A quen defende o Constitucional?

É obvio que a mellor defensora da clase traballadora é a propia clase traballadora organizada sindicalmente. Con todos os matices, diferenzas e críticas pero, sobre todo, con toda a forza que dan a mobilización e a unidade. Non é esperable ningunha concesión na defensa dos dereitos conseguidos tras anos de loita; só o propio respecto e recoñecemento que esperta a nosa capacidade de mobilización. En ningunha negociación se gañarían máis dereitos ou se defenderían os que se teñen se non fose pola presión exercida polos afectados ou, solidariamente, polo conxunto das traballadoras e traballadores.

É obvio que a mellor defensora da clase traballadora é a propia clase traballadora organizada sindicalmente

Dá igual que o ciclo económico sexa de crise ou de bonanza. Tanto ten que as empresas teñan perdas ou repartan dividendos. Ninguén mellor que o persoal para defenderse da voracidade de mediocres empresarios e empresarias, que empurran á ruína as empresas despois de levaren todo o rendemento excedente, sen pensaren na importancia de reinvestilo na propia empresa para cando as cousas non vaian tan ben.

A atención sempre está posta en meterlles man aos dereitos laborais, como remedio superficial a unha situación de crise na empresa, deixando claro quen manda, mesmo sabendo que así non se vai resolver ren

A atención sempre está posta en meterlles man aos dereitos laborais, como remedio superficial a unha situación de crise na empresa, deixando claro quen manda, mesmo sabendo que así non se vai resolver ren. Ao montar unha empresa, ninguén dubida que ha pagar o alugamento do local, o recibo da luz e outras subministracións imprescindibles para a boa marcha da empresa. Iso mesmo debería ocorrer ao considerar a ferramenta clave en calquera empresa, a que lle dá valor e a fai funcionar: os traballadores e traballadoras. Non se debe pensar que o investimento (que non custo) que supón o pagamento dos salarios é dispoñible, porque as empresas deixan de ser competitivas, non polos custos laborais, senón pola súa deficiente produción ou pola mala calidade dos servizos prestados. Ambas as situacións son resultado de non coidar os valores de produción(persoal suficiente, salarios dignos, organización do traballo eficiente).

Pero por máis que se tente desviar a atención, a responsabilidade das crises nas empresas só pode ser de quen as dirixe. A aplicación dos convenios colectivos, que son os mínimos aplicables en cada caso, non pode levar unha empresa á quebra, xa que iso sería afirmar que o aboamento de impostos e subministracións tamén pon en perigo unha empresa, e, chegados a esa situación, igual estamos a falar de algo que non debería ser nunca unha empresa se non é capaz de comportarse en todas as ordes como tal. Todo isto vén a conto da recente sentenza do Tribunal Constitucional que desestima os recursos de inconstitucionalidade presentados polos grupos parlamentarios Socialista e de Esquerda Plural (antes xa fora desestimado tamén o recurso interposto polo Parlamento de Navarra) á lesiva reforma laboral aprobada polo goberno do PP en 2012.

Todo isto vén a conto da recente sentenza do Tribunal Constitucional que desestima os recursos de inconstitucionalidade presentados polos grupos parlamentarios Socialista e de Esquerda Plural á lesiva reforma laboral aprobada polo goberno do PP en 2012

O tribunal que debe velar polo cumprimento e garantía dos dereitos constitucionais (e a negociación colectiva é un deles) ratifica na súa sentenza a perda de poder da negociación colectiva como instrumento de regulación das relacións laborais fronte ao poder unilateral do empresario. Tamén sinala a sentenza a constitucionalidade da non aplicación das condicións de traballo dos convenios colectivos nas empresas e a preferencia do convenio de empresa sobre o sectorial en aspectos que afectan esencialmente ás condicións de traballo, aínda que sirva para empeorar as condicións previstas no convenio sectorial.

Só queda esperar que esta situación teña os días contados, e tanto este Tribunal como o resto de institucións estean realmente ao servizo da cidadanía e non dos poderosos

Pero o Tribunal Constitucional non queda aí, e permite a non aplicación dun convenio colectivo simplemente co voto da administración na Comisión Consultiva Nacional de Convenios Colectivos (CCNCC), volvendo a maneiras da época franquista, amais de declarar a “constitucionalidade” do contrato de apoio aos emprendedores, amparando a posibilidade do despedimento sen causa e a rotación, aínda maior se cabe, no mercado de traballo. O posicionamento do Tribunal Constitucional esperta sospeitas, máis aínda cando o seu presidente é un recoñecido militante do PP, partido que elaborou a cuestionada reforma laboral, e con anterioridade foi o seu asesor xurídico. Só queda esperar que esta situación teña os días contados, e tanto este Tribunal como o resto de institucións estean realmente ao servizo da cidadanía e non dos poderosos.

Ata entón, coma sempre, quen mellor vai defender a clase traballadora seguirá sendo a propia clase traballadora organizada sindicalmente.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.