O paro só baixa pola cociña da ministra

Os responsables do paro rexistrado desvelaron as súas cartas por conseguir algo aínda máis difícil! Rajoy quería que o paro baixase en febreiro e fixeron o posible por compracelo. Os datos deixan ás claras as súas artimañas. Crece o número de persoas demandantes non ocupadas que figuran como con disponibilidade limitada: hai 7.320 máis; crecen tamén os demandantes non ocupados sen disponibilidade limitada pero non incluídos no paro rexistrado, as persoas paradas Denos: hai 10.648 máis. Pero, esta é a milagre, as persoas paradas rexistradas diminúen: hai 13.538 menos. Os demandantes non afiliados aumentaron este mes en 4.430 persoas máis. Que sorte ten esta ministra que só hai máis demandantes naquelas categorías que non computan ao paro rexistrado!

Soubemos que a secretaria xeral do PP, a presidenta de Castela A Mancha, contrata a unha empresa para que decida se as persoas inscritas fan suficientes esforzos en buscar traballo e a quen consideran oportuno, cámbianos a demandantes con disponibilidade limitada. Denunciamos prácticas similares en Galicia ou en Valencia. Tamén en Galicia vimos como a demandantes que estaban nun proceso de orientación (deberían ser case todos, non?) dise que están en formación para ser parados -Denos- e non computar nas estatísticas. Vimos demasiadas cousas dos diferentes gobernos do PP. Todas elas para que Rajoy poida dicir que baixa o paro. Como ministra de Emprego, a señora Báñez non demostrou moitas cualidades. En facer amaños estatísticos, ocultacións de estatísticas, atrasos inexplicables, parece toda unha experta. Mágoa non tivese a mesma cualificación en temas de emprego como de cociñado de datos. Estariamos noutra situación.

En Galicia vimos como demandantes que estaban nun proceso de orientación dise que están en formación para ser parados

O segundo dato que se desprende deste mes, unha vez máis, é a caída da protección e do gasto, polo tanto, en prestacións por desemprego. Os 2.692 millóns de euros gastados en xaneiro de 2011 víronse reducidos a 2.383 en 2014 e a 1.962 o mes de xaneiro pasado. O gasto por persoa parada diminuíu un 12% sobre xaneiro de 2014 e un 32% sobre 2011.

En 2014 había 29.728 millóns de euros no orzamento de prestacións e tan só se gastaron 24.570 millóns, 5.158 millóns menos. Se pensamos que o orzamento de 2015 se recortou e quedou parello ao importe gastado en 2014, 25.300 millóns, volvemos estar en cifras moi por baixo do presupostado. Volverá haber unha falta de execución orzamentaria similar á do exercicio pasado. En xaneiro gastáronse 421 millóns menos que no mesmo mes do ano pasado. Esta diminución, se se repite durante os doce meses e é o que pasará se non se implementan novas prestacións, supón un gasto case cinco mil millóns de euros menos que en 2014. Albíscase un gasto que rolde o vinte mil millóns de euros.  Outro ano quedarán cinco mil millóns orzamentados sen executar e millóns de parados sen prestación.

A axuda denominada Programa de activación para o emprego, de alcanzar as 70.000 persoas que di o Gabinete da ministra, terá un custo en todo 2015 de 179 millóns, a terceira parte do que se deixou de gastar este mes. É preciso presionar para conseguir que, cando menos, todos os parados con cargas familiares perciban unha prestación.

Os menores de 30 anos teñen unha taxa de precariedade do 57,5% e unha de parcialidade de 43,6%

Se, polo lado do emprego, miramos as persoas afiliadas ao Réxime Xeral da Seguridade Social, en media dos dous meses transcorridos, a taxa de precariedade é do 36,6% e a taxa de parcialidade do 27,3%. Por grupos de idade son os menores de 30 anos os que máis sofren ambas: teñen unha taxa de precariedade do 57,5% e unha de parcialidade de 43,6%. Non se poden dar os datos desagregados por sexo debido a que non os facilita a Seguridade Social.

Hai tamén unha forte caída dos afiliados con contrato indefinido ou temporal a xornada completa: 1.127.441 persoas menos. O crecemento dos afiliados a xornada parcial, 330.863 máis, pode supor en xornada equivalente ao redor dun 130 mil afiliados, polo que a perda provocada pola política austericida e a reforma laboral, segue roldando o millón de afiliados ao réxime xeral.

Rajoy di que se crea emprego e hai un millón de empregos menos; di que baixa o paro, pero crecen os demandantes que non computan

Rajoy afirmou con toda rotundidade que non ía recortar as prestacións, o gasto ao final do seu mandato será un dez mil millóns de euros inferior ao que atopou. Di que se crea emprego e hai un millón de empregos menos. Di que baixa o paro (por primeira vez en febreiro!) e vemos como crecen os demandantes que non se contan nas estatísticas. É preciso un cambio de rumbo, saír desa realidade imaxinaria que se nos pinta, para abordar os problemas reais. Só así, sen cociña, se tomarán as medidas necesarias. A primeira, cumprir a  Constitución e protexer os desempregados; a segunda, derrogar a Reforma Laboral e, a terceira, subir o salario mínimo para que suban os salarios e se reactive o consumo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.