Gran regalo no Xancarajazz

A pasada semana, leo na prensa que hai actuación de jazz nese pequeno local de Vigo que mantén Vilar, coa súa gran afección, que nunca deixaremos de agradecer. Leo que actúan uns músicos búlgaros e algo me di que debía asistir, a pesar da noite de cans coa que ladraban as negras nubes acometendo a cidade, secundada por unha arriscada e partidaria amiga.

Fomos sobradamente recompensadas ao ter a sorte de asistir a unha velada jazzística de luxo. Merecía un teatro, un gran público sabedor da categoría artística dos concertistas, previamente anunciados e divulgados. A min, levoume a intuición e gocei, secundada por poucas persoas e un can, que respectou o necesario silencio, dun concerto marabilloso. Por iso, quero recoñecer aquí os seus nomes.

Savin Todorov, Burgas (!)1966, graduouse en música clásica no Conservatorio de Sofia e máis tarde no de Bruxelas na especialidade de Jazz Piano. Compositor, pianista de jazz, arranxista… Deleitáronos cunha versión dunha canción búlgara, unha triste negra sombra, que nos asombrou. Estaba de visita en Galicia e os amigos organizaron a actuación deste virtuoso que esvara as mans con elegancia sobre o piano.

O seu paisano e compañeiro de estudos, Nikolay Stoyanov, violinista, tivo a sorte de nacer nun ambiente  familiar musical e ter tan a man o instrumento como a culler das papas.

Comeza os estudos de violín aos 6 anos na escola do seu pobo, porque, ademais da tradición musical balcánica, teñen  en Bulgaria o privilexio da atención estatal ao seu cultivo e perfección. Comeza a súa carreira profesional na Orquestra de Cámara de Sofía. Desde 1996 integra a Real (?) Filharmonía de Galicia. Nikolay que manexa o instrumento con confianza e mestría, ten un engadido, para min fundamental en calquera modalidade artística (e humana): o sentido do humor.

Alfonso Morán, nacido na cidade das Burgas galegas, estudou baixo a dirección de Luduvig Streicher na cátedra de contrabaixo do Reina Sofía. Integrante da Filharmonía de Galicia, é arranxista do meu amigo e compañeiro César Morán. Supoño que para Alfonso Morán tamén foi unha noite privilexiada a pesar do minguado público. Non escatimaron nin mestría nin tempo na súa magnífica actuación. Dou fe e deixo constancia do seu paso por Vigo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.