0 Gardados para despois

A Cova da Terra

Alternativas reais á crise desde o consumo responsable

Neste proceso que estamos a vivir, de asentamento feroz do sistema capitalista ata as súas últimas consecuencias, o capital dita as regras polas que se teñen que rexer, tanto o mercado internacional, como as relacións laborais, e ata os gobernos, teoricamente soberanos. A mostra máis clara témola nas recentes actuacións do sistema financeiro, que deron lugar a esta mal chamada crise, e nas decisións que seguiron, co apoio incondicional aos bancos utilizando o diñeiro público en cantidades vergonzantes, para seguir enriquecendo aos que controlan estes mecanismos, mentres se recorta en servizos sociais básicos, se cuestiona o público, se eliminan empregos, se baixan salarios e, en definitiva, se socava todo o que permite a vida digna das persoas, en favor dunha nova acumulación de capital e poder nunhas poucas mans.

Os bancos levan tomado un billón de euros do Banco Central Europeo, para tapar os seus buracos especulativos, a un interese dun 1%, a metade o ano pasado e a outra metade a principios deste, cifras que non terán que devolver ata dentro de 3 anos. Pero é que nos anos anteriores a suma dos “rescates” aos bancos de toda Europa supuxo uns 4,6 billóns de euros, o que equivale aproximadamente a 11.500 euros por habitante. Isto non é novo.

O sistema capitalista leva moito tempo facendo o seus experimentos polo mundo adiante

O sistema capitalista leva moito tempo facendo o seus experimentos polo mundo adiante. En cifras que quizais non estean totalmente actualizadas, pero que, en todo caso, poderán ser aínda peores: as 50 empresas transnacionais máis grandes do mundo teñen vendas maiores que o PIB dos 150 países máis pobres do planeta; as 225 persoas máis ricas acumulan máis diñeiro que o 47% da poboación  máis pobre; en España, en 2008, o PIB per cápita era de 30.621 euros, pero no reparto, o 19% da poboación controla o 77,5% do PIB que está en mans privadas, mentres ao 81% restante lle toca o 22,5% do PIB que está en mans privadas; desde os anos 60 ata os 90 as diferenzas existentes entre os habitantes máis ricos do planeta (20% de la poboación mundial) e o 80 % máis pobre, aumentaron dun 30 % ata un 82 %, e esa tendencia estase a acrecentar, sen ir máis lonxe, o dono de Inditex segue a escalar postos no ranking dos homes máis ricos do planeta, é dicir, os ricos seguen facéndose máis ricos e os pobres máis pobres; en 2010 España situouse no terceiro posto do mundo en producir un maior número de ricos declarados, ata un 18% (129.000 persoas) de incremento, mentres o desemprego crecía practicamente nesa mesma proporción (21%).

A crise non é algo temporal que se poda resolver coas mesmas premisas que a crearon

Por iso a crise non é algo temporal que se poda resolver coas mesmas premisas que a crearon. Por iso dicimos que isto, máis que unha crise, é o resultado lóxico do funcionamento de este sistema capitalista, que pon ao capital por riba das persoas.

O xurdimento do comercio xusto debeuse a unha reivindicación lanzada polos países do Sur, para denunciar as inxustas relacións económicas e comerciais internacionais

Desde unha organización como A Cova da Terra, lembramos sempre que o xurdimento do comercio xusto se debeu a unha reivindicación lanzada polos países do Sur, para denunciar as inxustas relacións económicas e comerciais internacionais, que condenaban a boa parte da poboación mundial á pobreza ou a condicións laborais absolutamente indignas. Resultaba doado mirar cara a outro lado cando pensabamos que nada disto nos ía afectar de preto, pero os recentes acontecementos, os xa indicados e tamén a recente reforma laboral, que supón un cambio total de base no modelo de relacións laborais, indican claramente en que lado da balanza estamos cada un de nós. Igual que vimos sinalando desde hai anos, agora tamén podemos escoller entre deixar que este sistema siga a ditar as regras que están a empobrecer cada vez a máis persoas en todo o mundo, ou podemos tentar cambiar as cousas desde distintas frontes.

Normalmente infravaloramos o poder do consumidor/a para facer cambiar as regras do mercado

Unha desas frontes é o noso xeito de vida, empezando polo consumo e tendo en conta toda a cadea, desde as persoas produtoras ás consumidoras, as nosas relacións coas empresas, o tipo de produción e consumo que fomentan, e a propia utilización do diñeiro e as súas consecuencias. Quizais nos sorprenda descubrir que con cada pequeno acto de consumo (tomar un café, comprar uns zapatos…) estamos a posicionarnos sobre temas tan importantes como a distribución da riqueza no mundo ou os dereitos humanos e laborais. Normalmente infravaloramos o poder do consumidor/a para facer cambiar as regras do mercado.

