0 Gardados para despois

Antón Sánchez

Que lles debemos ás térmicas en Galiza?

Alternativa Galega de Esquerda volveu quedar soa no Parlamento cando tocou debater sobre as centrais térmicas de As Pontes e Meirama. A unha proposición non de lei do grupo parlamentario que solicitaba o “cumprimento estrito” dos niveis de contaminación fixados por directiva europea e a confección de vías alternativas para estas bisbarras no caso dun eventual peche, cuestións que non contaron coa aprobación dos outros grupos do arco parlamentario.

Alternativa Galega de Esquerda volveu quedar soa no Parlamento cando tocou debater sobre as centrais térmicas de As Pontes e Meirama

Podería parecer unha obviedade pedir o cumprimento da lexislación nun Parlamento, pero non carece de importancia neste caso posto que o historial de permisividade neste país con este tipo de industrias é moi amplo, e que a través das fendas do control das autoridades europeas téntase favorecer ás empresas, como case acontece co Plan Nacional Transitorio, presentado polo goberno do Estado aos efectos do previsto no art. 32 da Directiva 2010/75/UE sobre as emisións industriais, e que afortunadamente foi rexeitado por non garantir o cumplimento de dita Directiva, porque a Comisión considerou que “o método de cálculo da contribución da central ao teito do PNT respecto ao SO 2 “ non é o axeitado”. Dito PNT constata que tanto As Pontes lidera no Estado tanto no consumo de carbón, coa de emisión de gases, e que Meirama está entre os catro primeiros postos.

As Pontes lidera no Estado tanto no consumo de carbón, coa de emisión de gases, e Meirama está entre os catro primeiros postos

A reiteración do Goberno do Estado na procura de vantaxes para as empresas mostra o seu interese en rebaixarlle as esixencias ambientais a Endesa e Gas Natural, e polo tanto cobra sentido o noso interese en facer cumprir o que deberá ser evidente.

Por outra banda, Alternativa Galega de Esquerda non pedía o peche das centrais (aínda que simplemente falar de “eventual peche” enervase ás outras forzas políticas). Entre outras cousas, porque a causa das privatizacións salvaxes de sucesivos gobernos do PSOE e do PP, o seu peche é apenas unha decisión puramente empresarial.

Da nosa posición, o que debe facer o Parlamento é comprometerse en esixir o cumprimento da legalidade e que a propiedade das plantas faga os investimentos precisos para reducir as emisións de contaminantes e gases de efecto invernadoiro. A maiores, cómpre artellar políticas de desenvolvemento doutras estratexias para a produción de enerxía, que reduzan a dependencia enerxética, económica e laboral.

O que debe facer o Parlamento é comprometerse en esixir o cumprimento da legalidade e que a propiedade das plantas faga os investimentos precisos para reducir as emisións de contaminantes e gases de efecto invernadoiro

Para Alternativa Galega de Esquerda, é fundamental afondar na enerxía renovábel en base a pequenas instalacións propiedade da xente do común, ben individualmente, ben en cooperativas.

Esta vía será a única practicábel se queremos evitar que, nun futuro, Endesa e Gas Natural –as multinacionais propietarias de As Pontes e Meirama, respectivamente- empreguen aos traballadores como escudos humanos para extorsionar as administracións -é dicir, á cidadanía-, tal e como aconteceu hai uns meses no caso de Alcoa. Negocios de raíz colonial como os de Endesa e Gas Natural en Galiza funcionan mediante a privatización dos beneficios e a socialización dos custos ambientais e de saúde. Son fábricas de cambio climático e emisións contaminantes,(mentres no conxunto do Estado, e no período 2010-2012 as emisións reducíronse nun 1,8%, no caso de Galiza medraron un 16%, e débese fundamentalmente á súa actividade) algo que podería ser contabilizado e que, porén, non forman parte do pasivo das empresas, senón do noso, do de todas as galegas e galegos.

A súa razón de ser non é satisfacer o consumo interno, xa que Galiza exporta, e non hai que esquecer este dato, o 40% da enerxía eléctrica (13.107GW segundo datos de 2013) que produce, sen apenas obter beneficio. As centrais térmicas produciron 9.800 GW o que nos leva a pensar que en clave de manter unha produción eléctrica suficiente, é posible un futuro sin térmicas no noso país.

 

Por un futuro limpo

O futuro enerxético de Galiza pasa polo desenvolvemento dun modelo de produción democrático e descentralizado

O futuro enerxético de Galiza pasa polo desenvolvemento dun modelo de produción democrático e descentralizado, con moitos e pequenos produtores próximos ao lugar de consumo, e alicerzado en fontes de enerxía renovábeis. E ese modelo para unha vida mellor de todas e de todos pasa por rematar co oligopolio enerxético, que na Galiza encarnan de xeito tan acaído Endesa e Gas Natural. Tamén pasa por reducir a dependencia dos combustíbeis fósiles e pola pelexa contra o cambio climático.

Fundamentar o noso futuro en facilitarlle as cousas a estas empresas e rezar para que manteñan os postos de traballo que “graciosamente” nos conceden é axudar dende a esquerda a consolidar o sistema e renunciar á soberanía popular.

Ese modelo para unha vida mellor de todas e de todos pasa por rematar co oligopolio enerxético, que na Galiza encarnan de xeito tan acaído Endesa e Gas Natural

O exemplo de Alcoa, mencionado máis arriba, é claro e significativo: a propiedade da factoría decidir o seu peche cando lle pete; entrementres, extorsionará gobernos coa escusa de non facer medrar desemprego e pobreza.

É necesario reducir a dependencia deste tipo de actividades, desenvolvendo outro modelo, coas alternativas que precisamente o oligopolio eléctrico tenta bloquear coa axuda dos gobernos, a través das últimas reformas do mercado enerxético.

Na actual situación e coa perspectiva de progresivo esgotamento, ou encarecemento, dos combustíbeis fósiles, o verdadeiramente irresponsábel é non traballar para reducir a dependencia respecto dos oligopolios da enerxía

Para Alternativa Galega de Esquerda, na actual situación e coa perspectiva de progresivo esgotamento, ou encarecemento, dos combustíbeis fósiles e as evidencias científicas da mudanza climática, o verdadeiramente irresponsábel é non traballar para reducir a dependencia respecto dos oligopolios da enerxía.

É dicir, non traballar a prol de recuperar a soberanía popular e nacional. As centrais térmicas non son o futuro. Mentres existan, polo menos que cumpran a legalidade vixente. Pero nós debemos iniciar xa a construción dun horizonte que prescinda da enerxía que hoxe producen. Tamén para que todos e todas, incluídos os empregados das centrais, non teñamos que pagar a festa das cúpulas empresariais.

Acerca de Antón Sánchez

Antón Sánchez é Portavoz Nacional de Anova e Vicevoceiro de En Marea no Parlamento de Galiza