Ten cura Alemaña? Europeos, axudémola!

Quen desexamos estabilidade nas nosas vidas e prosperidade ou, cando menos, conformidade vivimos dando por seguras cousas que poden selo ou non. Somos europeístas e desexamos unha Europa no mundo que represente as liberdades persoais e certa comprensión social, todo ben, pero e se ese propósito tan razoable é un imposible? E se estamos presos da nosa fe europeísta?

Está atrapada entre os estados que a fundaron e un futuro posible como gran potencia, a súa historia e a súa forza vén dos estados pero os problemas que lle causan danos internos tamén

Europa é un xigante cultural e económico, co parlamento máis democrático onde están representadas a maior diversidade de posturas, unha democracia que os intereses norteamericanos queren retratar como "a vella Europa". Con todo, é un adolescente que non acaba de madurar. A crise actual demóstrao. Está atrapada entre os estados que a fundaron e un futuro posible como gran potencia, a súa historia e a súa forza vén dos estados pero os problemas que lle causan danos internos tamén.

É evidente que Alemaña é totalmente incapaz de liderar os europeos e compórtase como unha potencia egoísta que practica o abuso de poder como unha forma natural da política

Para actuar como unha potencia autónoma no mundo, non estar supeditada a EEUU, tería que ter un liderado e ese liderado ten que nacer dun ou dous dos estados existentes. É evidente que tería que ser de Alemaña, pero tamén é evidente que Alemaña é totalmente incapaz de liderar os europeos e compórtase como unha potencia egoísta que practica o abuso de poder como unha forma natural da política. Non só é incapaz como líder senón que actúa como un perigo interno pois só practica políticas de humillación e espolio. Ten solución Alemaña ou debemos dala por imposible? Non sei se alguén o sabe, eu non.

O que vivimos é que se está comportando como sempre, ela contra os países que a rodean. Non pretende liderar Europa, pretende dominar o seu espazo vital, o seu lebensraum

Un percorrido pola terra alemá ou pola súa historia demostra que non só é imposible unha Europa sen Alemaña senón que é o centro inevitable de calquera idea europea. E xa non falo do seu poderío e creatividade económica, científica, tecnolóxica e cultural. A súa propia lingua rexorde entre os europeos, mal que ben todos iremos aprendendo algo de alemán como o facían as xeracións ilustradas hai cen anos. Con todo Alemaña é un perigo, un xigantón con cabeza de neno caprichoso e salvaxe que unha vez e outra bate contra a parede e non aprende. Non, non é certa a confianza en que descansa o soño europeo, Alemaña non aprende. E claro que o que vivimos é que se está comportando como sempre, ela contra os países que a rodean. Non pretende liderar Europa, pretende dominar o seu espazo vital, o seu lebensraum.

É un estado europeo moi peculiar, non tivo as experiencias propias das potencias coloniais, como Inglaterra, España ou Francia, nin tampouco a vida cívica das sociedades burguesas. Unificado o territorio polos junkers de Prusia, aquela que idealizaba infantilmente Ortega, que crearon unha cultura de estado burocrática e militarista, mesmo períodos con democracia parlamentaria estiveron marcados pola tutela carismática de militares nacionalistas como Hindenburg e Lundendorff. O único período onde se puido desenvolver vida civil foi na república de Weimar, unha época así mesmo marcada polos conflitos sociais e a crise de 1929. A época nazi non só educou a poboación no salvaxismo inhumano tamén eliminou fisicamente os elementos críticos e civilizadores. Tras a guerra, a reconstrución da economía e a sociedade foi conducida polos mesmos poderes que provocaran o desastre, coa tutela da EE.UU. E cando cae o muro de Berlín e a RDA é engulida, integrouse unha poboación que non tivera tampouco experiencias democráticas. Poida que non sexa casualidade que Angela Merkel sexa unha criatura produto desa sociedade tan ríxida e implacable.

Poida que non sexa casualidade que Angela Merkel sexa unha criatura produto desa sociedade tan ríxida e implacable

Non esquezo a Goethe, aos escritores gústanos máis Hölderlin pero o cortesán de Weimar en "Poesía e verdade" demostra que é cabalmente o primeiro europeo, encarna unha Europa tolerante. Con todo, a historia lémbranos o fracaso do espírito ilustrado en Alemaña: ao mesmo carballo debaixo do que sentaba Goethe a escribir poemas construíronlle ao redor un campo de exterminio, acabou diante das cociñas de Buchenwald.

O único que podemos facer por Alemaña é criticala, mostrarlle un espello feito por nós, polos demais europeos e que se vexa como a vemos

Non, Alemaña non pode ensinarlle civilidade ou democracia a ninguén. Non é comprensiva nin cos seus propios fillos, así que como vai ser unha condutora ou unha boa educadora. "A morte é un mestre vido de Alemaña", ese fráxil verso de Paul Celan é lapidario.

Entón, que vai ser de Europa? Ou que podemos facer? O único que podemos facer os pobriños europeos dos países que serven á súa ama é dicirlle o que é, tan forte, admirable e tamén tan detestable. O único que podemos facer por Alemaña é criticala, mostrarlle un espello feito por nós, polos demais europeos e que se vexa como a vemos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.