Quo Vadis, Centro Galego de Bos Aires?

A máis grande creación colectiva nos nosos emigrantes na Arxentina é o Centro Galego de Bos Aires. Ningunha outra entidade fundada no exterior tivo a importancia deste fogar porteño que leva máis dun século de exitosa actividade no mantemento do sentimento de galeguidade nos nosos descendentes. O pagamento dunha cota social achegaba un dobre benestar, cultural e sanitario, aos seus asociados. Cando se escoitaba dicir, “eu son socio do Centro Galego”, era a expresión de orgullo de quen empurraba coa súa frouma para que non faltase o lume na lareira da esquina de Belgrano e Pasco.

Os que coñecimos os presidentes dos últimos 40 anos podemos acreditar de que eran persoas de honor e compromiso coas raíces. No meu caso, tiven trato persoal con Pérez, Sánchez, Reboreda, Fierro, Bouzo, Campos, Adrio, Fernández, Ucha e Vello. Con algún deles falei máis que con outros menos pero en todos atopei o firme compromiso de administrar e xestionar os asuntos sociais con eficacia e honradez. Un destes presidentes que coñecín puxo cartos propios, moitos, para axudar a saír dun bache que ameazaba con estragar o futuro da entidade. Haberá quen pense que os novos dirixentes non senten as cores e que se moven por intereses económicos. A min non me cadra que sexa así, xa que abondan os exemplos de netos da emigración que siguen sementando identidade nos regos abertos por Rosalía e Castelao.

Vai para tres anos que o Centro Galego non navega coa tripulación que elixiron os socios nas urnas. Agora ocupa a ponte de mando un temoeiro chamado Interventor que foi designado pola autoridade xudicial competente. O que moitos descoñecen é que o interventor non apareceu por arte de maxia e tampouco é o culpable da desfeita. O último presidente electo, Carlos Alberto Vello Pombo, intentou saír da crise pero non tivo o apoio necesario xa que os representantes de tres das agrupacións Pro Centro Gallego fuxiron dos seus cargos na xunta de goberno. Don Carlos considera que sen o apoio únanime dos seus compañeiros non corresponde loitar e vaise coa súa saúde persoal moi minguada. Fixera xestións para negociar un aprazamento das débedas máis importantes e chegara tamén a acordos con varias Obras Sociais para o alugueiro e a reserva de prazas hospitalarias. O ambiente no edificio social foi de constante presión con protestas diarias dos empregados. Os bombos sindicais enchían de gran quilombo un lugar onde o silencio é a norma cotiá e o barullo, algo excepcional.

Nestes tres transcorridos ninguén presentou un proxecto ou suxestión orientativa para a viabilidade  do Centro Galego. As agrupacións abriron a boca, só no primeiro ano, para criticar ao interventor xudicial con  manifestacións desafortunadas que non tiñan case relación coa administración da entidade mutualista. Os empregados tampouco axudaron na busca de solucións. En lugar do diálogo, optaron maioritariamente pola afiliación a un sindicato agresivo que adoita berrar e esnaquizar mobiliario nas súas protestas. Así foi pasando o tempo e seguimos camiñando sen saber o destino dos nosos pasos. Os pesos que permiten pagar os salarios dos perto de 1.400 empregados saen dun programa estatal do INAES [Instituto Nacional do Asociativismo e da Economía  Social] xa que pouco se recada dos convenios con PAMI [Programa de Atención Médica Integral] e das cotas sociais de menos de 10.000 asociados.

Hai que ser agradecido con dona Cristina porque sen a axuda pública o Centro Galego estaría pechado e denunciado por débedas. A súa sensibilidade de neta da emigración galega levouna a actuar mediante unha solución de emerxencia. Aquí hai que suliñar que a operación de salvamento ordeada pola presidenta comeza uns poucos días despois da visita que lle fixeron na Casa Rosada un pequeno grupo de  socias que son as que lle presentan a petición. Son mulleres arxentinas de sangue galego que se negan a aceptar a baixada da persiana nun espazo onde sempre alumeou o espírito solidario dos emigrantes. O meu fondo sentimento de gratitude para cos fundadores do Centro Galego fai que non baixe os brazos. Sei que o sistema mutualista está en crise e que a gran maioría dos socios non son galegos e non soño con volver a ter  90 mil socios. Son da opinión de que é preciso salvar unha parte da aliaxe entre cultura e saúde. Ata agora formaban un só produto con dous compoñentes ben diferenciados: saúde e cultura. Chegou o momento de dividir segundo sexan as actividades realizadas, a saúde en mans públicas e a cultura en mans privadas.

