José Luis Alvite ou o pensador dende as marxes

José Luis Alvite era un pensador dende as marxes, onde a marxe non é un espazo físico senón unha distancia. Unha distancia que se constrúe a partires dun estado filosófico cionaresco, en relación a espazos continuamente en tránsito  ou “non lugares” (Marc Augé), e dende un tempo circular no que se mesturan historias, memorias e vivencias (reais ou imaxinarias). Complementariamente, hai un Alvite construído pola crítica vista, lida e escoitada nos seus anos finais, que está referenciada fundamentalmente á última parte da súa obra, dende os seus relatos na radio e por algunha que outra entrevista realizada. Esa crítica catalogouno como un autor metafórico e identificado pola súa vinculación a círculos taciturnos e da periferia social. Á suma de pensador dende a marxe e de autor periférico habería que engadirlle a súa calidade de galego (que para moitos implica o marxinal e o periférico) que foi, coma sempre, utilizado en diferentes direccións (algunha equivocada).

Xustifiquemos a idea de pensador dende a marxe e de autor periférico. Hai un relato que entronca moi ben co universo que construía Alvite en relación a eses dous elementos. É a novela de Eduardo Blanco Amor, A Esmorga. Unha obra importante dentro do que se cimentou como canon da literatura galega. A novela é a historia de tres personaxes que poderiamos considerar outsiders e as súas aventuras e desventuras durante tres días (curiosamente triunfa agora no cine). O ambiente claustrofóbico e extremo da novela ten un fin “aberto” e apocalíptico nun vertedoiro. Un espazo que poderiamos cualificar como “escatolóxico”, e que é tanto real como imaxinario, posto que gran parte da novela é unha reflexión da sociedade dende os bordes. Ademais de en Blanco Amor, tamén moito de Alvite podémolo buscar en Ciorán, nese reduto de pensamento optimista dentro dos relatos máis pesimistas que podemos elaborar. Todo nesa pescuda de ventos para navegar en sentido contrario e nesa máxima cioranesca de que “a vida non ten sentido, por iso hai que vivila”. Por suposto, que toda a visión antropolóxica heideggeriana de “ser cara a morte” está en Alvite nun sentido existencial e non dende un punto de vista político, como mostraron algúns filósofos do século XX.

Blanco Amor, Ciorán e Heidegger son as primeiras illas ás que nos aproximamos para explicar ó José Luis Alvite pensador, pero repasemos superficial e subxectivamente a súa obra. Alvite comezou a escribir no diario El Correo Galego onde se dedicou entre outras cosas ó xornalismo de sucesos. Alí profundou na súa escritura realista e viaxou ós lameiros anímicos da cidade, comezando a distinguir o relato oficial dos acontecementos reais. A súa etapa no xornal compostelán continúaa noutro diario histórico galego, La Voz de Galicia. Alí conviviu nunha redacción encabezada localmente primeiro por Álvarez Pousa e despois polo excepcional Xosé López “Morgan”. Alvite formaba parte dun grupo de xornalistas con moito talento e oficio (Ignacio Carballo, Lois Blanco, Manuel Beceiro, Luis Villamor, Concha Pino, Fernando Varela ou Quique Alvarellos) entre os cales estaba Nacho Mirás Fole (quen agora triunfa con El peor momento de mi vida), a quen nomeou o seu sucesor antes de falecer.

