0 Gardados para despois

Antolín Alcántara

TTIP, un acordo transnacional contra todos os nosos dereitos

O TTIP é un Tratado de Comercio, Inversión e Servizos, que pretende eliminar calquera tipo de limitación normativa ou lexislativa dos países afectados polo ámbito do Acordo, pensado fundamentalmente para liberar de prohibicións as prácticas e actuacións contra dereito  das Transnacionais Americanas e Europeas.

As negociación comezaron no ano 2013 entre representantes da Comisión Europea e dos EUA, que están asistidos por máis de 600 asesores privados representantes das Grandes Transnacionais. Os Parlamentos, tanto Europeo como os dos propios países afectados polo Acordo non participan das negociacións, non coñecen o alcance real das materias en discusión nin tampouco está previsto que o Acordo teña que ser referendado por estas Cámaras. En definitiva, a soberanía dos países queda en suspenso para non interferir nos intereses do Gran Capital, deixando en evidencia onde reside o verdadeiro poder político; exactamente nas elites económicas.

Os Parlamentos, tanto Europeo como os dos propios países afectados polo Acordo non participan das negociacións, non coñecen o alcance real das materias en discusión nin tampouco está previsto que o Acordo teña que ser referendado por estas Cámaras

As razóns deste Tratado están fundadas na actualidade do Capitalismo e na necesidade e urxencia do Gran Capital para manter a súa taxa de lucro. O volume de capital que precisan para rendibilizar as súas actividades ten que crecer na medida en que o capital é maior, e a competencia das novas potencias económicas representadas por China, India, Brasil ou Rusia ameaza aos seus propios escenarios naturais e territoriais de negocio.

Esta é a loita contemporánea  do capitalismo pola acumulación e a concentración da riqueza, é a  lei que somete a pobos e civilizacións. Por esta causa, os nosos dereitos no traballo, na saúde, no ensino, na seguridade alimentaria, medio ambiente; dereitos que asisten ao principal dereito á vida, quedan subordinados ao instinto de ser máis ricos daqueles que xa son inmensamente ricos. É a desposesión da humanidade para a acumulación duns poucos.

Que consecuencias terá este Tratado no caso de ser aprobado? Sen salario mínimo, sen vacacións regulamentadas, sen Seguridade Social e sen Pensións, dependendo as coberturas do pacto individual do contrato

Que consecuencias terá este Tratado no caso de ser aprobado? Nos dereitos do traballo a libre concorrencia de Empresas americanas sen dereitos sindicais, xa que EUA non asinou os Acordos da OIT sobre dereitos Internacionais no Traballo;  sen salario mínimo, sen vacacións regulamentadas, sen Seguridade Social e sen Pensións, dependendo as coberturas do pacto individual do contrato, provocará unha competencia que afectará aos nosos dereitos.

Os servizos e prestacións públicas perderán o seu carácter universal, xa que as Corporacións privadas poderán atacar as coberturas prestadas polo Estado alegando competencia pública coas súas actividades

Na seguridade alimentaria xa que os EUA permiten a comercialización sen límites de produtos transxénicos sen contraste de afección á saúde. En Europa contrariamente so esta autorizado un transxénico. O tratamento masivo das carnes de ave con cloro para branquealas e facelas máis atractivas para o seu consumo e outra das prácticas comúns nos EUA. Os nosos produtos e os nosos labregos estarán seriamente ameazados polas Grandes Transnacionais.

Os servizos e prestacións públicas perderán o seu carácter universal, xa que as Corporacións privadas poderán atacar as coberturas prestadas polo Estado alegando competencia pública coas súas actividades. A ofensiva por facerse co espazo público para negocio privado será unha constante na penetración destas Transnacionais. Todo vale, dende os servizos prestados polos Concellos ata a Sanidade e o Ensino.      

Resulta grotesco ver como os Estados que conforman a UE entregan voluntariamente a súa soberanía ao gran capital, e enfrontan como Patriotas esquizofrénicos os intentos de Soberanía de Nacións como Cataluña, Euskadi ou Galiza

Resulta grotesco ver como os Estados que conforman a UE entregan voluntariamente a súa soberanía ao gran capital, e enfrontan como Patriotas esquizofrénicos os intentos de Soberanía de Nacións como Cataluña, Euskadi ou Galiza. O noso Pobo non terá futuro se non decidimos nós mesmos o noso destino e deberemos exercer inicialmente a nosa vontade opoñéndonos a este Tratado; mobilizando ao noso Pobo chegando a todos os lugares coa nosa palabra, as fábricas, as Universidades, ao noso agro, a todos espazos sensibles da vida social. Trátase de evitar o ocaso da nosa civilización, da desposesión do propio e singular que nos identifica como Galegos e Galegas.

Acerca de Antolín Alcántara

Antolín Alcántara Álvarez. Secretario de Negociación Colectiva da CIG