0 Gardados para despois

Bieito Barreira

Barullo. Unha reflexión sobre a música ao vivo en Compostela

Nietzsche dixo: "A vida sen música sería un erro". Se cadra, esta apreciación poderíase aplicar a cultura en xeral. Pódese dicir que a vida sen cultura é un erro. Quizais sexa porque algúns amamos o noso traballo ata o extremo de non distinguilo do respirar, do comer, do vivir… Algo tan natural como deixar voar a imaxinación e tratar de transmitir algo a quen queira.

Arredor do que está a acontecer no Concello de Compostela sería interesante facer unha pequena reflexión sobre os acontecementos dende a óptica dos que os padecemos

Arredor do que está a acontecer no Concello de Compostela sería interesante facer unha pequena reflexión sobre os acontecementos dende a óptica dos que os padecemos. Remontémonos a metade do ano 2013. Da noite para a mañá comezan a chegar a unha serie de locais multas por cantidades que oscilaban entre os 1500 e os 3000 euros de sanción. Noutros locais que desenvolvían actividades culturais a policía comezou a facer acto de presencia e a tomar nota de todo canto sucedía e a propoñer sancións indicando que había veciños que se queixaban do ruído que ditas actividades xeraban. Nalgún evento do que eu persoalmente participei a policía ten parado un concerto durante o seu desenvolvemento.

Estes feitos ata o momento pouco habituais comezaron a ser dunha periodicidade alarmante, e moitos dos espazos dos que os músicos podiamos nutrirnos quedaron orfos de programación. Ante este escenario había un pequeno remanso de paz que era o convenio de colaboración que tiñan os locais da A.C Cidade Vella co Concello de Compostela que estipulaba unhas horas, uns decibelios e unha tranquilidade tanto para quen programaba como para os propios músicos que intentaban desenvolver o seu traballo con normalidade. Dito convenio foise renovando automaticamente anualmente sen maior trauma.

Parece ser que as presións dun grupo veciñal chamado Compostela sen Ruido foi o detonante da non renovación de dito acordo

Foi durante a corporación do Señor Currás cando ese convenio non foi renovado, o que nos quitaba o mínimo resquicio de legalidade que existía para poder programar. Parece ser que as presións dun grupo veciñal chamado Compostela sen Ruido foi o detonante da non renovación de dito acordo apelando a ilegalidade deste no marco da lei de espectáculos da Xunta de Galicia. Fomos pasando o ano e entramos no 2014 nunha situación de incerteza total sobre a situación do convenio e con novas sancións aos locais de Cidade Vella. Conseguise dende dita asociación sacar adiante o Feito a man, un festival que levou decenas de concertos as rúas, prazas e locais de Compostela e que foi, un ano máis, un éxito de convocatoria.

A comezos de decembro e xa baixo a rexencia do señor Hernández chegaron novas multas e a situación levou á inmensa maioría dos locais a suspender a súa programación por medo as sancións, o caso volveu a ser tema de actualidade o debate voltou as rúas.

Para tratar de pórlle freo a esta situación créase a Plataforma Compostela Territorio Musical, que suma os esforzos de Hosteleiros, Veciños e dos Músicos

Para tratar de pórlle freo a esta situación créase a Plataforma Compostela Territorio Musical, que suma os esforzos de Hosteleiros (Cidade Vella), Veciños (A.C. San Martiño Pinario) e dos Músicos (o sindicato profesional Músicos ao vivo) crease un manifesto no que se recollen as intencións de tal plataforma que non outras que a defensa da cultura e da música ao vivo nos bares e locais da cidade así como un modelo de cidade viva, dinámica e sobre todo alegre.

Dende a Plataforma convocáronse tres encontros abertos sobre a problemática coa clara intención de ser un foro de debate claro e concreto. Un primeiro encontro cos veciños da zona vella, outro cos músicos e profesionais da música e un terceiro cos membros da hostalaría.