Nesa casa escribiu sobre personaxes e lugares da cidade de Santiago, ensinándolle ós seus lectores como afastarse da comodidade burguesa dunha cidade de provincias, de como pensar e comprender Compostela dende outra mirada e de como previrse contra a coerción estrutural de todos aqueles que queren exercer de notables nun espazo tan “blancoamorista”. A entrevista e a columna foron os seus medios naturais. Por elas desfilaban todo tipo de personaxes que convertía en reflexións e pensamentos nos seus diálogos. Máis que entrevistas xornalísticas eran diálogos filosóficos e existencialistas cos seus entrevistados. As súas columnas eran puro pensamento sartreano. Esta etapa no diario coruñés truncouse en 1995, cando o propio Alvite recoñecía que unha “man negra” levárao ó ostracismo. Ante esas tebras, Alvite diríxese a presentar a súa dimisión ó por entón director do diario da Voz de Galicia, José Luis Gómez, quen sería decisivo para o seu lanzamento a nivel nacional. José Luis Gómez, que era ademais antigo compañeiro de Alvite no Correo Galego e sobre todo amigo, quédase estupefacto ante la situación e lle di que espere.

Grazas a Gómez, unhas semanas despois empezou a publicar o seu artigo na contraportada de Diario 16, que era un barco á deriva que daba as súas últimas rabexadas baixo capital galego, pero que serviron a Alvite para ser coñecido máis alá de Ponferrada. Do diario fundado polo histórico Juan Tomás de Salas desembarcou  naquel vibrante, heterodoxo, literario e transgresor La Razón de Luis María Ansón, onde se mantivo ata a súa morte. Iso foino compaxinando con colaboracións exquisitas no Faro de Vigo e outros diarios do Grupo Prensa Ibérica editados en Galicia. Isto acompañouno coa presenza no programa radiofónico de Carlos Herrera en Onda Cero. Nese momento a súa obra tomou outra dimensión, sobre todo no “espazo de recepción”, posto que o público se multiplicou e moitos lectores puideron apreciar as súas construcións literarias. Nese momento, Alvite xa non é só o escritor. O seu “espazo de enunciación” como autor tamén se ve influído pola recepción do seus lectores e pola construción autoral dos seus novos críticos madrileños. 

A súa obra continuou sendo moi reflexiva e coas características vinculadas a Blanco Amor, a Ciorán ou a Heidegger, pero agora necesitaba unha coartada para amplificar os seus relatos e dotalos dunha dimensión máis universal. Esa foi unha das razóns polas que creou o Savoy. Alvite atopou o carreiro perfecto para escapar das intrigantes de “palleiro” e dos navalleiros de gravata. Madrid déralle o éxito. Un triunfo que o vinculou ó Savoy, a partires do cal identificouse un autor das tebras nocturnas e dun ambiente presuntamente newyorkino que non é máis que Compostela. E alí aniñan uns personaxes imaxinarios que poderían ser identificables. Alvite, en realidade, só ampliaba a dimensión do relato. Esas columnas do Savoy acompañábaas con outras de reflexión moito máis brillantes e con algunhas máis frouxas vinculadas ó mundo da política.

A política era un tema que non lle quedaba ben a Alvite. Era un pensador do existencial, da sensibilidade, das relacións persoais, do sentido do mundo; pero non era un exéxeta da ideoloxía. Era un tema demasiado mundano e que discorría por estradas demasiado transitadas para Alvite. A ruta, a saída, a estrada, era o sofá de Alvite, onde el se atopaba en casa. Dende alí, mostraba o seu desafecto ó rutineiro e ó repetitivo. Buscaba aliviar a súa existencia na viaxe, o cal comezara anos atrás e do que non puido volver. Cando alguén inicia unha fuga, aínda que queira non pode volver atrás. As súas saídas reais ou imaxinarias; só ou con compañía, son claves para entender o seu pensamento. A viaxe ou a saída podían ter carácter real ou marabilloso, aínda que ambos se entretecían.

