Unha revolución para o xardín de infancia

Se agora mesmo saímos á rúa, escollemos ás dez primeiras persoas que nos atopamos e lles preguntamos “do 1 ao 10, como de importante cree vostede que é ter unha boa educación?”, moi posiblemente a resposta non sería inferior ao 8. Dende logo, ningunha persoa daría menos dun 5. Evidentemente, todo cidadán de calquera país, considera a educación dos seus fillos un tema de especial relevancia. Sen embargo, gobernos coma o do Partido Popular, co señor Wert á fronte do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, semellan estar máis preocupados por mellorar as cualificacións negativas que a OCDE lle da a España cada ano. Se logo de vinte anos de ministros preocupados por mellorar ditas notas e que aínda non se conseguira rematar con esa situación, onde está o problema?

Gobernos coma o do Partido Popular, co señor Wert á fronte do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, semellan estar máis preocupados por mellorar as cualificacións negativas que a OCDE lle da a España cada ano

Segundo a OCDE, no seu informe do 2014, o 22,7% dos mozos entre 18 e 24 anos en España non continúa os seus estudos máis ala de 4º da ESO, situándose a media da Unión Europea no 11%. Ademais, vemos que o 45% do alumnado ao chegar aos 15 anos, repetiu algunha vez. Que motivos poden levar a un estudante a abandonar a súa propia educación? Que é o que se está facendo tan mal como para provocar que unha persoa perda a motivación por estudar? Moitos son os factores que poden levar a un mozo a abandonar os seus estudos, xa sexan persoais ou pola súa entorna; pero quizais o máis relevante sexa o feito de que a educación de hoxe está baseada en modelos de hai máis de 100 anos, totalmente obsoletos, xa que foron creados polas necesidades dunha revolución industrial que esixía cada vez máis man de obra. Enlazado con isto está outro dos diagnósticos levados a cabo polo goberno: o sistema educativo non está adaptado ao mercado laboral.

Esta visión da educación como fábrica de traballadores lévanos a que materias consideradas máis “útiles” (como as ciencias e as linguas), acaparen a práctica totalidade da atención do currículum escolar, deixando de lado outras materias, como as humanidades, as artes ou a educación física por consideralas “inferiores” ou “inútiles”. Organizacións e partidos políticos como EQUO non comparten esta visión da educación como unha factoría de man de obra, senón que ven na educación o espazo idóneo para o desenvolvemento de mentes creativas e orixinais, de cidadáns coñecedores da cultura e do mundo que os envolve; en definitiva, un espazo para fomentar o crecemento de persoas, sen deixar nunca de lado o gran valor que posúen as ciencias, as linguas, as humanidades, as artes e a educación física de cara á formación de persoas íntegras.

Esta visión da educación como fábrica de traballadores lévanos a que materias consideradas máis “útiles” (como as ciencias e as linguas), acaparen a práctica totalidade da atención do currículum escolar

O cambio non é doado. Para lograr a revolución da educación, precisamos, primeiramente, deixar de lado a comodidade e o conformismo. Todo cambio implica movemento, innovación e renovación, un cambio de mentalidade moi profundo; factores que de por si non resultan atractivos para quen non está interesado no tema ou que está moi cómodo co que coñece, co de sempre. Para todo isto é preciso ter un profesorado activo e motivado co seu traballo, que sexa quen de crear o ambiente ideal para o fomento das capacidades e talentos individuais de cada alumno; uns dirixentes sensatos e sen pretensións alleas (ideolóxicas, económicas...) á creación dun sistema educativo público e de calidade; e, sobre todo, unha cidadanía involucrada, interesada na educación, cunha nova relación e valoración do profesorado.

EQUO e a Rede EQUO Xove aposta pola revolución educativa (entendida como contraria á evolución do sistema actual)

Por todo isto, e moito máis, EQUO e a Rede EQUO Xove aposta pola revolución educativa (entendida como contraria á evolución do sistema actual). Unha educación 100% pública cun profesorado con formación de gran nivel, cuns centros educativos abertos e conscientes da realidade local, cun investimento forte e coherente, que aposte polas novas tecnoloxías, cun currículum escolar diverso que busque a educación de persoas e non de man de obra; en definitiva, un sistema educativo de hoxe e para hoxe.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.