2015: 'cibermultitudes' no poder?

Este que abrimos é un ano apaixoante no político e onde faise obrigado fixar a atención nunha primeira parada: Grecia. O país heleno, berce da civilización occidental e do concepto de Democracia que sufriu como poucos do continente a estafa turbocapitalista en curso, brindaranos a oportunidade de comprobar se a catarata de ameazas amplificada pola propaganda do Partido da Orde -bipartidismo de Nova Democracia e PASOK- e por boa parte dos medios masivos terá o efecto desexado polos intereses da financiocracia global: preservar para a periferia europea un réxime deudocrático permanente que esprema o seu sangue aos pobos ao tempo que lles reserva un papel subalterno baseado en man de obra semi-escrava e prezos baixos para o Norte. Saberemos entón se esta anomalía de subxacente inspiración totalitaria e imperialista arredor do tótem do mercado e a moeda única consumouse por fin xa para una era de predominio post-moderno en canto a valores e pre-moderno cando atendemos a estrutura económica, relacións políticas ou ideais en tensión. Pero hai resistencias. E respostas alternativas.

A coalición de esquerda radical Syriza acode a estas precipitadas eleccións con opcións reais de acceder ao goberno de Atenas despois dun proceso de construción e consolidación vagaroso -así como de experiencias acumuladas nestes anos de Gran Regresión- logo de experimentar un xiro centrista e pragmático; presentándose perante un pobo exhausto polas reformas de castigo neoliberal e a ortodoxia austeritarista auspiciada polo diktat do eixo franco-alemán e a Troika, que o empurraron ao límite do colapso social. Cun programa máis ben socialdemócrata clásico e que contempla unha inexorable reestruturación da débeda odiosa. E os gregos, feridos no máis fondo na súa dignidade nacional por mor da intervención flagrante de poderes alleos, irán ás urnas coa sensación de ser cobaias de laboratorio en mans de elites que subtraeron ata o último fío de soberanía; pero agora teñen a oportunidade de mudar o rumbo servindo de inspiración ás sociedades do Sur e avanzando unha reconstrución constituínte tamén, e se fora posible, no seo dunhas institucións comunitarias corroídas pola couza da corrupción que implica violentar as vontades populares renunciando á aspiración primixenia de representalas segundo o exposto na promesa fundacional. E non só polo pecado orixinal de non escollelas democraticamente, se non pola degradación dos últimos tempos na súa dependencia extrema do gran Capital.

Sería mortal para o proxecto histórico de paz e integración rexional, política e cultural europea seguir abandonando os gregos menosprezando o seu lexítimo desexo de xustiza social

Sería mortal para o proxecto histórico de paz e integración rexional, política e cultural europea seguir abandonando os gregos menosprezando o seu lexítimo desexo de xustiza social. Xa vemos as fendas tamén dentro do precario equilibrio multi-cultural no seo das sociedades xermana, francesa ou do Reino Unido -e tamén respecto da institucionalidade da UE- pero a xestión deste caso determinará a sorte do edificio enteiro. En palabras de Yanis Varoufakis, autor d´ O Minotauro Global: “necesitamos un New Deal para Europa”1 que desterre a idea de esta asociada ao rigor orzamentario e ao economicismo cruel e insolidario que deixa no camiño millóns de seres humanos.

No estado español o ano presentase tamén quente, e non menos interesante; eleccións municipais e xerais que se celebran en condicións excepcionais xa que desde principios da década experimentamos un proceso imparable de aceleración histórica: eclosión do movemento indignado 15-M coa súa evolución, ramificacións e repercusión no ciclo mobilizador -arrefriado- e potencialmente destituínte subseguinte, maioría absoluta da dereita, crise de partidos e institucións do Réxime do 78 alimentada polo afloramento de tal cantidade de casos de corrupción que advirten un sistema cleptocrático ineficiente, proceso soberanista catalá, fin da actividade armada de ETA, abdicación do Xefe de Estado post-franquista e irrupción dunha forza que revolucionará o panorama do sistema de partidos que coñeceramos.

Deixando ao lado outro tipo de consideracións arredor de Podemos nas que coincido en boa medida co exposto polo profesor de Dereito Constitucional da UB Gerardo Pisarello, de Guayem, nun artígo2 aparecido en Público.es -sobre todo no referido a que “si Podemos aspira a gobernar e transformar as actuais relacións de poder necesitaría non só a IU ou Equo se non a ERC, Bildu, Anova, CUP, ICV, Compromís ou BNG”, como forzas vertebradoras da cidadanía máis consciente para resistir os ataques que virán- hai outras circunstancias que fan común as loitas en Grecia e aquí e que van alén de programas económicos e políticos máis ou menos concordantes, salvando as distancias entre realidades incomparables: o papel xogado polas chamadas cibermultitudes en rede tanto na denuncia e deslexitimación das entrañas corruptas do poder establecido e o seu papel na revelación dos secretos oficiais3 como no crucial hacktivismo á hora de liberar e compartir información saltando as canles de comunicación unidireccional, ou fomentando o debate e o acordo -virtual- a través de distintas plataformas sen renunciar ao encontro físico. Moi ao contrario.

