O mar, esa oportunidade que debemos gañar

Dende os montes, pasando polas terras de labranza ata chegar ao mar, o goberno do PP parece empeñado en destruír todos e cada un dos nosos sectores produtivos. O último exemplo é a vergoña que supón que Europa devolvese estes días o Programa de Desenvolvemento Rural 2014/2020 á Consellaría do Medio Rural e do Mar por, entre outras neglixencias, facelo sen consultar aos axentes sociais implicados. Nada novo: alén da incompetencia, o PP desexa perpetuar o atraso económico de Galicia porque se nutre do caciquismo, que non é outra cousa que a administración da miseria.

Pero eu quero hoxe poñer o foco sobre o noso mar. Por dous motivos; un, porque o fago dende Vigo, esta cidade á que o réxime caciquil lle roubou a oportunidade de consolidarse como a capital das Ciencias Mariñas e, dous, porque Galicia é un país eminentemente marítimo. Temos máis de 1500 quilómetros de costa, achegamos o 15% da produción mundial de mexillóns e o mar inflúe no 80% dos 56 sectores produtivos nos que se estrutura a nosa economía, contribuído, cando menos, a un 10% do P.I.B. Case o 60% da nosa poboación se asenta en concellos costeiros, que só representan o 16% do territorio. O noso mar é, pois, unha porta aberta, unha grande oportunidade para ese progreso económico que nos merecemos. Pero que nunca acadaremos se seguimos gobernados por intereses que non responden nin ao sentido, nin ao ben común.

O noso mar é unha porta aberta, unha grande oportunidade para o progreso económico que merecemos

O mar precisa recursos en investigación. As distintas Administracións públicas teñen investido nas últimas décadas en capital humano e infraestruturas adicadas á formación, investigación, desenvolvemento, xestión, innovación e divulgación das ciencias e tecnoloxías mariñas, sobre todo aquí, en Vigo. Sen embargo, a ciencia segue sen considerarse unha cuestión de Estado e aos recortes orzamentarios do Goberno central e á discriminación que sufrimos fronte á franxa mediterránea, hai que sumar que o goberno de Núñez Feijoo anulou o programa sectorial de I+D+i en recursos mariños e vetou o acceso dos organismos públicos de investigación de filiación estatal (CSIC e IEO) aos fondos competitivos de investigación, cando estas institucións son as que sostiveron a investigación mariña en Galicia durante décadas.

Hai que construír un novo modelo de Estado, plurinacional, si, pero sobre todo máis xusto e máis eficiente

Galicia, sendo a parte do Estado que máis recursos económicos xera das actividades pesqueiras, debería ter unha investigación acorde a este potencial. Pero o Goberno español sempre considerou xeoestratéxico o Mediterráneo e non o Atlántico. E, por outra parte, en zonas como Cataluña existe unha unión e uns poderes públicos que aquí non temos para facer forza e reclamar o que nos corresponde. Penso que  hai que construír un novo modelo de Estado, plurinacional, si, pero sobre todo máis xusto e máis eficiente, capaz de identificar claramente cales son os seus sectores económicos relevantes e apostar por eles apostando pola investigación, que é o piar no que se asenta o progreso. O Goberno de España debe saber que o mar é estratéxico para Galicia pero tamén para o conxunto do Estado, e actuar en consecuencia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.