No Estado Español o 81% da poboación compra os seus alimentos e outros produtos nalgunha das grandes cadeas de distribución, e tan só 5 empresas e 2 centrais de compras controlan o 75% de toda a distribución alimentaria. A gran distribución concentra o 60% do valor de beneficio monetario que xera toda a cadea agroalimentaria, o que supón unha competitividade inasumible por parte do pequeno comercio e, por tanto, un maior acaparamento de poder económico por parte desas grandes empresas. Os produtores/as non deciden os prezos, que en moitos casos están por debaixo do custe de produción, e multiplícanse ata por sete desde a orixe ata o destino. Por outra banda, o 20% da poboación mundial (que vive nos países enriquecidos) consome o 80% dos recursos do planeta, namentres máis de 1.200 millóns de persoas viven con menos de 1 euro ao día.

Fai falta un cambio, por tanto, no noso modelo de consumo. A nivel individual podemos e debemos optar, en primeiro lugar por diminuír e racionalizar o noso consumo. E podemos variar a nosa cesta da compra, apostando polos mercados locais, e os produtores/as máis próximos, moito mellor si producen en ecolóxico. Cada vez é máis fácil participar en cooperativas de consumo ecolóxico e organizacións de comercio xusto, que permiten pedir información para restablecer os vínculos de confianza sobre a orixe dos produtos e achegar o consumidor ao modelo de produción. Cando isto non sexa posible, o pequeno comercio de proximidade permite manter o tecido social dos nosos pobos e cidades e xera postos de traballo.

A nivel colectivo, é importante analizar as condicións que o sistema impón para dificultar estas opcións, e empezar a reivindicar que parar conseguir que os produtores poidan vivir dignamente

Existen, así mesmo, empresas de economía solidaria, que poñen ás persoas por riba do beneficio económico. E opcións de banca ética, que poñen a traballar o nosos diñeiro en favor das persoas e dos proxectos social e ambientalmente respectuosos, en vez de apoiar á banca convencional, con toda a súa traxectoria de espolio do diñeiro público, comercio de armas e abusos á poboación. Podemos e debemos escoller esas opcións diferentes, sinalándolle ao sistema os métodos produtivos, laborais e comerciais que aprobamos e os que condenamos.

A nivel colectivo, é importante analizar as condicións que o sistema impón para dificultar estas opcións, e empezar a reivindicar que parar conseguir que os produtores poidan vivir dignamente, cultivando produtos de calidade ligados á súa realidade social, ecolóxica e cultural, necesitamos uns mercados locais viables e necesítamos normativas que apoien a produción ecolóxica en vez de “multala” como ocorre actualmente. Por exemplo, o custe do selo de garantía non debería repercutirse no produto ecolóxico, é máis, debería existir unha taxa, superior ao que agora supón ese selo, pero aplicada á contaminación que provoca a produción convencional; actualmente o sobreprezo fai menos competitivos aos produtos máis sans e respectuosos co medio.

Do mesmo xeito, as medidas de control da contaminación dos cultivos ecolóxicos están a repercutir negativamente sobre o propio produtor ecolóxico, cando este debería ser protexido, e as esixencias de coidados, distancias e responsabilidades na contaminación (casos vergonzosos teñen ocorrido cos transxénicos) deberían apuntar a quen contamina.

Coñecer e probar novas estratexias que nos fagan libres respecto a un sistema depredador permitirá que poidamos loitar tamén de xeito colectivo por un cambio real para todas e todos

Sería moi longo falar aquí de todas as experiencias interesantes que se están a dar e que tentan cambiar a concepción sobre a calidade de vida que nos ven de ensinar o sistema actual. Deixaremos só dous exemplos para que poidades seguir investigando: as moedas complementarias (bancos de tempo, sistemas monetarios alternativos e complementarios, sistemas de troco, etc.) e as reivindicacións dunha renda básica universal.

Coñecer e probar novas estratexias que nos fagan libres respecto a un sistema depredador permitirá que poidamos loitar tamén de xeito colectivo por un cambio real para todas e todos.

Acerca de A Cova da Terra

A Cova da Terra é unha asociación galega sen ánimo de lucro, de comercio xusto e consumo responsable, que comezou a súa andaina en 1995 abrindo en Lugo a primeira tenda de comercio xusto de Galicia.

Traballa na transformación da sociedade, desde o ámbito local, na procura dunha maior conciencia ambiental e social dos e das galegas, a partir de programas educativos e de sensibilización (Programa Educativo, materiais educativos propios, exposicións, charlas, obradoiros, actividades para nen@s e adultos, etc.) e de prácticas comerciais máis xustas e solidarias.

Tamén procura o traballo en rede con outras entidades, tanto desde a participación en redes, coordinadoras, campañas, etc., como tentando reforzar o tecido asociativo de Lugo mediante a colaboración en actividades e denuncias