Repugnancia (Carta Aberta a Conde Roa e Leo Bassi)

Señor Conde Roa: dixo vostede que o gran clown Leo Bassi lle produce “unha especial repugnancia”. Engade ademais, para rematar a faena (vostede que é tan dado ós símiles taurinos) que o bufón italiano non ten nada que “achegar á cultura de Santiago”. Será porque os seus ditos e feitos, as súas actitudes, e a súa longa traxectoria política e persoal, teñen moito exemplo que dar en canto a “limpeza”, e moito que achegar á cultura e á cidade.

Noxo dá que mentres vostede non estaba ó tanto das súas obrigacións fiscais, o seu partido no goberno de Galicia levara a cabo dende 2009 un recorte de entre o 40 e o 70% nas axudas 

Repugnancia, señor Conde Roa, é que, mentres vostede non pagaba deliberadamente a Facenda uns 291.000 euros de nada, co fin de rematar as súas promocións inmobiliarias (recoñecido por vostede mesmo), lle negara ao tempo á sala NASA unha cantidade ínfima comparada con a súa, imposibilitando a actividade da outrora sala de teatro privada máis importante de Galicia, e afogando un pouquiño máis esta profesión. Noxo dá que mentres vostede non estaba ó tanto das súas obrigacións fiscais, o seu partido no goberno de Galicia levara a cabo dende 2009 un recorte de entre o 40 e o 70% nas axudas, necesarias para calquera outro sector e que este mesmo goberno escatima ás xentes do teatro e en contraste dispensa de forma despreocupada e sen límite a medios de comunicación da súa querencia; todo isto, mentres pechan salas, se disolven compañías de teatro por non lles pagar nin sequera o que lles deben por actuación, e familias enteiras van ó paro e non teñen que comer. Abondaría con que pagara vostede o que debe ó Estado, e se endebedara coa banca e non cos cidadáns, para que se tapase máis dun cuarto do buraco que teñen aberto nos estómagos da profesión.
 
Repugnancia suscita que, mentres que a AGADIC (Axencia Galega de Industrias Culturais), que rexenta o seu partido, lle debe ás compañías de teatro nin máis nin menos que un millón de euros, aos mesmos que pagan os seus impostos pero chama “subvencionados”... noxo dá que, mentres solta todas esas perlas, lle deba todos eses cartos a Facenda, e nin sequera teña a dignidade de comunicalo.
 
Repugnante é que chame “mamón” e “maleducado” a un dos mellores iluminadores da escena en Galicia, Baltasar Patiño, e escureza de súpeto unha ópera como O Barbeiro de Sevilla cos seus modais de matón de barrio baixo e a súa incontinencia verbal.
 
Repugnancia produce que mentres chamaba “terroristas” (ou “cómplices”) a Xesús Ron e demais responsables deste espazo de liberdade e creación, empregara métodos autenticamente terroristas para desaloxar a Sala Yago, terror policial. Mais Xesús Ron trunfou nos premios que concede o seu gremio, mentres que vostede vive os derradeiros estertores dunha vida política rematada e a resaca dunha maioría absoluta inmerecida e mal levada.

Mais Xesús Ron trunfou nos premios que concede o seu gremio, mentres que vostede vive os derradeiros estertores dunha vida política rematada e a resaca dunha maioría absoluta inmerecida e mal levada.

Noxo dá, alcalde, que desprece á cidadanía de Compostela negándolle a actuación dun artista tan querido e respectado como Leo Bassi nun recinto público e, polo tanto, non seu nin do seu partido, senón de todas as persoas que estamos aquí empadroadas, e logo por riba sexa tan pouco intelixente de negarlle tamén a sala de prensa do Concello, que emprega sen embargo para explicar os seus farrapos suxos persoais con Facenda (e de paso facer publicidade do seu “chollo” inmobiliario).
 
