0 Gardados para despois

Peyo Rivera

Cidade, dereitos e dereito á cidade

A cidade é un dos intentos máis consistentes, e ao cabo, máis exitosos do home, de refacer o mundo no que vive a partires dos seus anhelos máis profundos. Se a cidade, en todo caso, é o mundo que o home creou, é tamén o mundo no que está condenado a vivir. Así, de maneira indirecta e sen unha conciencia clara da natureza da súa tarefa, ó facer a cidade, o home refíxose a si mesmo.

Esta reflexión do sociólogo urbano Robert Park reflicte a relación dialéctica existinte entre a cidade e a cidadanía, ou mellor dito, entre a cidade e cada un dos cidadáns e cidadás que a conforman e a "viven", que a percorren e a definen e, en definitiva, que a constrúen.

O dereito á cidade, materia que foi desaparecendo do imaxinario da esquerda trala disolución das doutrinas do socialismo utópico, está de volta

O dereito á cidade, materia que foi desaparecendo do imaxinario da esquerda trala disolución das doutrinas do socialismo utópico, está de volta, chamado urxentemente a filas por unha cidadanía espoliada, que segue a financiar infraestruturas ornamentais e/ou innecesarias, mentres ten que facer malabares para exercer o dereito de acceso a unha vivenda digna.

Se Fourier, Owen ou Saint-Simon fantasiaban con falansterios e "cidades-cooperativas", o pragmatismo actual lévanos a ver a cidade como un campo de batalla político, como un espazo en/de disputa onde a loita de clases emerxe á superficie, atravesada por cuestións de identidade, de estilos de vida, de relacións de poder e, en conclusión, como campo de expresión dunha hexemonía dominante decantábel cara ós dereitos sociais ou cara ós privilexios dunha minoría.

Di David Harvey, un dos principais investigadores urbanísticos dende una perspectiva de esquerdas, que "a cuestión de que tipo de cidade queremos non pode divorciarse da cuestión de que tipo de persoas queremos ser, que tipo de relacións sociais buscamos, que relacións coa natureza mantemos, que estilo de vida desexamos ou que valores estéticos temos"[1]. E son estas cuestións as que están reactivando a preocupación polo noso entorno; a reflexión sobre un ámbito, a política urbanística, habitualmente sometido a ritmos e formas frenéticas entorpecedoras de dita reflexión.

O dereito á cidade comprende non só o noso dereito ó que xa existe, senón o dereito a imaxinar e construír unha contorna urbana acorde coa nosa vontade e cos nosos desexos e necesidades

O dereito á cidade comprende non só o noso dereito ó que xa existe, senón o dereito a imaxinar e construír unha contorna urbana acorde coa nosa vontade e cos nosos desexos e necesidades, asumindo a súa condición de nicho privilexiado para a expansión e o crecemento capitalistas, e as súas consecuencias inevitábeis. Esta relación de tensión constante entre a mercantilización e a socialización do espazo público materialízase, baixo a correlación de forzas actual, na primacía das cidades deshumanizadas e a súa condena á segregación, fronte á lóxica da congregación do modelo de cidade construída para erradicar a degradación ambiental e as desigualdades sociais.

A existencia destas dicotomías non é casual, como non o son os procesos de xentrificación que están a agromar en zonas, outrora deprimidas das cidades, resucitadas agora como suplemento vitamínico para unha economía financiarizada que teima espasmodicamente en espremer a vía morta da economía do ladrillo.

O motivo é que a nosa democracia goza de boa saúde, mais para a minoría privilexiada. Unha minoría cuxos "adosados" colonizaron as áreas periurbanas nunha primeira vaga, mais que decidiron reconquistar os centros das cidades nunha segunda, acicalados previamente coa pátina bohemia das galerías de arte e os mercadiños ecolóxicos, e substituíndo, como no caso de Vigo, o Casco Vello histórico e mariñeiro polo dos xa famosos, e enigmáticos, espazos de co-working.

