A tentación do coiote

Lendo estes días o excelente ensaio de Manuel Garin, O gag visual, quedei moi sorprendido ao comprobar que lle dedicaba especial atención aos mecanismos humorísticos no seu tempo innovadores que forman parte da serie do coiote e o correcamiños, da que sempre fun espectador agradecido.

O personaxe do coiote e a súa obsesiva persecución do correcamiños ten mútiples lecturas, pero apuntaremos só a máis obvia: a adicción ao fracaso

Imos facer como que ignoramos o discurso policorrecto de certos sectores progres e imos recoñecer abertamente que aínda que estamos contra o imperialismo cultural, o neoliberalismo depredador e todo iso que xa vén no paquete básico da mentalidade esquerdosa, somos receptores de produtos audiovisuais magníficos, como por exemplo esta serie da Warner creada en 1949 polo debuxante de animación Chuck Jones inspirándose nunha idea mínima de Mark Twain.

O personaxe do coiote e a súa obsesiva persecución do correcamiños ten mútiples lecturas, pero apuntaremos só a máis obvia: a adicción ao fracaso. O coiote sabe por experiencia que o correcamiños non só é máis rápido ca el senón que pode prever, burlar e incluso desmontar, rompendo os códigos lóxicos do relato, calquera das súas trampas e argalladas. O correcamiños sempre trunfa, e o coiote fracasa de xeito profesional.

Aí aparece o vicio do fracaso, o fracaso como pulsión e mesmo, se me apurades, a relixión do fracaso. É dicir, a inclinación enfermiza a ignorar a realidade e empeñarse en trazar un plano (e un plan) paralelo e imposible que só existe na propia cabeza do coiote

Aí aparece o vicio do fracaso, o fracaso como pulsión e mesmo, se me apurades, a relixión do fracaso. É dicir, a inclinación enfermiza a ignorar a realidade e empeñarse en trazar un plano (e un plan) paralelo e imposible que só existe na propia cabeza do coiote. Pero non vos enganedes, non estou a falar de ficción, de narrativa ou de humor intelixente. Estou falando exactamente de política.

A intelixencia colectiva da esquerda, ou sexa o correcamiños, vai en determinada dirección: emprega todos os sentidos e todas as neuronas, é plenamente consciente do escenario e das opcións máis convenientes, e, se fose preciso, está en condicións de facer un par de trucos de maxia sociolóxica.

Pero, claro, o coiote segue estando aí. O coiote nunca desiste, por moito que fracase nunca abandona, porque non debemos esquecelo, o coiote é un drogodependente do fracaso e de feito o fracaso político, ese pracer estraño de nunca acadar un obxectivo plenamente, é a única causa que xustifica a súa existencia.

Así é que vemos o coiote traballar moi afanoso e sen descanso. A súa entrega absoluta é xa o primeiro elemento cómico. Leva atado á cintura un peto de coiro cheo de puntas, e ten agora mesmo sete ou oito na boca. Está fixando nun poste de telégrafos, no deserto, por suposto, un indicador de madeira que di: POR EIQUÍ. 

Uns metros máis adiante volve cravar outro indicador: SIGA POR EIQUÍ. Observamos que unha fita cruza a fronte do coiote. Entón ábrese o plano e vemos que o deserto é inmenso e que o coiote está a centos de quilómetros de calquera lugar habitado. A fita na fronte é, agora xa o sabemos, unha correa que vai dar a un enorme carromato cheo de indicadores deseñados pra levarnos cara á fragmentación e ao fracaso. Carromato que o coiote arrastra por todo o deserto con gran sacrificio.

Despois de días de traballo que no código dos debuxos animados se traducen nunha breve serie de planos, vemos que o coiote se aproxima a un lugar entre uns penedos e crava un último indicador sinalando cara ao chan: SITÚESE VOSTEDE EIQUÍ.

Que sucede finalmente? Xa o sabemos, de feito sabiámolo dende a primeira imaxe

Mais no chan non hai nada que sexa tecnicamente proporcional a tanto esforzo previo. Só unha tampa sobre un foxo, e nela uns grauciños de millo. O coiote pretende que o correcamiños siga inocentemente as súas indicacións, se sitúe enriba da tampa e se poña a comer no millo, momento en que el, agochado detrás dun penedo, tirará dun cordeliño que moverá un enorme pelouro pra esmagar o correcamiños.

Que sucede finalmente? Xa o sabemos, de feito sabiámolo dende a primeira imaxe.

O correcamiños aparece de súpeto, veloz coma un fotón, e espétase vibrante xusto por detrás do coiote. O coiote dá un chimpo de susto, aterra sobre a tampa e vai dereito pra o fondo do foxo. Un segundo despois, a simple tensión do cordel fai caer o pedrolo sobre a súa cabeza. Xa sabedes como é esa mirada de resignación (e gozo) cando recibe unha vez máis o golpe do fracaso.

Isto é o que algún sector da esquerda nos propón que fagamos cara ás eleccións municipais do 24 de maio: seguir as indicacións do coiote pra condenarnos unha vez máis ao fracaso político máis estúpido, innecesario e recorrente ata a náusea

Pois ben, isto é o que algún sector da esquerda nos propón que fagamos cara ás eleccións municipais do 24 de maio: seguir as indicacións do coiote pra condenarnos unha vez máis ao fracaso político máis estúpido, innecesario e recorrente ata a náusea. Teñen o cordeliño atado ao pelouro que acabará por esmagalos, porque eles decidiron SITUARSE AÍ.

Pero non debemos esquecer que agora mesmo nós xa somos o correcamiños, e coñecemos os movementos do coiote con moitísima antelación. 
Avante a confluencia da esquerda rupturista fronte aos partidos do réxime!!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.