Noxo suscita que diga que lle produce “especial repugnancia” Leo Bassi porque fai rir e emocionar desafiando a censura, o medo e a vergoña, mentres vostede fai rir por non chorar, desafiando non só a vergoña, senón o sentido do ridículo e o gusto e a sensibilidade estética cun baile de nadal que debía ser censurado polo menos para os cativos non ter que presenciar tamaño espectáculo (e de paso evitarlle o mal trago ós seus pais). Ou vestindo un traxe “tradicional” e simulando un apoio falso, farisaico, á cultura galega, máis folclorista e anecdótico, de revista do “colorín”, que real, mentres vostede e o seu partido substraen centos de millóns a esa mesma cultura que din representar.
 
Noxo produce, alcalde, que desprece á cidadanía de Compostela negándolle a actuación dun artista tan querido e respectado como el nun recinto público e, polo tanto, non seu nin do seu partido, senón de todas as persoas que estamos aquí empadroadas, e logo por riba sexa tan pouco intelixente de negarlle tamén a sala de prensa do Concello, que emprega sen embargo para explicar os seus farrapos suxos persoais con Facenda (e de paso facer publicidade do seu “chollo” inmobiliario). Mais Leo Bassi trunfou onte con dous espectáculos cheos ata arriba de xente, e trunfa aí por onde vai, mentres que a vostede non o coñecen fóra máis que os xornalistas franceses que non dan crédito a que exista un político que censure tan descaradamente como vostede.

Noxo xera que lles dixera ós cidadáns e cidadás pacificamente asentados no Obradoiro para protestar e concienciar á sociedade que daban “mala imaxe” ao mundo, cando a peor imaxe a dá vostede coa súa particular forma de entender non só a política, senón os seus máis elementais deberes cidadáns 

Noxo xera que lles dixera ós cidadáns e cidadás pacificamente asentados no Obradoiro para protestar e concienciar á sociedade que daban “mala imaxe” ao mundo, cando a peor imaxe a dá vostede coa súa particular forma de entender non só a política, senón os seus máis elementais deberes cidadáns. Será que prefire ós pés negros os buracos ídem? Ou que prefire “okupar” a Casa do Concello, que non lle pertence, máis cómoda e quentiña, a que a xente cun mínimo de conciencia que non o votou “okupe” a praza pública recordándolle que aí está para algo máis que satisfacer o seu ego?
 
Noxo é que, mentres aos artistas lles nega e debe tanto diñeiro, mentres son doentes de fame como antano os chamados “cómicos” da posguerra, gaste 8.000 euros en renovar o retrato duns monarcas españois que xa existía, por outra banda; e outros tantos en acondicionar unha rúa, inaugurala con todo tipo de bombo e platillo, e porlle o nome dun fascista (ó que para colmo o sitúa como máximo referente político seu), ou levante bustos de papas, mentres deixa que creza a maleza na ruela abandonada e sen saída adicada por outros a Díaz Pardo; ou que queira contratar oito novos altos cargos, cos seus correspondentes soldos estratosféricos, dietas e prebendas; ou a recalificación da finca do Espiño, a destrución das brañas do Sar...
 
Repugnante é que, o mesmo día que o seu partido anunciaba o recorte de 10.000 millóns de euros en educación e sanidade, nunha nota e sen sequera rolda de prensa, vostede si a organizara pero para explicar con toda desfachatez e sen ningún rubor que debía 291.000 euros, que o sabía e que non llo dixo ós electores e nin sequera ó seu partido, e que non pensaba dimitir porque non cometera “ningún delito”.

Repugnante é que o seu propio partido decrete unha amnistía fiscal para deixar impunes ós defraudadores, mentres anuncie unha lei para criminalizar a resistencia pasiva e as convocatorias cidadás

E que tamén o seu propio partido decrete unha amnistía fiscal para deixar impunes ós defraudadores, mentres anuncie unha lei para criminalizar a resistencia pasiva e as convocatorias cidadás... só falta que nos impidan manifestarnos na nosa casa, se é que a chegamos a ter algunha vez na nosa vida, e se é que non nola quitan, a dos propios pais por non poder facer fronte á débeda de por vida xerada por unhas hipotecas abusivas que me fan pensar en se non estaría ben negar calquera clemencia e establecer un tipo de interés máis alto sobre as débedas fiscais, embargándolles a casa e tódolos bens mobles e inmobles, materiais e “morais” ós individuos como vostede morosos do Estado que somos todos, comezando polo seu cargo político, impropio para un presunto estafador do Erario Público, dos petos de tódolos cidadáns. Vostede que non apoiou unha moción de Stop Desahucios para condonar a débeda dos que quedan no paro e sen poder saldar as súas hipotecas, non merecería non só perder a casa, senón quedar en débeda ad aeternum per secula seculorum, para ter algo da súa propia menciña?

