A peor versión de Mariano Rajoy

Admitámolo. O presidente Rajoy chegaba con todo a favor a leste #DEN2015. Abondaban as boas noticias, a oposición parlamentaria andaba entretida nos seus propios asuntos e a extraparlamentaria debía buscar o seu oco nos estudos. Era o momento para ofrecer a súa mellor versión: a do gobernante prudente e previsible que sabe como se fai política. Con todo, elixiu a súa peor versión: a do candidato disposto a todo con tal de gañar.

Presentouse no Congreso coma se as eleccións fosen mañá. Pero non o son, aínda faltan nove meses. Andou tan sobrado que até lle sobraron os noventa minutos de discurso. Abondoulle con subir e dicir "aquí estou eu". A Rajoy perdeuno confundir a evidencia de que ao presidente vaille ben coa consecuencia de que lle vaia igual de ben aos cidadáns. Empregouse tan a fondo en dar un mitin no canto de pronunciar un discurso que até cometeu o erro táctico de lanzar mensaxes crípticos sobre "ventoleras" e "declaracións" que só serven para dar titulares aos que nin sequera están no hemiciclo.

Rajoy chegaba protexido por un relato que o Partido Popular soubo converter en dominante con eficacia incuestionable. España era un país ao bordo da quebra por culpa de Zapatero, o presidente Rajoy fixo o que tiña que facer aínda que fose duro e así lograse evitar o rescate. Esa parecía a parte difícil de contar e vender ao electorado, pero aínda así lográrono. En teoría, agora vén a parte fácil onde toca anunciar que chegan tempos mellores e repetir que deberiamos dar grazas a deus por Mariano Rajoy porque todo o demais é o caos.

Ao PP dáselle moito mellor meter medo que infundir esperanza; e a Rajoy comunicar malas noticias que anunciar as boas

Pero paradoxalmente estamos a descubrir que ao Partido Popular dáselle moito mellor meter medo que infundir esperanza e a Rajoy dáselle moito mellor comunicar malas noticias que anunciar as boas. Hai unha razón que o explica: a propaganda funciona mellor para asustar que para crear confianza. A propaganda serve para destruír, pero vólvese inútil para construír.

Entre a ironía e a burla hai unha liña moi fina e Rajoy cruzouna varias veces. Cando tanta xente está a pasalo tan mal é un erro vir repetirlle unha e outra vez o ben que gobernaches. Rajoy non continuou o relato austero e sacrificado que mantivo os populares como a primeira forza nas enquisas. No seu lugar entregouse a unha bacanal de euforia onde agora vén o bo da crise, o emprego vai como un tiro, o Estado de benestar nunca estivo mellor, o gasto social é o maior da nosa historia, a corrupción estará arranxada ao final da lexislatura e o de Catalunya xa pasou. E todo en só tres anos. Somos a Alemaña do sur así que vostede de que se queixa? Ao presidente só lle faltou preguntalo en voz alta.

O triunfalismo é un recurso perigoso; diciro que non pedir o rescate foi a mellor medida de políltica social é recoñecer que non tes política social

O triunfalismo é un recurso perigoso. Resulta sinxelo cometer excesos que che converten en presa fácil, como compararnos sistematicamente con Grecia para recalcar o ben que imos despois de dedicar meses a convencernos de que non era así; proclamar que España non vive de endebedarse, cando a débeda pública xa equivale ao PIB; afirmar que non se quixo tirar da caixa da Seguridade Social, cando es o presidente que se fundiu a metade da hucha das pensións; ou dicir que non pedir o rescate supuxo a túa mellor medida de política social, que é tanto como recoñecer que non tes política social algunha da que falar.

Fiel ao seu estilo, Rajoy executou un discurso pensando exclusivamente nos seus. Pero esqueceu unha regra de ouro do seu código mariano: para gañar eleccións, hai que mobilizar os teus e non cabrear os outros. O triunfalismo cabrea os alleos e non está demostrado que anime os propios. Os votantes de Rajoy están enfadados e esperan unha compensación, non esmola. Toda a contundencia exhibida para proclamar o ben que vai España converteuse en vaguedades, anuncios tecnocráticos, palabrería incomprensible e cheques de todo a cen á hora de explicar como vai chegar aos nosos petos tanta bonanza. E a pregunta que se fan os votantes do PP é a mesma que se formulan todos os demais: se todo vai tan ben, por que temos que seguir esperando?

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.