Novos xeitos de participar, feminismos e municipalismos

Quen levamos tempo centradas na loita feminista, incorporarnos a unha ferramenta cidadá en sentido amplo, supón volver multiplicar a militancia, ou diversificala, xa que multiplicada xa a tiñamos, e iso é sempre complicado. Para algunhas, traballar nos feminismos e en organizacións e colectivos feministas non se trata de estar nun espazo de confort, pero si nun espazo diferente, onde hai determinados xeitos de facer, dinámicas non cuestionables despois de moito tempo. Cando saímos dala atopámonos de novo expostas, hai que marcar de novo determinados límites, hai que ser pedagóxicas cos compañeiros e compañeiras que non veñen de espazos non patriarcais e, sobre todo, temos que adaptar a nosa axenda de traballo a isto. Somos expertas, xa que o mais habitual é que, desde a nosa perspectiva, sempre tendamos a participar e diseminar as nosas ferramentas, metodoloxías e dinámicas en calquera espazo inclusivo no que cremos que se deben incorporar ou sentimos que debemos incorporarnos.

Estamos nun momento que favorece o que chamamos Rebelión Democrática, un concepto que non podemos entender sen asumir a ruptura do patriarcado, ese gran aliado do capitalismo

Estamos nun momento que favorece o que chamamos Rebelión Democrática, un concepto que non podemos entender sen asumir a ruptura do patriarcado, ese gran aliado do capitalismo. Para facer esa Rebelión Democrática algunhas das ferramentas parten do local, como xeito de transformar o global. Levamos anos practicando, con desobediencia e novos xeitos de organización, provocando eses movementos que nos liberen, con ferramentas mais ou menos exitosas, pero sempre de aprendizaxe e adquisición de experiencia e creación de músculo. Neste século xa houbo grandes logros de novos xeitos de mobilización social: acampamos na Coruña contra as Redes Negras, 15M, movementos polo dereito á vivenda e contra os despexos e logramos tamén a unión e creación de movementos feministas que  contra obxectivos comúns, como a proposta de reforma da lei do aborto, aliadas en todo o estado, paralizamos a lei e derrocamos un ministro.

Cremos pois que o momento é este, xorden estruturas a moitos niveis, algunhas arriscámonos e fixemos unha aposta por traballar en propostas municipalistas, quizais porque isto do “asalto ás institucións” nunca estivo na nosa axenda, pero parece que cando falamos das administracións locais, iso da Institución faise mais familiar, podemos acollernos a iso de que o Concello é noso, non sei se sentimos igual de doméstico un Parlamento, e non digo o de 'familiar' e 'doméstico' por casualidade.

Saír dese falso espazo de confort que é a loita feminista e expoñernos, lévanos a pensar, a algunhas, que o mellor e ir adaptando a ferramenta desde o mais próximo, retomar de novo unha dobre militancia e comprobar se funciona

Saír dese falso espazo de confort que é a loita feminista e expoñernos, lévanos a pensar, a algunhas, que o mellor e ir adaptando a ferramenta desde o máis próximo, retomar de novo unha dobre militancia e comprobar se funciona, porque eses grandes engrenaxes da Alta Política teñen xa parafusos deformados para adaptarse ao sistema no que están operando, viciado e levado por inercias alleas.

Os tempos son pois chegados, e a aposta está feita, como laboratorio, ate onde se chegue mudando vimbios, mais hai vimbios que arrincar de raíz e iso internamente, nun espazo que se pretende horizontal, é ben complexo. Aínda partindo duns conceptos básicos asumidos, a posta en práctica sempre implica exercicios pedagóxicos que ás veces chocan coa radicalidade que supón non reproducir comportamentos e metodoloxías patriarcais.

