Política, populismo e demagoxia

Cando aos políticos da casta se lles amenta PODEMOS, as dúas palabras que teñen na punta da lingua e cospen disparadas son: populismo e demagoxia. E pola cara que poñen ao ceibalas non deben ser piropos, mais ben todo o contrario. A min nunca me chamaron tal cousa, pero por se as moscas, decidín pescudar sobre o asunto. Fun ao noso dicionario e atopei alí que populismo é “a práctica política que, baixo a pretensión de defender os intereses populares, trata de conseguir o apoio político do pobo; ou tamén aquela política baseada en agradar ao pobo satisfacendo as súas aspiracións e intereses e fomentando as súas paixóns para manexalo mellor”. Vaia ho! Pero iso é o que fan tódolos partidos políticos, os de antes e os de agora.

Cando aos políticos da casta se lles amenta PODEMOS, as dúas palabras que teñen na punta da lingua e cospen disparadas son: populismo e demagoxia. E pola cara que poñen ao ceibalas non deben ser piropos, mais ben todo o contrario

Que partido non trata de conseguir o apoio do pobo? E que partido nega, en público e de viva voz, que vaia defender os intereses populares? Semella de lóxica básica que se pretendemos conseguir o apoio de alguén, debemos convencer a ese alguén que con nós vai estar mellor ca cos outros. Xa que logo, en principio, tódolos partidos son populistas. Aínda mais, o PSOE  sementou o territorio español de “Casas del Pueblo”, e o PP incorporou o populismo no seu carné de identidade: Partido Popular. O Pobo é a chave, e conquistar os seus favores é o primeiro obxectivo confesable de calquera formación política en democracia.

O Pobo é a chave, e conquistar os seus favores é o primeiro obxectivo confesable de calquera formación política en democracia

Pero como tiña tempo e vagar marchei voando a ceacú, ata pousar na antiga Roma, nas calendas da última república. Andaba por alí o factio popularium, que segundo me contaron os paisanos da capital do imperio era o “partido dos do pobo”, un fato de líderes chamados populares (chavistas) que se opuñan á aristocracia tradicional conservadora (a casta) e facían asembleas populares (círculos) onde se discutía sobre unha mellor distribución da terra (fiscalidade progresiva), o alivio das débedas dos mais pobres (stop desafiuzamentos, quitas, renda social básica)  e unha mais grande participación da poboación na toma de decisións políticas (asembleas abertas, mareas abertas, primarias abertas, plataformas abertas, cidades abertas. Con tanta abertura non vai haber quen pare!). Ostras, meu! Que eu xa vin isto en algures! E cando me falaron dos líderes do factio escoitei a un tal Pablo Clodio Pulcro, a unha tal Catilina Bescansa e mesmo a un tal Julio César Monedero. Moi seguro mesturei papas con verzas, por mor da descompensación horaria da viaxe intertemporal.

Se isto é demagoxia, que partido político non utiliza na súa retórica e propaganda toda esta ringleira de trampulladas? Ou varias delas? Ou algunha, polo menos? Sexamos sinceros

E que dicir da demagoxia? Se por tal entendemos a estratexia de apelar a prexuízos, emocións, esperanzas e medos da xente para gañar o seu apoio, mediante falacias, manipulación dos conceptos, redefinicións da linguaxe, estadísticas parciais ou fóra de contexto, demonizacións, falsas dicotomías ... Se isto é demagoxia, que partido político non utiliza na súa retórica e propaganda toda esta ringleira de trampulladas? Ou varias delas? Ou algunha, polo menos? Sexamos sinceros. Eu vexo mais as que utilizan o PP, ou o PSOE, ou EU, ou AGE, ou PODEMOS, ou a Carabina de Ambrosio; pero sei que o BNG tamén bota man delas. Nesta guerra comercial por vender o produto, eu teño que falar marabillas do meu e botar pestes contra o resto. Acaso non fai o mesmo Cocacola, BMW ou Estrella Galicia? E El Pais, ABC ou Praza Pública? Acaso non contamos montes e moreas de habelencias e saberes no cortexo nupcial, que despois da misa nin a metade?  Que non debería ser así? Por suposto que non, pero é; e non vexo no horizonte sinais de que vaian cambiar as tornas.

A política espida aínda nunca a viron os nosos ollos, e supoño que non a verán; e se cadra é mellor así, porque igual tampouco nos ía gustar moito vela en coiros

En fin, política, populismo, demagoxia ... tres bos pés para un banco! O populismo e maila demagoxia visten a política, sexa esta de dereitas, centro ou esquerdas; sexa do norte ou do sur, de aquí ou de acolá. A política espida aínda nunca a viron os nosos ollos, e supoño que non a verán; e se cadra é mellor así, porque igual tampouco nos ía gustar moito vela en coiros. Entrementres volve e non volve Cristo de segundas, o populismo e maila demagoxia dánlle á política un recendo literario que en moitos casos raia o sublime. Lembrade, se non, o requintado parágrafo gongoriano das Obras Completas de Cospedal:  “A ver, eh, la indemnización que se pactó fue una indemnización en diferido. E como fue una indemnización en difi ... en diferido en forma, efectivamente, de simulación de ... simulación o de lo que fuera en diferido, en partes de una de lo que antes era una retribución, tenía que tener la retención a la Seguridad Social que si no fuera ... Ahora se habla mucho de pagos que no tienen retencións en la Seguridad Social, verdad? Pues aquí se quiso hacer como hay que hacerlo.” Deixéivolo no idioma orixinal, porque sei que moitos farfallades o castelán na intimidade das sabas; e os que non, pois igual colledes o fío polo contexto ou, en último caso, quen non ten á man unha cuñada lista ou un amigo feisbuquiano de Sanjenjo ou de La Coruña?

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.