De que cor terá os ollos o señor Castiñeiras?

Cando lin nos xornais que a Xustiza condenaba o señor José Fernández Castiñeiras, o ladrón da Catedral, a 10 anos de cadea, pensei: “Vaia, ho! Outra inxustiza máis!”. Por que tanto asañamento se o botín do roubo foi recuperado, todo ou case todo. Ademais, o señor Castiñeiras obrou por vinganza xa que se sentía maltratado e menosprezado polos prebostes catedralicios, que despois de toda unha vida cambiando lámpadas, empatando cables e arranxando enchufes, ían os mandaríns e prescindían dos seus especializados servizos, cunha merda de indemnización; ou sexa, que non o fixo polo vicio de roubar, senón por unha causa maior, restituír a súa honra que fora aldraxada e vilipendiada. Pero ademais da vinganza, o señor Castiñeiras tiña outra eximente mais: o carto roubado era negro, que non se sabía de onde viña nin a onde ía, e que Facenda non tiña constancia da súa existencia. Máis aínda, agora que o penso, e se o miramos con propiedade, os cartos amoricados nos celeiros húmidos da catedral eran doazóns anónimas aos santos e xa que logo, non pertencían á catedral. O señor Castiñeiras ben puido pensar que eran xa cartos roubados e, polo tanto, quen rouba a un ladrón, cen anos de perdón. E vai a Xustiza e castígao con 10 anos de cadea! Vedes agora vós tamén a inxustiza do caso? Grazas ao roubo, o señor Castiñeiras fixo aflorar o carto negro da Catedral e puxo en evidencia a seguridade trapalleira do libro vello ese famoso, o Códice Calixtino. Que máis podemos pedir? E que non só non había que castigalo, senón que a Xunta debía nomealo galego do ano e outorgarlle a medalla Castelao, que como sabedes, distingue a obra artística, literaria, intelectual ou de calquera outro tipo dunha personalidade galega distinguida. “... de  calquera outro tipo”, sería neste caso.

Grazas ao roubo, o señor Castiñeiras fixo aflorar o carto negro da Catedral e puxo en evidencia a seguridade trapalleira do libro vello ese famoso, o Códice Calixtino. Que máis podemos pedir?


Xa cheo de razón e alporizado, sentei a carón da cheminea e abrín o Sermos Galiza, onde Alba Nogueira escribía a propósito do roubo do electricista e das esmolas. Tiña a esperanza de que a first lady apoiara as miñas teses sobre o asunto, mais o seu discurso centrábase só na escuridade das finanzas da catedral, esquecendo a figura egrexia do señor Castiñeiras, ao que só mencionaba no título pola súa profesión, coma se quixera facelo de menos. Que riqueza, que mundo tan vizoso! Análises tan variadas perante o mesmo feito! A calor da cheminea íame temperando o corpo e xa o tiña nese lapso en que podía poñer un ovo se galiña fóra. Claro que acordaba coas reflexións de Alba, pero centraba a miña atención na figura do ladrón, que neste caso era coma un Robin Hood á galega e malgré lui. Incluso vía en Castiñeiras unha proba irrefutable mais da man invisible de Adam Smith: na procura do seu interese egoísta e individual, o electricista rematou beneficiando ao conxunto da sociedade (ademais dos beneficios sociais que xa contei, deunos tema a Alba e mais a min para escribir un artigo, e ao xuíz Taín argumento para unha novela). Fun adurmiñando coa calor da cheminea.

Namentres o electricista enfundou nunha zamarra verde país escuro e marchou mudo e cabeza gacha cara os Xulgados, don José Luís (non hai un bo) Bárcenas Gutiérrez paseou estarricada a súa testa cana na cima dun abrigo chéster impoluto

Daquela, espertoume do sopor a chamada telefónica dun familiar. Sen vir a conto, faleille da condena do electricista. Tiña interese en saber que raios pensaba el, xa que na súa mocidade, cando as noites de festa rachada, andara metido nunha banda que atracaba xoierías a golpe de croios nos escaparates e fuxida rápida (Un dos da banda chegou moito despois a ocupar altos cargos na Xunta, cousa que me demostra a teoría que o mundo é redondo). Pois resulta que, para o meu desconcerto, o familiar non opinaba o mesmo ca min. Máis ben, todo o contrario. Segundo a súa experta opinión, o señor Castiñeiras debía ser condenado a cadea perpetua e sen revisión posible. Que por que? Pois non por roubar, que iso pódelle pasar a calquera, senón pola fasquía de pailán murcho e arrepentido. Eu véxoche as cousas así e vouche poñer un exemplo. Pensa no Bárcenas, persoeiro co que partilla varias cousas. Ámbolos dous eran persoal cualificado, un experto electricista da Catedral de Santiago e o outro, xefe contable do Partido Popular; ámbolos dous apropiáronse indebidamente do carto negro que asolagaba os sotos de cadansúa empresa, un por vinganza e o outro por necesidade; ámbolos dous investiron parte dos cartos en paraísos vacacionais, un en Baqueira Beret e o outro en Sanxenxo; ámbolos dous agocharon o sobrante, Luís O Cabrón nunha casa patrucial en Suíza, e Manolo do Rego nun garaxe do Castiñeiriño; e ámbolos dous quixeron darlle ao latrocinio un toque cultural, un arramplando co Códice Calixtino, e o outro co Libro Diario de Ingresos e Pagos B. E ámbolos dous caeron. Pero namentres o electricista enfundou nunha zamarra verde país escuro e marchou mudo e cabeza gacha cara os Xulgados, don José Luís (non hai un bo) Bárcenas Gutiérrez paseou estarricada a súa testa cana na cima dun abrigo chéster impoluto, o paso decidido, o pelo lambido cara atrás e o dedo maior entesado cara o ceo. Iso é proa, fachenda, ... que da gloria velo! Iso honra calquera profesión! E ladróns, aínda que sexa un chisco, sómosche todos. Quen non roubou unha mazá ou un par de cereixas na súa vida? Ou algún corazón?

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.