As cibermultitudes en rede axudaron a re-politizar o conxunto social en e gracias á experiencia dixital e ao -bo- uso das redes sociais e demais ferramentas da web 2.0

As cibermultitudes en rede axudaron a re-politizar o conxunto social en e gracias á experiencia dixital e ao -bo- uso das redes sociais e demais ferramentas da web 2.0. Tamén  nutriron de información alternativa nun escenario de transformación imparable do xornalismo, converténdose en fluxo constante de contra-poder mancomunado que “rebentou” en fenómenos de inspiración tecnopolítica e asemblearia como foi 15-M4 en España ou, anteriormente, nas chamadas Primaveras árabes. Dalgunha maneira, o Cuarto Poder en rede5 do que fala o catedrático Victor Sampedro tomou forma corpórea no tránsito da indignación como causa cara o desexo de cambio como consecuencia e comeza a canalizarse a través de ofertas políticas que sintonizan e aspiran a capitalizalo -imposible, por incontrolable- proxectándoo nas institucións. Estas dinámicas xestáranse en Syntagma ou Sol a remolque de lóxicas fillas directas da sociedade-rede que escudriñou Manuel Castells en Comunicación e Poder hai máis dunha década. E o resultado das súas consecuencias é palpable.

Entón, si houbo unha forza no estado español que soubo interpretar a contorna dixital e a súa crecente influenza na conformación da axenda informativa e da opinión pública, contra-informando á vez, para as masas, esa foi Podemos. Como “herdeira” no plano político do fenómeno movimentista xurdido logo do 15-M -fomentado por nativos dixitais- e imbricada noutras redes artelladas na sociedade como a creada pola Plataforma de Afectados pola Hipoteca, soubo ler o potencial político que ten adaptar os marcos discursivos ao sentimento da comunidade bebendo del para lanzar mensaxes ao común. De aí que outros actores non acerten a encadrala convenientemente: desde “populistas bolivarianos” pola dereita a unha sorte de “oportunistas lerrouxistas” por parte de certa esquerda e algúns sectores nacionalistas das nacións sen estado. E a chave está, penso, no entendemento e a simbiose xerada entre o novo suxeito político articulado e unha multitude preferentemente conectada que aposta por novos xeitos de cidadanía mais que está presa en parte, aínda, por certa banalización do compromiso cívico.

Pablo Iglesias -e demais notables estudosos da demoscopia e da socioloxía electoral que promoveron a iniciativa logo de captar a fiestra de oportunidade que xurdía- é o primeiro líder español xenuinamente 2.0: da batalla comunicativa en rede e no ámbito académico deu o salto ao terreo da televisión e demais soportes tradicionais para cubrir o baleiro de novos relatos no mainstream, saciando a demanda, e fornecendo opinión contra-hexemónica. Aí reside unha das explicacións posibles do seu vertixinoso éxito, pero tamén algunhas das súas posibles debilidades no longo prazo.

A experiencia de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) nas autonómicas galegas de 2012 serviu como banco de probas do que Pablo Iglesias extraeu ensinanzas

Como recolle o xornalista lugués Anxo Lugilde no seu ensaio De Beiras a Podemos6, ou apuntaba Enric Juliana fai meses en La Vanguardia7, a experiencia de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) nas autonómicas galegas de 2012 serviu como banco de probas do que Pablo Iglesias extraeu ensinanzas e algúns dos rudimentos que hoxe aplica en primeira persoa a nivel xeral. Sobre todo naquel apartado comunicativo que non despreza o potencial que atesoura un bo traballo na rede, coa súa contrastada repercusión na axenda pública, hoxe hexemonizada absolutamente por Podemos. Tamén pola claridade do mensaxe, contundente e directo, como fai Xosé Manuel Beiras desde os anos 70.

Outra xeración, a través doutros formatos e noutros contextos, lidera hoxe a esperanza colectiva de mudar as sociedades para que os de abaixo teñamos voz nas decisións que nos afectan. É o reto da participación e da súa complementariedade ciberdemocrática. Do contrario, esas cibermultitudes en rede serán igualmente implacables fiscalizando a calquera dos novos inquilinos do/s goberno/s. E este podería ser o ano no que os gobernos, por vez primeira, sexan seus. Estaremos atentos, por suposto. Tamén na rede.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.