Tamén xorden múltiplas contradicións, incluso con ferramentas existentes ou innovadoras, cando se pretende fomentar a participación política das mulleres. Por usar un exemplo de actualidade, procesos como no que participo, a Marea Atlántica, e outros similares, como Ourense en Común, están agora decidindo que metodoloxías aplicar, entre outros, a un sistema de primarias abertas. Dispoñemos de mecanismos correctores para a elaboración de listas, e é de recibo aplicalos, pero que pasa cando miramos ao propio proceso e escoitamos as persoas que nel participan? No caso das mulleres, ás que se nos quere ofrecer espazo para acceder a postos, e somos nós quen, pola carga que levamos nas nosas costas, pola nosa educación e polo noso xeito de achegar e participar, sentimos que eses espazos non son espazos de seguridade. Será que o proceso non está maduro ao 100%? Iso xa o sabemos e o asumimos, e seguimos adiante, e esta é a miña opción, maduremos co proceso avanzando con el, asumamos o reto, pero iso si, cun compromiso colectivo de facer deses espazos espazos de seguridade para todas e todos, aínda que inicialmente non o sexan, teremos que traballar para acadar que isto mude.

Aínda partindo duns conceptos básicos asumidos, a posta en práctica sempre implica exercicios pedagóxicos que ás veces chocan coa radicalidade que supón non reproducir comportamentos e metodoloxías patriarcais

Estas cuestións non poden ser secundarias na axenda política destes procesos, non podemos priorizar a suposta urxencia e logo non retomar esas tarefas que a axenda externa nos obriga a pospoñer, non podemos pospoñer indefinidamente isto, porque volvemos entón aos parafusos deformados, que van facer que o mecanismo funciones baixo ese criterio desvirtuado.

Moitas de nós fixemos a nosa aposta, non é un cheque en branco, pero é un compromiso no que somos nós mesmas quen temos que construír o proceso tal e como o desexamos, e polo tanto, do que somos responsables. Se falamos de novos xeitos de facer política temos que asumir que imos cometer erros, pero tamén que temos que buscar as ferramentas para corrixilos e, se non os hai ou os que hai non serven, crealos, porque o éxito dos movementos sociais estivo sempre moi ligado á súa capacidade creativa e de adaptarse aos cambios con axilidade. Loitamos contra quen ten mais medios para soster o que hai, pero con menos capacidade de reacción ante estratexias creativas e innovadoras e diso o feminismo sabe moito, un movemento que é capaz de avanzar no seu fortalecemento e que ademais é un dos que mais ten que adaptar a súa axenda polos ataques externos e permanentes que recibe.

Temos que responsabilizarnos todas e todos, nós esforzarnos por ocupar espazos públicos e os compañeiros por facerse ás veces un pouco ao lado para que eses espazos estean dispoñibles

Non vou chamar só á responsabilidade que temos as mulleres e as feministas sobre a evolución dos procesos, porque iso non é xusto, temos que responsabilizarnos todas e todos, nós esforzarnos por ocupar espazos públicos e os compañeiros por facerse ás veces un pouco ao lado para que eses espazos estean dispoñibles, confiando en que temos moitísimo que achegar, e confiando de verdade.

Non podemos ser a cota feminina, non podemos ser as únicas que teñamos capacidade para resolver as cuestións de xénero que nos atopamos no camiño

Non podemos ser a cota feminina, non podemos ser as únicas que teñamos capacidade para resolver as cuestións de xénero que nos atopamos no camiño. Podemos achegar a nosa visión igual que en calquera outro eido, pero non se pode descargar toda a responsabilidade da incorporación da perspectiva feminista en nós, porque se ben probablemente temos un maior coñecemento, este debe estenderse. Igual que todas e todos estamos aprendendo cousas novas en materia de contratacións, de estruturas municipais, de xestión de grupos, de marketing e comunicación política, tamén temos, todas e todos, que aprender a xestionar as relacións de poder entre xéneros, a avaliar o impacto da desigualdade nas políticas municipais etc.

Nesas estamos compañeiras e compañeiros, non é doado, pero estámolo facendo e cada avance debe ser celebrado colectivamente e cada erro corrixido de igual modo, a reflexión por parcelas tamén a faremos, pero crear o común nos mestura e a suma nos multiplica.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.