En que pensas, Penélope?

A miseria e a crise sempre lle abre porta á emigración. A historia repítese: familia fendida, home que marcha, Penélope á espera, home que resolve non volver, crea outra familia e esquece a muller que garda a casa, coida dos vellos e cría os nenos. Viúvas de vivos con outras roupas e outras faccións, noutro tempo. Rosalía de Castro escribiu a soidade das galegas como inxustiza e de seguida se converteu nun fundamento da nación, nunha narración do noso, aínda que sempre foi, e aínda é, unha experiencia compartida.

O multiculturalismo made in USA constrúese co correlato oposto alén da fronteira, un chisco máis aló desa terra de ninguén ateigada de maquilas e feminicidio

O multiculturalismo made in USA constrúese co correlato oposto alén da fronteira, un chisco máis aló desa terra de ninguén ateigada de maquilas e feminicidio. O que nun sitio é diversidade, noutro é abandono, o que parece in no norte sabe a reseso no sul. O fotógrafo Héctor Mediavilla retratou estas mulleres á espera, nos labores no monte, na casa, na cociña, na mesa. O seu tendal abalado polo vento, sempre e só con roupa de mulleres e nenos, parece un berro. A exposición pódese ver na Casa Amèrica Catalunya.

Hai uns anos cámara en man, Kathia Jemal, nada en Michoacán, fixo de Rosalía, nativa de Padrón, e foi un chisco máis aló. Gravou un documental cos testemuños de viúvas de vivo mexicanas, Mujeres solas. Rosa, María, Juanita, Barbarita, Otilia poñen voz propia á experiencia compartida: “Soa vou por leña ao monte, soa a vexo arder no lar”. Nos rasgos mesoamericanos, nos brazos a cortar folla seca e a amasar tortillas, recoñécese a soidade.

Por quen chama a serea caucásica nunha aldea chea de mulleres soas de cabelo negrísimo?

Unha das fotografías de Mediavilla aparece na exposición como unha burla. Nun torreiro de festa, anunciando a atracción de cadeiras xiratorias, aparece un cartel como reclamo. Leva pintada unha muller de fermosura normativa, cabelo longo claro, vaqueiros a medio abrir e peitos descubertos con gravata polo medio. Pero non ten brazos! Se o conto non fose triste, ben daba para a rexouba. Por quen chama a serea caucásica nunha aldea chea de mulleres soas de cabelo negrísimo? Será mofa da Penélope á espera? Será que alí xa se aboliu a heterosexualidade obrigatoria? En que pensas, Penélope, ti que non o abrazas pero tes mans para cortar o follaco, amasar tortillas e pintar artesanía?

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.