféricos os beneficiarios de vivenda protexida

A chapuza especulativa da cesión desta parcela a un promotor a cambio da construción de vivendas no Castiñeiriño, reduce o número de vivendas protexidas previstas, e ademais afonda nesa idea clásica da dereita de expulsar aos barrios periféricos os beneficiarios de vivenda protexida, aínda que vaia contra a propia Lei do Solo de Galicia vixente na actualidade e mesmo da nova lei, aínda menos protectora dos dereitos sociais e do territorio, que se está tramitando a instancias do PP no Parlamento. Segundo o art. 47/11.c da Lei do Solo vixente: “A reserva para a construción de vivendas de protección pública terán que localizarse evitando a concentración excesiva de vivendas deste tipo, para favorecer a cohesión social e evitar a segregación territorial dos cidadáns ou cidadás pola razón do seu nivel de renda.”

Esta parcela, de 1.600 metros cadrados e valorada en 2,9 millóns de euros, é propiedade do Instituto Galego de Vivenda e Solo e dende 2003 estaba reservada para 40 vivendas de promoción pública destinada a alugueiro sen dereito a compra para mozos de menos de 35 anos.

A crise non pode seguir empregándose como xustificación para a privatización do solo público

Se algo necesita a nosa cidade é favorecer operacións coma a que estaba prevista para impulsar o acceso a vivenda de calidade a prezos razoables para reducir a especulación urbanística e para loitar contra a expulsión da xente nova do noso casco histórico ante a presión do capital especulativo e a falta de control na explotación excesiva polos usos hosteleiros.

A crise non pode seguir empregándose como xustificación para a privatización do solo público. E menos nesta cidade, que leva sufrindo tres anos de privatización do seu espazo público con ordenanzas coma a de terrazas, que permite a ocupación particular de boa parte das rúas de uso peonil e outros intentos de cambios urbanísticos para beneficiar a propiedade privada, como foi o da Finca do Espiño, no que o alcalde condenado por fraude, Gerardo Conde Roa, pretendía cambiar o uso previsto de xeriátrico por vivendas privadas nunha posición privilexiada, do cal parece ter aprendido o alcalde actual Agustín Hernández.

Faise imprescindible recuperar por parte da cidadanía o control político das institucións para facilitar o acceso a vivenda e o mantemento dunha cidade viva e cohesionada e que protexa os dereitos fundamentais dos seus veciños

Está moi claro que non podemos esperar políticas de vivenda positivas destes gobernos, pero é inadmisible que se derrube unha das poucas accións positivas previstas a favor do acceso a vivenda por parte da xuventude con argumentos que só agachan unha redución do número de vivendas públicas e beneficiar o promotor privado que poida vender dentro de tres anos vivenda libre nun entorno privilexiado. Decisión que se suma á tomada para derrubar a Casa da Xuventude, tamén no centro histórico e que despois de trinta anos de xestión pola Xunta, cando o Concello recibe a propiedade, decide derrubala, acabando cun edificio de 1.600 m2 destinado a usos socio culturais e para a xente nova.

Faise imprescindible recuperar por parte da cidadanía o control político das institucións para facilitar o acceso a vivenda e o mantemento dunha cidade viva e cohesionada e que protexa os dereitos fundamentais dos seus veciños, especialmente os dos que o teñen mais difícil, coma a xente nova.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.