Os galegos e os seus descendentes son os propietarios dunhas boas instalacións hospitalarias. Son donos dun fermoso panteón na Chacarita e tamén dunha moi valiosa pinacoteca. Coido que aínda podemos herdar unha gran parte do suor dos avós. Para iso hai que actuar con xeito e de acordo aos tempos que estamos a vivir. Levo uns días reflexionando arredor do importante patrimonio cultural que posúe o Centro Galego. A súa moi valiosa pinacoteca inclúe obras de Maside, Colmeiro, Laxeiro, Díaz Pardo, Seoane e Castelao. Estou a lembrar só as figuras de maior prestixio dun total de 138 obras expostas en diferentes espazos sociais. Na “Historia del Centro Gallego de Buenos Aires” da autoría do culto doutor Padorno Caldeiro [recoñecido médico cirurxán con raíces no Corgo e Castroverde] temos ampla documentación sobre a riqueza artística que atesoura a nosa centenaria asociación. Os admiradores de Castelao son afortunados xa que poden gozar diante de “O cego” [óleo sobre tea] e de “A familia do cego” [debuxo a lapis] que se atopan no despacho presidencial do Instituto Arxentino de Cultura Galega.

Recomendo unha visita ao Centro Galego como a mellor das medicinas para loitar contra do desalento. Aquelas paredes están vivas e comprometidas co futuro. Se abrimos o corazón, de certo que oímos o que lle está a comentar don Isaac a don Luís:

Estiven dándolle voltas. Coido que a miña proposta pode ser a táboa que evite o afundimento da nosa cultura dentro do seo garimoso do noso benquerido Centro Galego. O tema da sanidade é moi complicado. As sociedades mutualistas foron creadas hai máis dun século e os tempos cambian. Entón, hai que buscar solucións! A min paréceme que non hai razón para que se perda todo o que fixemos na capital arxentina. O problema económico céntrase na sección de atención médica e hospitalaria. A miña idea é que se desdobre en dúas entidades independentes. Cada unha delas con personería xurídica propia. Por unha banda, o Hospital Galego de Bos Aires e pola outra, o Instituto Arxentino de Cultura Galega. Poida que eu non sexa quen para aconsellar –-se miramos para os estragos da miña herdanza-- pero no salvamento do Centro Galego xógase moito máis que unha vida; xógase a pervivencia do sentimento patriótico que encheu de paixón  aos miles de albaneis que ergueron unha lareira solidaria na porteña esquina de Belgrano e Pasco. Lembrarás, prezado Luís, que no salón onde se reunían os membros directivos do Instituto –agora en suspenso-- loce o meu “Nacemento”. Aquela sinxela obriña pode sermos de boa axuda se conseguimos que dona Cristina da Fonsagrada visite o Centro Galego. Unha visita que pode facer en calquera momento na súa condición de Presidenta Honoraria pero que sería marabilloso tivese lugar o vindeiro 28 de febreiro, exactamente 65 anos despois de que o fixera o presidente Perón. Ti pensarás que estou desbardando pero aínda rexe un pouco o meu vello cerebro. Teño a certeza de que non desaparece o Centro Galego se a presidenta Fernández se detén uns minutos diante do meu cadro. Dona Cristina vai quedar engaiolada na forza espiritual nunha nai galega que amosa o froito que sanda calquera sinsabor da vida. Logo, na Casa Rosada, impartirá a  orde  pertinente  para a estatización dos servizos médicos no“Novo Hospital” e para a privatización dos servizos culturais no“Novo Instituto” que tamén inclúe a propiedade do Panteón da Chacarita. Xa sabes que confío cegamente na afouteza dos nosos descendentes porteños. Por iso, escribirei a dona Cristina para pedirlle que teña a ben a prescrición dunha transfusión urxente de irmandade en harmonía para que o noso magoado Centro Galego non recolla o seu velame xa que aínda temos moitas singraduras por diante.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.