O Reino de Repsol

O ministro de Industria do goberno español deixouno xa claro o pasado 12 de abril: “O goberno de España defende os intereses das empresas españolas, dentro e fóra. Se nalgún lugar do mundo hai acenos de hostilidade a eses intereses, o Goberno interprétaos como acenos de hostilidade a España e ao Goberno de España. O Goberno o que si di é que se hai acenos de hostilidade, estes traerán consecuencias”. Refírese, é sabido, á situación da empresa Repsol-YPF na Arxentina días antes do anuncio da nacionalización.

As declaracións do ministro van alén do caso e teñen valor de categoría. Representan todo un xeito de ver o mundo que parece ser o propio dos nosos gobernantes

Tanto ten como se desenvolva este asunto e as complexidades do conflito do que moito se seguirá a falar. As declaracións do ministro van alén do caso e teñen valor de categoría. Representan todo un xeito de ver o mundo que parece ser o propio dos nosos gobernantes. En Galiza, en España, en Europa.
Cabe sinalar, nunha primeira achega, as resonancias aznarianas no discurso do ministro, tanto na forma como no fondo, no estético como no ético. No formal, polas as repeticións ad nauseam, a fatuidade que quere pasar por contundencia e nas simpleza do discurso que queren pasar como lóxica esmagadora. No fondo, nese intento de recuperación dun imperialismo neocolonial de segunda división ao servizo de certas transnacionais.

O maior argumento sobre a súa españolidade ven dado porque foi en tempos unha empresa pública (antes de ser privatizada nos gobernos de González e Aznar), isto é, pola súa orixe

Poderíase, por certo, cuestionar a premisa menor do argumento do ministro, é dicir, o feito de Repsol-YPF ser unha empresa española: a maioría do seu capital non é español e opera activamente en paraísos fiscais, o que é só un dos mecanismos para non pagar os impostos que lle corresponderían.

Certamente, o maior argumento sobre a súa españolidade ven dado porque foi en tempos unha empresa pública (antes de ser privatizada nos gobernos de González e Aznar), isto é, pola súa orixe. Máis por similares motivos poderíase dicir entón que YPF é arxentina só que con maioría de capital estranxeiro. Pero este camiño non leva a ningures: é tan ridículo defender a españolidade de Repsol como escolástico pórse a discutir cal habería de ser o criterio para determinar tal nacionalidade.

Unha mentalidade colonialista e imperialista que aínda circula en boa medida entre moitos políticos e empresarios españois, para quen estes anos supuxeron unha sorte de reconquista empresarial da América Latina

Pois o cerne do asunto non é ese. O problema central que transmiten estas palabras é a visión colonialista e a subordinación aos intereses das transnacionais. Unha mentalidade colonialista e imperialista que aínda circula en boa medida entre moitos políticos e empresarios españois, para quen estes anos supuxeron unha sorte de reconquista empresarial da América Latina. Non moi lonxe, no seu imaxinario, de cando Rodríguez Galindo gabábase en xuízo de que con seis homes como os seus subordinados podería conquistar América do Sul. E emparentada tamén, claro, co famoso “¿Por qué no te callas?” do Gran Cazador Branco.

A Marca España, obxecto propagandístico da nova política exterior española, convértese na Marca Repsol e viceversa. O que está ausente nesta relación é a cidadanía

A subordinación do goberno e do Estado aos intereses de certas empresas, aquí agochada na lóxica da espuria identificación empresa española-España-Goberno español é tamén preocupante. Como ten escrito Miguel Romero, editor da revista Viento Sur, a Marca España, obxecto propagandístico da nova política exterior española, convértese na Marca Repsol e viceversa. O que está ausente nesta relación é a cidadanía, á quen se lle reserva o único papel de siareiro como se isto fose un partido entre seleccións de España e Arxentina.

Supoñamos que a empresa en cuestión –con ou sen a complicidade do goberno local- evade impostos, viola os dereitos laborais, esnaquiza as comunidades indíxenas, xera danos ambientais irreparábeis, compromete o subministro enerxético local, etc

Sigamos por un momento a lóxica do argumento gobernamental. Se a hostilidade cara os intereses dunha empresa ha de se interpretar como hostilidade cara o país de orixe da empresa e o seu goberno, que ocorre se a hostilidade fose no sentido inverso. Supoñamos que unha empresa manifestase hostilidade cara os cidadáns dun país ou cara o seu medio ambiente. Que actitude debería tomar o goberno do país de orixe da empresa? Supoñamos que a empresa en cuestión –con ou sen a complicidade do goberno local- evade impostos, viola os dereitos laborais, esnaquiza as comunidades indíxenas, xera danos ambientais irreparábeis, compromete o subministro enerxético local, etc. Estas son, por certo, algunhas das acusacións que están no Informe de Caso sobre actividades de Repsol-YPF en América Latina entregado ao Tribunal Permanente dos Pobos en 2008.

Supoñamos, por hipótese, que algunha delas fose verdade. De acordo con esta lóxica de identificación, estes feitos serían tamén responsabilidade do goberno español, pois este deberíase amosar tan solidario coa empresa nun caso como no outro. É inaceptábel, non si? Pode ser. Pero a iso é ao que nos conduce a postura do goberno español. Desde tal lóxica teríamos tamén que aceptar a xusteza dos reproches sobre ás falcatruadas de Repsol e compañía que ás veces nos dirixen amigos latinoamericanos, mesmo cando estes se dirixan a nós persoalmente.

Con toda a mentalidade neocolonial presente, hai que dicir que velaquí o goberno de Rajoy demostra, en cambio, non ser discriminatorio. Se ben non estaría disposto a  reaccionar fronte a acenos de hostilidade que empresas reclamadas como españolas amosasen fronte a cidadáns doutros países, tampouco ofrece nisto privilexio ningún aos cidadáns españois. Fronte aos acenos de hostilidade que empresas –españolas ou doutros países- realizan cara a cidadanía española, o goberno non axe de xeito diferente. Fronte á hostilidade, tamén, dos mercados cara as persoas, aos seus dereitos, ao seu benestar, ao seu futuro ou á súa dignidade, ante todo ningún privilexio e ningunha discriminación por motivo de nacionalidade. Báixese a cabeza e fágase a vontade dos mercados, así en España como en América Latina.

Báixese a cabeza e fágase a vontade dos mercados, así en España como en América Latina

Xa que nesta lóxica de identificacións perversas estou a me converter –se non o era- nun inimigo de Repsol, quero dicir, de España, mellor pórllo doado aos maniqueos da división amigo-inimigo. Supoño que antes de que me amosen a porta terei que considerar a solicitude da nacionalidade arxentina. Que mellor opción, por outra parte, para un galego. Desde esa posición poderei –tamén- criticar as inconsistencias do meu novo goberno que, por certo, neste asunto tamén son abondo. Polo menos faríao nun lugar onde se respecta algo máis –tampouco sen esaxerar- o artigo 128 da Constitución... española. Aquel que dicía (lembran?) que a riqueza do país está subordinada ao interese xeral.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.