Ou é que ter sorte ou sangue azul (non en van é Conde de nacemento) e ter familia e amigos que lle axuden a un a pagar as débedas abonda para que un se salve do cárcere? Onde está a “igualdade ante a Lei” que predica o seu mentor Juancar I de Bribón (enténdase, o iate que tripulaba nos seus bos tempos)? Non será estraño que o Conde roia no ánimo da xente, na súa acepción da RAG “atormentar ou molestar interiormente”, e a sociedade se vexa obrigada a resistir pacientemente os seus abusos de poder, descualificacións e metidas de pata. Ah, non, que a desobediencia civil tamén está penada polo poder incivil. A Roa hai que roelo!
 
E case todo isto antes da Semana Santa (ciclo de “paixón” que debeu ser tamén para vostede, vistas as graves acusacións e finalmente imputación que pesan sobre vostede)... non é de mal cristián xulgar a palla no ollo alleo e ignorar a trabe no propio? Non dicía o seu líder espiritual que quen estivese libre de pecado, tirase a primeira pedra? Eu non o vin moi “católico” que digamos nestes días, e polo menos espero que se confesara antes de celebrar a “Pascua” nese bus tan pintoresco no que o levaron a Padrón. Aínda que non parece arrepentirse moito, cando dá unha rolda de prensa na que escurre o vulto, se xustifica e alega supostas teorías da conspiración contra a súa (maltreita) figura... Por que non predica co exemplo e expía os seus pecados dimitindo, que é o que ten que facer? Por que se aferra aínda máis ó posto? Até que nivel de “repugnancia” ten que chegar para facer tal? Non se decata de que as súas actuacións, no peor sentido da palabra, si xeran repugnancia entre miles de cidadáns e cidadás?

Vostede despreza a Leo Bassi, Iván Prado, Xesús Ron, Baltasar Patiño e todos os artistas porque representan o contrario a vostede e os da súa caste: a liberdade, a tolerancia, a creatividade, o humanismo dos pallasos e as xentes do teatro, danza, circo e arte en rebeldía, a combinación de razón e sensibilidade que a vostede lle falta. 

Vostede despreza a Leo Bassi, Iván Prado, Xesús Ron, Baltasar Patiño e todos os artistas porque representan o contrario a vostede e os da súa caste: a liberdade, a tolerancia, a creatividade, o humanismo dos pallasos e as xentes do teatro, danza, circo e arte en rebeldía, a combinación de razón e sensibilidade que a vostede lle falta. Porque vostedes, politicastros, tristes actores con formas bufonescas, aparentemente moderadas e máis propias destes tempos descafeinados, pero igual de evidentes e sintomáticas, son os novos herdeiros dos fascistas de antano; vostedes son os fillos e admiradores dos que fusilaron a Lorca por ser unha mente ceibe, e buscar a ledicia e a plenitude humana; vostedes os fillos e admiradores dun tal Millán Astray, que dicía “que muera la inteligencia!!!”; e vostedes os que nunca condenaron nin condenarán os atropelos da ditadura franquista, mentres cometen os atropelos da ditadura dos Mercados, e demonizan calquera expresión de lucidez e liberdade. Vostedes son os que crean Cidades da Cultura abandonadas, mentres abandonan crear cultura para as cidades. Vostedes os que desprezan e non achegan nada interesante nin bo nin sequera indiferente, só daniño e letal, á Cultura. Como unha enfermidade repugnante, repugnante é o axente que as aniquila, non as vítimas que a sofren.
 
Repugnancia é o que produce vostede, alcalde Conde Roa, repugnancia é sinónimo de vostede.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.