Hai uns días celebrouse o primeiro encontro cos veciños moi frutífero e cordial no que se expuxo entre outras cousas que a problemática no tocante a ruídos na zona vella non ten nada que ver coa actividade que desenvolven os músicos nin cos concertos

Hai uns días celebrouse o primeiro encontro cos veciños moi frutífero e cordial no que se expuxo entre outras cousas que a problemática no tocante a ruídos na zona vella non ten nada que ver coa actividade que desenvolven os músicos nin cos concertos. A problemática real que padecen os veciños é o balbordo que se xera nas portas dos locais de ocio nocturno que, dende a entrada en vigor da lei anti tabaco se viu incrementado notablemente. O auténtico suplicio para os veciños e non poder descansar pola aglomeración de xente a escasos metros dos seus portais e ventás a altas horas da madrudada. Hai que sinalar que os horarios dos concertos non acostuman excederse máis aló das 00.00 da madrugada. Ante esta situación os aló reunidos entendemos que se trata dunha cuestión de civismo e de falta de control municipal. Sería conveniente que a normativa se adaptase e non fose tan contraditoria a hora de sancionar aos locais que teñen a xente bebendo nas súas portas, xa que os hostaleiros non son policías, e se multe a quen comete a infracción. Neste caso aqueles que fagan balbordo na vía pública e non se comporten dun xeito cívico.

Falouse das presións recibidas no Concello por parte de Compostela sen ruído (brazo armado da máis que irregular Asociación veciñal Compostela Vella) liderada pola señora María Abelleira, que no seu momento se encargou de expulsar irregularmente a membros de dita asociación, mudar censos, dar altas de veciños que non son da zona vella e de non voltar aparecer polo local social que figura como sede social de dita asociación. Os veciños que acudiron á convocatoria expuxeron de xeito moi claro que esta asociación non é representativa da veciñanza do casco histórico.

Nós os músicos entendemos e comprendemos o dereito de calquera veciño ao descanso e a unha calidade de vida digna

Nós os músicos entendemos e comprendemos o dereito de calquera veciño ao descanso e a unha calidade de vida digna. Dito dereito non é antagónico a realización do noso traballo con unha regulación normal que estipule tanto horarios, decibelios etc. Somos, a inmensa maioría, veciños de Santiago e entendemos que a confluencia e os puntos de encontro son o único xeito de acadar unha solución a este atropelo que levamos padecendo moito tempo. Non deixa de ser paradóxico que sexa o tecido asociativo o que trate de buscar puntos de encontro para solventar nun foro aberto desencontros que non son tales. Non deixa de ser insultante que dende unha asociación cun claro tinte fascistoide e rancio se demonice a unha asociación como cidade vella que leva máis de 25 anos traendo cultura de balde as rúas de Compostela con máis de 10.000 concertos realizados, xerando postos de traballo, e dinamizando espazos que deberían ser responsabilidade do Concello.

Vivimos e facemos vida nesta cidade porque a queremos e podemos intentar vivir acorde ao que nos propuxemos cando decidimos vivir da música

No caso dos músicos fálase da nosa actividade como ruído e eso é xusto o contrario do que facemos. Nós facemos música, nos tratamos de transmitir o noso esforzo a quen nos queira escoitar, a quen nos queira apoiar. Vivimos e facemos vida nesta cidade porque a queremos e podemos intentar vivir acorde ao que nos propuxemos cando decidimos vivir da música. De non existir un marco legal que ampare a lexitimidade do noso traballo máis 170 persoas marcharemos de Compostela non por vontade, senón porque nos botan a forza.

Por este motivo solicitamos que se adecúen as normativas tanto de ruídos como de espectáculos as peculiaridades da cidade, xa que o casco histórico posúe peculiaridades que non existen noutras cidades, e moito menos noutros cascos históricos. Por eso loitaremos da man de todos os que nos queiran apoiar, sempre co convencemento de que nos asiste a razón e que non imos deixar esmorecer o que para nós e para moita xente é unha fonte de vida.

Acerca de Bieito Barreira

Músico, membro da Xestora de Músicos ao Vivo sección Compostela e membro da Plataforma Compostela Territorio Musical.