Contos balsámicos

Aínda nos ollos a última visita dos Reis Magos. Que conto mais fermoso! O neno Xesús, o mesmiño fillo de Deus, deitado nun berce de palla e carochas nun cortello da aldea de Belén, arrodeado de burros e ovellas. Quen somos nós para laiarnos de nada? Se ata os de Cadrón que naceron na casa, fixérono nos cuartos, uns metros por riba do reino animal! E que dicir da visita dos Reis Magos, símbolos do poder e da riqueza, que percorren medio mundo para axeonllarse e render tributo á pobreza e exclusión social, porque eles saben que dos pobres será o Reino de Deus e que é mais doado que un camelo pase polo ollo dunha agulla ca un rico entre no Reino dos Ceos. Ai, que conto mais balsámico!

A ciencia económica tamén ten os seus contos fermosos e balsámicos. Un deles é aquel que di que no Mercado o consumidor é o Rei, e que os produtores son só meros vasallos adicados a satisfacer as apetencias do soberano

A ciencia económica tamén ten os seus contos fermosos e balsámicos. Un deles é aquel que di que no Mercado o consumidor é o Rei, e que os produtores son só meros vasallos adicados a satisfacer as apetencias do soberano; que hai un prezo que axusta de xeito automático oferta e demanda, e que é un prezo xusto. Xa,  que logo, se o consumidor é o soberano e o resto dos axentes económicos os seus vasallos, todo o que aconteza na economía é responsabilidade súa en última instancia. Ou sexa, que os consumidores somos os verdadeiros responsables da extracción de coltan nas montañas congolesas, da roupa feita en China e dos balóns cosidos en Bangladesh. E por suposto, tamén dos sálvame-de-luxe. 

Recoñezo que nos tempos de estudante eu tamén caín engaiolado pola fermosa elegancia da teoría paretiana do consumo. É o que teñen os contos bonitos, que prenden nos miolos coma a silva nos valados. Pero co paso dos anos fun caendo da burra, asemade constataba que o modelo estudado estaba só no papel e non se correspondía coa realidade económica observada. Igualiño que cando comezas a sospeitar que os Reis non caben polo burato da cheminea nin poden atravesar as portas pechadas, e rematas pillando a túa nai envolvendo os paquetes en papeis de cores.

Pero nada che di que no Mercado só é libre quen ten cartos, e que se non hai colas en Vigo ou na Coruña é porque os que non teñen cartos xa non van á tenda, nin tan sequera miran os escaparates para non sufrir

“Ai que burriño es, meu fillo. Os Reis son magos e poden facer calquera cousa”, diche túa nai. E engade que o Mercado é o único sistema libre e eficiente ... mira se non, filliño, as ringleiras de compradores facendo cola nas tendas de Cuba e Venezuela (antes poñía a Rusia tamén de exemplo). Pero nada che di que no Mercado só é libre quen ten cartos, e que se non hai colas en Vigo ou na Coruña é porque os que non teñen cartos xa non van á tenda, nin tan sequera miran os escaparates para non sufrir. Tamén che conta túa nai o do prezo xusto que pon de acordo a vendedores e compradores e que valeira o mercado. Certo, moi certo; pero nada che conta de que ese prezo xusto, poñamos por caso do colacao, fai que nas casas ricas os gatos teñan os fociños enzoufados de colacao e, pola contra, nas casas pobres, os cativos nin o cheiren. Daquela, a ti dáche por pensar se o conto do Rei Consumidor non será un bálsamo mais para que traguemos resignados a manipulación dos verdadeiros reis do Mercado, asemade cantamos vivas e alalás á liberdade mercantil.

Pero incluso tendo cartos, a tan cacarexada liberdade do consumidor non deixa de ser un conto. Os produtores sábeno ben, e por iso invisten case tantos cartos na creación de apetencias e necesidades coma na propia elaboración dos seus produtos. E nunha economía globalizada aínda mais: o horizonte dos produtores expándese ata o infinito e paga a pena investir na creación de necesidades, que malo será que non chovan consumidores a caldeiros nun mundo tan ancho.

Estes novos señores feudais, reis absolutistas, e que non se someten a referendos nin plebiscitos ningúns, son todopoderosos, invisibles e inefables; ninguén pode miralos nin ousar pronunciar o seu nome en van

O Poder cambiou de mans ao longo da historia. Da terra e da aristocracia pasou ás mans do diñeiro e da burguesía, empurrado polas forzas incipientes do capitalismo. E hai que recoñecerlle ao mercado capitalista o seu traballo de liberar as forzas técnicas que permitiron o desenvolvemento e mellora nas condicións de vida de innúmera xente. Pero hoxe, ese mesmo capitalismo, arremedando os tempos dos señores feudais, donos de vidas e facendas, quere entregarlle todo o poder a un pequeno grupo de persoas posuidoras do capital que sobrevoa o mundo enteiro. Estes novos señores feudais, reis absolutistas, e que non se someten a referendos nin plebiscitos ningúns, son todopoderosos, invisibles e inefables; ninguén pode miralos nin ousar pronunciar o seu nome en van. Coma Deus ou Alá, que tanto dá. Así entre nós e para entendernos, buscamos eufemismos e dicímoslle Os Mercados e xa nos entendemos: que se Os Mercados queren isto ou estoutro, que se falaron Os Mercados, que se Os Mercados por aquí, que se por alá ...  

Cando o cativo espelido che diga: “Veña ho! Os reis non existen, que son os pais ...”, sempre lle podes baixar os fumes e espetarlle: “E quen pensas ti que lle presta os cartos aos pais?”

O conto dos Reis Magos segue vivo e segue a ser balsámico. Os Mercados (os cinco ou seis Fondos de Investimento mais grandes) son os novos Melchor, Gaspar e Baltasar. Só eles son quen de visitar tódalas casas do mundo nunha soa noite, deixar os agasallos, triscar unhas galletas e beber un grolo de leite. E cando o cativo espelido che diga: “Veña ho! Os reis non existen, que son os pais ...”, sempre lle podes baixar os fumes e espetarlle: “E quen pensas ti que lle presta os cartos aos pais?”

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.