Sen peros non hai democracia

A visión hexemónica dentro do mundo do Dereito –esto é, o positivismo xurídico-, explica a natureza dos “dereitos e liberdades públicas” como obrigas para terceiros. Para o positivismo, todos os dereitos en realidade son obrigas, nalgúns casos, por exemplo, aqueles bens xurídicos protexidos por delitos, son obrigas que se predican das cidadás e cidadáns, noutros casos, como o sinalado, esas obrigas son obrigas que debe soportar o Estado.

Así, cando falamos de liberdade de prensa, o Estado, que ten o monopolio da violencia, debe absterse de utilizala contra un xornal que publica algo que atenta contra os intereses do Estado –v.gr., un artigo chamando ao comunismo libertario, á insurrección contra do aparello estatal, unha crítica á política internacional dese Estado, etc.-. Ademais, derivado desa obriga, o Estado autoimponse o deber de regular mecanismos que permitan o exercicio libre dese dereito, por exemplo, tipificando delitos de particulares contra quen pretende limitar o labor da prensa.

O Estado autoimponse o deber de regular mecanismos que permitan o exercicio libre dese dereito, por exemplo, tipificando delitos de particulares contra quen pretende limitar o labor da prensa

Daquela, no caso dos asasinatos contra traballadores de Charlie Hebdo, falar de atentado contra a liberdade de expresión non é estritamente correcto, pois iso suporía un ataque á constitución do Estado. En realidade, estamos perante un feito meramente criminoso.

Agora ben, é unha cuestión pacífica e compartida por todxs -agás, parece, que por algún opinador que afirma que non se lle poden poñer “peros” á liberdade de expresión- que os dereitos teñen sempre límites. Eses límites pretenden sempre asegurar o respecto aos dereitos de terceiros. Así, para o caso español, o artigo 7.2 do CC expresa que a Lei non ampara o abuso de dereito. Isto significa, por exemplo, que se un arrendador ten unha casa en alugueiro e o arrendatario non paga as rendas, o dono non pode, polos seus propios medios, botar ao arrendador moroso. Isto faise porque deixar que os particulares executen por si propios os dereitos privados pode conlevar a aparición de situacións de inxustiza, imaxinemos, por exemplo, que o arrendatario é un fillo menor do dono, ou que o dono debe á súa vez, diñeiro ao arrendatario, ou que o dono non quere cobrarlle as débedas ao arrendatario para así ter unha escusa para botalo da casa.

Que é ou que deixa de ser unha inxustiza non é unha cuestión tan xurídica como política

Agora ben, aínda que a natureza xurídica dos dereitos públicos sexa unha outra diferente á dos privados, o certo é que tamén teñen limitacións e que esas limitacións son impostas polas mesmas razóns que naqueles: para previr que se dean situacións de inxustiza.

Que é ou que deixa de ser unha inxustiza non é unha cuestión tan xurídica como política. Por exemplo, agora mesmo se está a librar unha batalla sobre o tema do aborto. Unhas persoas consideran que se debe prohibir porque o dereito a dispoñeren as mulleres do seu propio corpo non pode prevalecer sobre o desenvolvemento dun feto; sendo que outras persoas, entenden que a inxustiza se produce xustamente na situación contraria. É unha batalla política, na que se enfrontan concepcións político-normativas opostas, que serve para crear bandos, que se agrupan sobor de tendencias máis progresistas ou máis conservadoras.

Está claro que debuxar a caricatura de Mahoma, cando esto está prohibido polo Islam, crea unha percepción de inxustiza en moitas persoas

Agora ben, indo ao gran, ao caso de Charlie Hebdo. Está claro que debuxar a caricatura de Mahoma, cando esto está prohibido polo Islam, crea unha percepción de inxustiza en moitas persoas que non teñen por que ser as máis radicais, nin radicais, nin tan sequera teñen que ser practicantes, nin tan sequera teñen que ser musulmás. Establecer se esa inxustiza debe ser un límite a unha liberdade pública é unha cuestión política, non xurídica. Unha cuestión política na que, evidentemente, o poder estatal e a chamada opinión pública francesa -que de pública non ten nada, nin en Francia, nin en España, nin na China popular- téñense decantado cara unha tendencia: entender que satirizar ás figuras sagradas do Islam é totalmente lícito. Esta decisión, para quen coñeza o currículum colonial, imperialista e lepenista francés, non é de estrañar.

Aínda que así de súpeto moitxs queran agochalo, a liberdade de expresión sempre tivo límites. E iso non ten por que ser algo malo

En realidade, todas as sociedades teñen os seus tabús, e a nosa, supostamente tan avanzada, progresista, culta e respectuosa, non é unha excepción. De feito, onte mesmo, en Francia -que casualidade- o Estado mandou deter a un humorista –Dieudonné- que expresou en Facebook tras participar na manifestación en apoio aos asasinados pola sinrazón que se sentía como Charlie... Coulibaly, o secuestrador da tenda xudía en París. E é que, aínda que así de súpeto moitxs queran agochalo, a liberdade de expresión sempre tivo límites. E iso non ten por que ser algo malo, porque defender o respecto cara as sensibilidades de todas as persoas, sobre todo cando non dispoñen do altofalante do que as poderosas si, tamén é democracia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.