Vacinarse contra o Réxime

Resulta evidente a estas alturas que o Partido Popular non traballa nas administracións públicas para velar pola nosa saúde. Parece unha obviedade lembrarmos que o neoliberalismo busca perpetuamente nichos onde expandir os seus tentáculos de negocio e que, estoupada a burbulla da construción, a saúde, o benestar e mais os servizos sociais son un dos campos preferentes para os capitalistas contemporáneos.

Nese punto é onde entran os actores e as actrices que facilitan esa expansión. Os conseguidores das grandes empresas, os aliados, as aliadas. Elementos do Réxime, cada cal desenvolvendo o seu papel. Os principais, os grandes partidos. Cada un na súa medida facilitaron a privatización e o espolio de algo que construímos entre todas e todos e a forza de loitarmos na rúa e nos palacios: os servizos públicos.

Gobernos e parlamentos procederon a desregular os bens públicos e a permitir por lei as privatizacións. A feroz lóxica do mercado como camiño cara á desposesión da sanidade pública

Que tiñamos a mellor sanidade de Europa e unha das mellores do mundo tamén o sabían as empresas multinacionais. E estas non dubidaron un minuto en se valer dos seus lacaios habituais, en primeira instancia o poder executivo e en segunda o lexislativo, para deitar as súas gadoupas sobre a sanidade pública. É dicir, gobernos e parlamentos procederon a desregular os bens públicos e a permitir por lei as privatizacións. A feroz lóxica do mercado como camiño cara á desposesión da sanidade pública. A transformación dun dereito nunha mercadoría. 

O thatcherismo formulou inicialmente a vía na década dos oitenta. Pero as metamorfoses levan o seu tempo e o groso do espolio sanitario comezou, probabelmente, nos noventa. En Galicia ensaiouse de moi diversos xeitos: fundacións, consorcios, privatización de subministracións, servizos... En paralelo, foise aplicando a segunda fase: a descapitalización da sanidade pública per se. Non abonda con se facer cos servizos de provisión, mantemento ou informática. A empresa privada demanda máis madeira. E para xustificar as privatizacións, todas e todos sabemos que é preciso xustificar previamente que o público “non funciona ben”. É máis doado estender a crenza de que algo público funciona mal necesariamente ca buscar as responsabilidades dos xestores e xestoras de tales servizos.

 

As consecuencias da tesoira

A perda progresiva de orzamento sanitario traduciuse nun importante recorte en medios humanos e materiais na sanidade

A perda progresiva de orzamento sanitario -374 millóns en termos nominais dende a chegada de Feijoó no ano 2009- alentada polas medidas de axuste ditadas pola troika e asumidas polos gobernos central e galego como un catecismo, traduciuse nun importante recorte en medios humanos e materiais na sanidade. As tesoiras incluíron, entre moitas outras cousas, o abandono da atención primaria. O Goberno Feijoó apostou por recortar cadros de persoal sanitario a través da amortización de prazas e da precarización. Apostou por un desleixo total nas infraestruturas públicas e obviou as necesarias reformas. Eliminou camas públicas ao tempo que perpetuou concertos e traslados a privadas.

Como resultado, colapsos periódicos en urxencias e en hospitais públicos. Aos problemas estruturais da nosa sanidade, provocados pola política de rapina do público dos partidos neoliberais, Feijóo responde coa procura de responsábeis externos da situación. Das súas brutais retalladas, nin palabra, por suposto. Pero é que empregar a xustificación dos picos de enfermidades respiratorias é perverso. Precisamente un xestor ou unha xestora preocupados pola saúde da poboación e a boa marcha da sanidade pública saberían que estas situacións son previsíbeis e en troques de pechar camas –tal e como fixo a consellería durante o Nadal- poríaas todas a disposición. En troques de recortar persoal, aumentaríao. E faría unha planificación axeitada e suficiente para ampliar o número de camas públicas e evitar situacións así e a dependencia dos centros privados.

O deterioro da sanidade pública é máis ca evidente. A partir dese feito, eles dous e os seus secuaces buscan instalar a idea de que o público non funciona

Pero nin o señor Feijoó nin a señora Mosquera son xestores preocupados pola nosa saúde nin polo bo funcionamento da nosa sanidade. Todo o contrario: o seu plan último vai en boa dirección. O deterioro da sanidade pública é máis ca evidente. A partir dese feito, eles dous e os seus secuaces buscan instalar a idea de que o público non funciona. A Feijóo e a Mosquera só lles preocupa habilitar máis vías para continuar privatizando, para cumpriren con ese papel de conseguidores dos lobbies privados. Todo á nosa costa.

Pola nosa saúde e pola nosa dignidade, máis nos vale vacinarnos. Pero vacinarnos contra este neoliberalismo que acaba con nós. Vacinarnos contra os elementos do Réxime. Á fin, expulsalos do control dos nosos servizos públicos para poñermos fin ao espolio.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.