0 Gardados para despois

Xoán Antón Pérez-Lema

A CRTVG é un servizo público

Os representantes do pobo galego crearon por unanimidade, no 1984, a CRTVG como instrumento fundamental para a normalización lingüística, cultural e informativa deste País. No 1999, outro Parlamento, tamén unanimemente, encargoulle a función de axente mobilizador do sector audiovisual e das industrias culturais, que xeran un 2,5% do PIB galego.

A CRTVG non se atopa na creba técnica do Canal Sur andaluz ou do Canal Nou valenciano

Nestes máis de 25 anos, canda moita luz e novidades, existiron sen dúbida sombras e despropósitos na xestión da Radio e TV públicas de Galicia. Mais a CRTVG non se atopa na creba técnica do Canal Sur andaluz ou do Canal Nou valenciano. Nin resposta ao exclusivo desexo de contar cun altofalante gobernamental, como a Telemadrid que goberna a ultradereitista Esperanza Aguirre.

Constitúe unha violación inconstitucional das competencias autonómicas. Porque crear unha radio e TV publicas é unha competencia exclusiva de Galicia, recoñecida no Estatuto

Xa que logo, a reforma lexislativa que promove o Goberno do Estado, que obrigará ao equilibrio orzamentario das TV autonómicas que continúen en réxime de xestión directa, non se lle debería aplicar á nosa Radio e TV públicas. Pero, asemade, constitúe unha violación inconstitucional das competencias autonómicas. Porque crear unha radio e TV publicas é unha competencia exclusiva de Galicia, recoñecida no Estatuto.

E, nese marco, temos dereito a definirmos se pagamos a nosa Radio e TV públicas con publicidade, a medio dunha contribución publica (de certo ponderada ao que esixan as circunstancias económicas) ou mesmo a unha taxa ou canon polo seu uso, ao xeito do Reino Unido.

Velaí como o PP estatal e, en xeral, a opinión madrileña amosan que non entenden a pluralidade do Estado e as singularidades galega, catala e vasca. Métanlle man ás TV de Madrid ou Murcia e deixen que os galegos gobernemos na RTVG.

 

Se a totalidade do NG Banco vai á pública poxa o grande responsábel será Mariano Rajoy

A arincadeira: Mafo contra NG Banco

NG Banco e o seu plan de recapitalización parcial teñen  dous grandes inimigos: o gobernador Fernandez Ordoñez e o ministro De Guindos. Semella que MAFO quere regalarlle o noso Banco ao BBVA antes de marchar do cargo, en maio. E De Guindos quere activar a poxa de NG Banco o mes vindeiro. Castellano precisa de tempo  para que desapareza Mafo da escena e Rajoy controle ao seu Ministro. Terá Rajoy o valor e sentido común a facelo? Se a totalidade do NG Banco vai á pública poxa o grande responsábel será Mariano Rajoy.

Acerca de Xoán Antón Pérez-Lema