A necesidade de repensar o territorio como un ben común está recobrando importancia nos últimos tempos. A defensa da xestión comunal do monte de Cabral fronte á especulación do capital estranxeiro, ou a solidariedade no barrio de Elviña fronte á desatención do Concello son exemplos da defensa desa identidade, da defensa dun "estilo de vida", ás veces simbolizado en pequenos xestos, como o repique das campás da parroquia en sinal de auxilio veciñal no caso do barrio coruñés.

O fío condutor que conecta estas loitas ten, volvendo a Vigo, na persoa de Abel Caballero, un perfecto exemplo da política urbanística deseñada e practicada ás costas da cidadanía.

No barrio de Coia, como en Elviña, o relato que transcende é o dun alcalde baixo a sospeita da corrupción [2], e o da construción de proxectos especulativos que dean cobertura a operacións de maquillaxe populista, contestadas nas rúas pola autoorganización veciñal que mantén vivo o que se dera en chamar o "efecto Gamonal".

A ausencia de vías para a expresión democrática da cidadanía ten, na historia kafkiana do barco e a rotonda, a súa última expresión, precedida dos moitos desvaríos que os delirios de grandeza do alcalde vigués conseguen xerar.

Non se pode negar que Caballero teña un proxecto de cidade, senón todo o contrario, sendo esta cuestión a pedra angular da súa proposta de goberno. A defensa do aeroporto, a aposta por un novo Balaídos, ou a fantasía dun centro histórico repleto de escaleiras mecánicas responden a un plan establecido: construír unha "cidade fermosa" [3] a base de "humanizacións" (sic) que camuflen precisamente a falta de humanidade das condicións de vida de moitos fogares.

Esta reviravolta retórica retrata fielmente a figura do noso alcalde: un aprendiz de emperador que ignora que a Carta Mundial polo Dereito á Cidade fala de garantir dereitos e liberdades que a día de hoxe non o están, un experto demagogo que presume de investimento social nun Concello que ocupa o posto 2.945 na clasificación estatal de gasto en protección social por habitante [4].

En definitiva, vivimos nunha cidade fermosa, que o é para os turistas que baixan do cruceiro e atopan o concentrado da súa fermosura: a nosa cultura, a nosa gastronomía e as nosas tradicións, xa empaquetadas e listas para consumir. Esa é a identidade da nosa cidade: unha identidade furtada e alienante, que entre todos e todas podemos cambiar.

O que está a suceder no barrio de Coia pode ser un punto de partida que introduza nas nosas axendas a democratización da cidade:

O que está a suceder no barrio de Coia pode ser un punto de partida que introduza nas nosas axendas a democratización da cidade: é a rotonda o lugar idóneo para colocar o Bernardo Alfageme?, poderiamos investir eses cartos noutras cuestións máis urxentes?, poderemos promover modelos de xestión orzamentaria máis democráticos?, que modelo de cidade queremos?

Cada día somos máis as que reflexionamos sobre estas cuestións, co obxectivo de crear novos e mellores espazos comúns, e continuando o legado das distintas experiencias políticas que, no pasado, decidiron (re)construír as cidades en base a principios máis democráticos e inclusivos, en clave anticapitalista, rexeitando as relacións de poder que nela se abeiran.

Mentres tanto, o exemplo da Asemblea Aberta de Coia segue en marcha na rotonda (onde se comparten almorzos, se celebran roldas de prensa, e incluso se organizan concertos), e onde se constrúe día a día, e malia o acoso policial, o Vigo da loita veciñal e das asembleas populares, o Vigo dos e das de abaixo.

 

[1] Ciudades rebeldes, David Harvey (Akal, 2013). Aquí se pode ler unha entrevista ó autor:http://www.sinpermiso.info/articulos/ficheros/harvey.pdf
[2] http://www.crtvg.es/informativos/a-fiscalia-investigara-a-colocacion-do-bernardo-alfageme-968258
[3] "Vivimos nunha cidade fermosa" é un dos lemas propagandísticos máis utilizados polo Concello de Vigo.
[4] http://www.europapress.es/nacional/noticia-cuanto-gasta-ayuntamiento-20141208101516.html

Acerca de Peyo Rivera