0 Gardados para despois

Xoán Antón Pérez-Lema

Non estaba no seu sitio

O Nobel Cela dixo nunha ocasión que, na democracia española, “só El-Rei sabía estar no seu lugar”. Teño para mín que D. Camilo habería corrixir a súa opinión á vista da manifesta inoportunidade da viaxe real a Botswana para partillar nun safari de elefantes.

Esta viaxe pon no foco unha evidente falla de sensibilidade real coa realidade dunha sociedade empobrecida, onde millóns de persoas sofren os rigores do desemprego           

Porque esta viaxe pon no foco unha evidente falla de sensibilidade real coa realidade dunha sociedade empobrecida, onde millóns de persoas sofren os rigores do desemprego. Na semana na que o Goberno do Estado anunciaba recurtes adicionais por 10.000 M € na sanidade e na educación, D. Juan Carlos participaba nunha actividade absurdamente custosa (uns 30.000 €/cazador), sen clarexar se a mesma foi por conta do orzamento da Casa Real (que só se recurtou nun 2% neste 2012 de restricións xeralizadas do gasto público) que El Rei distribúe libremente por precepto constitucional.

Cazar elefantes, asemade, é unha actividade que pouco ten de deportiva e moito de cruel, polo menos para a sensibilidade social  maioritaria en toda a Europa, tendo en conta como se desenvolve. A participación real neste safari, malia pertencer á súa vida privada, reflicte unha total falla de sensibilidade a respecto dos valores da conservación na natureza e do respecto pola vida animal, atinxindo asemade unha especie en risco obxectivo de extinción.

Vai afondar no divorcio entre a sociedade e a institución monárquica e reducirá de seguro o grao do chamado juancarlismo entre as xeracións que xa non viviron a transición

É evidente que este incidente non ten nada a ver, canto á súa gravidade, co caso Urdangarin. Porén, vai afondar no divorcio entre a sociedade e a institución monárquica e reducirá de seguro o grao do chamado juancarlismo entre as xeracións que xa non viviron a transición. Neste senso, o futuro da Institución vai depender cada vez máis do xiro que lle poida dar Felipe de Borbon, que habería pasar, de certo, por unha meirande austeridade e apertura á sociedade, así como á realidade plurinacional da España.

 

A arrincadeira

A política exterior española sempre se caracterizou pola súa cobertura dos intereses dunhas poucas grandes empresas, no canto de promover os intereses de tantas medianas empresas que adoitan enfrontar sen axuda a súa internacionalización. Menem malvendeulle a Repsol a petroleira YPF (unha das xoias da coroa do sector público arxentino) e dende entón Repsol incumpre as súas obrigas canto aos investimentos na Arxentina. Mais Rajoy prefire ser o Goberno de Repsol ca o Goberno das pemes españolas.

Acerca de Xoán Antón Pérez-Lema