Eu son da casta

Sr. Iglesias e compañeiros desa forza política denominada PODEMOS, teño que confesarlles que eu son da casta e a moita honra.

Seguramente serei tamén da casta por non acreditar en vostedes como non acredito para o meu país en ningunha solución traída de fóra por salvapatrias

Son da casta dos galegos que se senten orgullosos da súa historia, de ser o primeiro reino europeo e non son monárquico. Son da casta dos que nos sentimos fachendosos de ter protagonizado a primeira revolta campesiña de Europa ou da cultura castrexa e mesmo dos vellos galeguistas, as Irmandades da Fala e de ter unha lingua propia na que se expresaron Rosalía ou Curros.

Seguramente serei tamén da casta por non acreditar en vostedes como non acredito para o meu país en ningunha solución traída de fóra por salvapatrias.

Son da casta dos que estamos fartos que se non ningunee en tódalas decisións de Estado e se nos marxine en tódolos repartos de produción emanados desa centralidade que vostedes representan, no sector naval e a pesca, no leite, na industria en xeral...

Son desa casta que se sinte galego e nacionalista antes que de esquerdas porque até o nacionalismo galego máis moderado está máis na esquerda que vostedes.

Son da que usa a política como instrumento para emancipar o meu país ou o que é o mesmo, aos galegos

Son da casta dos que defendemos que Galiza é un país e queremos que sexa un estado en pé de igualdade con calquera outro do mundo.

Son da casta de Castelao e Bóveda e milleiros de galegos que adicaron as súas vidas a loitar por este cometido sin leccións de iluminados desideoloxizados.

Son da Casta, señor Iglesias, pero non desa que vostede define con desprezo, son da que usa a política como instrumento para emancipar o meu país ou o que é o mesmo, aos galegos.

Vostedes nunca entenderán que os nacionalistas, os galeguistas, cos nosos erros e acertos, temos algo moi por enriba das ideoloxías, que é o fondo e irrenunciábel amor á nosa patria

Hai moitas castas e a de vostedes asentase nunha entelequia de dominio que chaman España e que nunca foi reino nin é país e cuxos dirixentes, vostedes incluídos, se negan a entender porque precisamente nese invento imposto se basea a pervivencia desa casta que comparten cos dirixentes de PP, PSOE ou IU.

Vostedes nunca entenderán que os nacionalistas, os galeguistas, cos nosos erros e acertos, temos algo moi por enriba das ideoloxías, que é o fondo e irrenunciábel amor á nosa patria, que se chama Galiza, non España.

E vostedes, señor Iglesias, entérese, para fraseando a Castelao, que como os outros, son uns imperialistas fracasados.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.