Galicia no tempo

Posiblemente, este noso pobo, asentado nunha terra marabillosa, se construíu en plenitude ao longo da Idade Media. Conformaríase nesa etapa como un auténtico actor histórico e en consecuencia, aberto a todas as posibilidades que brindaba aquela coxuntura. Sería no paso do medioevo ao Renacemento  cando as nosas camadas dirixentes, por distintas razóns, non por coñecidas superadas, irían paseniñamente declinando no seu lexítimo protagonismo ata quedar o  país descabezado, facéndolle perder, xa coa Modernidade, gran parte da súa  relevancia histórica.

Deste modo, na medida en que as nosas elites ían renegando da súa auténtica misión, a de ser suxeitos históricos, vangarda e referentes dun pobo de seu, ían tamén trocando a súa auténtica función para converterse en simples instrumentos extractivos da riqueza do país, sempre ao servizo de intereses alleos, claro. Este proceder deixou orfo de liderado, de proxectos colectivos, de espectativas de futuro, de confianza a todo un pobo, ata transformalo nun suxeito pasivo e insolidario, abandonado á súa sorte, encerrado en si mesmo e temeroso ante o futuro, sempre á defensiva e como consecuencia, absolutamente desvalido se non termara dil o pasado, para rematar nos derradeiros séculos vivindo á marxe do poder pero sufrindo as súas negativas consecuencias.

Todo o devandito rematou transformando á maioría das nosas xentes en seres indiferentes perante a acción da política, retranqueiros e xa que logo desconfiados, submisos ante o poderoso, acomplexados ante o diferente, e o que é máis grave, sen a confianza necesaria en si mesmo para tentar  protagonizar o seu destino colectivo.

Como consecuencia, chegadas as primeiras raiolas democráticas, en troques de asumir directamente os seus dereitos e apostar decididamente por forxar un destino de seu, créase a lacra do caciquismo como institución  intermediaria ante o poder, potenciando aínda máis a insolidaridade e  frustrando outra volta o tan necesario proxecto colectivo de país.

Todo este proceder histórico decadente e determinado pola falta de autenticidade da maioría das nosas élites, da baixa autoestima e da falta de  conciencia  individual e comunitaria da xente do común, poderímos resumilo nunha teimuda renuncia a  exercer a nosa auténtica misión, a de construírnos decididamente como galegos, afirmando con orgullo e dignidade a nosa singularidade, o noso particular ser. E posiblemente foi este proceder o que levou  ao  xenial Laxeiro, dicir: “Que marabilla de terra temos e que carallo de xente somos, coño!”

En todo caso, a terra aínda segue esperando e mostrándose aberta a que algún día o seu pobo decida fecundala e o futuro, outra volta, renaza galego.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.