Contra o lugar común

Cuba, sobreexposta e oculta, precisa dun pulo fronte o lugar común. Palabras, imaxes, espazos e xentes, permaneceron e permanecen bloquedadas. Para contar unha realidade diversa, lonxe da homoxeneidade que convirte a illa nun parque temático, precisamos múltiples guías para construir unha mirada desprexuizada. Trala derradeira urxencia mediática  ̶ nestes intres expándese unha gran protesta virtual que esixe saber da situación da artista Tania Bruguera trala súa detención ̶  atopamos unha illa poética contra os estereotipos do común.

A poesía que desbloquea a realidade é un antídoto contra o turismo e as consignas pechadas. A poesía obríganos a observar tralos reflexos do ollo dourado e deslumbrante da Revolución. A poesía  escrita neste inicio de século guíanos na interpretación do territorio e os últimos poetas cubanos son, ademais, intérpretes certos da súa época.

Neste glosario poético contra o lugar común, desaparece a mirada turística, tamén os reflexos dourados, a través duns termos simbólicos, clásicos no imaxinario cubano, anovados en versos escritos pola nova xeración, os poetas permítennos unha mirada limpa través de antigos buracos.

AUGA: «Durante toda a tarde agochábame, / case sen respirar, para que non me atoparan, / sepultada, na caixa de auga». A poeta Liudmila Quincoses fai referencia á construcción do corpo no xogo de agocharse e adaptarse a espazos contenedores de auga. O corpo é agua como todo o que a rodea. A auga, é un elemento primordial tamén na última fornada de poetas, anega todo o mundo simbólico, a súa relidade é esencialmente líquida.

DIVERSIDADE: O crítico Walfrido Dorta aposta por unha literatura cubana lonxe dun capital simbólico esgotado, relacionado coa mirada turística que transforma a illa nun parque temático. A Dorta interésanlle os poemas que articulan «unha impersonalidade, unha impoliticidade» coma este de Michael H. Miranda cunha forte referencia migratoria: «Aves cruzando / cara o son da neve» ou os versos de Edwin Reyes Zamora: «porque o discurso político / ténsase / entre dous puntos / e o  discurso poético / creba esa liña».

ILLA: Os novos poetas actualizan insularidade dende a quietude coma Derbys Domínguez no seu libro Residuo: (a illa é) «un barco que se detivo fai séculos na auga  /  e  nada, nin o forte vento pode movelo»; ou a ciencia ficción de Aymara Aymerich: «no Cabaret hai certos problemas migratorios e algunhas inspeccións de rutina nas fronteiras, mais Vostede posúe vantaxes: o seu ticket foi e será durante o

TEMPO: personalizado e de balde»; e tamén é posible dende a enfermidade coma propón Jamila Medina: «Una illa é unha estreita fenda / a xente arreconchégase nos costados a saborear o infinito / a peor enfermedade dos sus habitantes / sobrevén cando desexan voar».

MULLER: Lizabel  Mónica escolle unha acción cotián e tradicionalmente feminina para visibilizar a restricción que mermou a participación da muller, e por extensión a dos esquecidos, no público e na historia:

A costura é invisible para quen non usou a agulla sobre as vestiduras. Permanecen entre as mans, no tecido da pel que fixo contacto coa pequenísima ferramenta metálica, as historias da laboura, os pespuntes abortados, as rupturas, o entrecruzarse, o azar dito polos nudos. A agulla cala máis do que di. A agulla xoga a agochar. E riba de todo xoga a descoñecer o buraco e as entradas.

MEMORIA: «Ollo unha vella fotografía. Acumuláronse demasiados silencios na madera que rozo, na roupa que trouxeron de Rusia, na memoria». O silencio, os esquecidos e os desaparecidos, abroian e condicionan a reintepretación do colectivo nos versos de Leymen Pérez:

Tamén vivimos nunha esfera. Ainda non nos devolveron as balsas, aqueles bultos, os seus soños. [...] Durmen, quizabes algúns digan palabras, outros cepillan os dentes  ̶ por esta idade non son tan amarelos ̶ . Fuman, dan bicos, tamén trocan grolos. Agora sei. Si, sei. Que eles foron, foron, serán valentes. Agora sei. Que non hai poder nos calzóns sen corpos, que non hai mar sen afogados. Eu escribo destes tempos, vostedes deambulen. Eu descubro algunha beleza nuns ollos riscados, falo. Vostedes entréguense. Amén.

SILENCIO: A linguaxe poética da nova xeración cruza o silencio, posúe múltiples formas e centros que absorben tempos e obxectos perdidos, lugares soñados, persoas desaparecidas, xeografías herdadas e simbólicas anegadas pola auga. O discurso que move a linguaxe e o pensamento, comunica segredos e avisos contra o poder coma nestes versos de Demián Rabilero:

Asústote coa miña lingua longa
Son o dono do reloxo principal
Endexamais fun amado polos homes
Mais todos viñeron babeando
a ofrecerse. A todos posuín.
Un paxaro escuro pousado no bordo
ollando pasar a rumba
a febre   a sanguinolenta praza
coma un espectro tocando as portas
dun paraíso artificial.

VIAXE: Asociadas ó fenómeno da emigración atopamos múltiples desaparicións que definen a natureza negativa da viaxe e as fronteiras, sempre creadoras de espacios do desexo, coma neste derradeiro poema de Teresa Fornaris:

Dende a nada que vin
volve ó latexo das luces
o espazo de sempre 
o tren detido
que advirte a intermitencia dos carrís
≈un camiño invariable≈
Rodeada coma min de porcións de illa 
días repiten os ánimos
os seus límites precisos
canto podería extenderse
intentar a línea ao lonxe
deixar atrás a agua
A agua.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.