No universo de Alvite o real e o marabilloso forman parte da súa construción da realidade. Unha noite na que non pasaba nada era deconstruída por Alvite como un momento marabilloso. Porque o marabilloso utilizábao Alvite para evadirse da realidade, que lle molestaba e lle incomodaba, e para completar o seu mundo, ó que lle sobraba o real, a estandarización, a funcionarización e a burocratización da vida. Nesa dupla real/marabilloso, Alvite desordenaba o tempo. Facía plans para o pasado, soñaba o presente e facía detritos co futuro. Esas pasaxes marabillosas vinculadas á súa escatoloxía, ós seus apareamentos ou ás súas referencias ós actos xeradores con mulleres de diversa condición, estaban construídos dende a náusea sartreana, e estaban metodoloxicamente realizados dende o inconsciente narrativo lacaniano. Alvite escribía como un surrealista, dando renda solta ó seu inconsciente; deixando que se empoderase de si mesmo. Nese exercicio, Alvite lograba a súa autoconciencia, recoñecíase a si mesmo. O sol que brillaba nesas pasaxes iluminábao e lograba a calma. E acendía así a súa postura contracorrente, permitíndolle relacionarse con quen el quería sen a cara B do día seguinte.

As pasaxes reais/marabillosas e o seu pensamento heideggariano, cioranesco e blancoamorista lévanlle a construír un pensamento propio teleolóxico, onde todo parece predisposto cara un fin. Un final que podería ser o da propia vida, o da noite, o do encontro cun personaxe ou o das súas reflexións. Esta actitude lévalle a vivir sempre á marxe pero sen confundir a realidade co espazo físico. Sabendo que hai esperanza pero que só se atopa nun espazo imaxinario en continua construción e sen identidade. O seu pensamento transitaba das palabras ás ideas e das ideas ós imaxinarios, pero nunca aterraba en espazos concretos, e se había algún ese era a Compostela que convertera en Savoy. A orde imaxinaria de Alvite sostense por si mesma, determina o seu pensamento e dota con variedade de significados a un mesmo suceso. De tal forma, a realidade de Alvite é unha consecuencia do seu imaxinario e non ó revés. No pensamento de Alvite únense destino, autobiografía, relato e concepción autoral. Constrúe unha noción do pensamento a partires dos límites da escritura, que é cinematográfica no sentido de que sempre busca situarse, aínda que sexa de forma imaxinaria.

A outra cuestión en Alvite é a metáfora, que significa literalmente “transferencia”. Alvite describía os seus pensamentos en termos de semellanzas, aínda que tamén utilizaba metonimias, tomando a parte polo todo; e sobre todo de ironías, mediante as que caracterizaba entidades negando no nivel figurativo o que se afirmaba no literal. Estas ferramentas literarias estudounas Hayden White como tramas do discurso. A metáfora é representativa (resultado do real e o imaxinario), a metonimia responde a unha matriz reducionista e a ironía a un sentido negativo. Algúns identificaron a metáfora e o Savoy como principais descritores do alvitismo. Pero o Savoy non é un lugar imaxinario senón un espazo froito da inventio e a negociación entre Alvite, os seus lectores e os seus críticos. E non ten nada de relevante no seu pensamento. En canto á metáfora, non é un recurso literario estético, senón unha ferramenta profundamente teórica que lle sirve para artellar o seu pensamento, que seguindo os preceptos de White, catalogaríano como un autor cun grado de implicación ideolóxica radical.

Alvite era un pensador dende as marxes, e dende alí intentaba construír pensamento na distancia do oficial e do común. Pero esa distancia non era un lugar senón un espazo imaxinario carente de identidade e de provincianismo. E iso non o souberon apreciar en Galicia, posto que como moitos outros tivo que marchar para triunfar. Na distancia podía operar coa marxinalidade, coas metáforas e co marabilloso e real ó seu antollo. Era o seu laboratorio e a fonte do seu pensamento. Deixamos un último episodio para as mulleres, que ocuparon parte importante nas reflexións de Alvite. Das súas ensinanzas pódese extraer a distancia dos sanedríns, dos notables da vila, do provincianismo. E de convivir co fracaso e coa lucidez de non ter nada, nin, por suposto, futuro.

Por tanto, pensador dende as marxes que reflexa a periferia con tres influencias fundamentais (Blanco Amor, Ciorán e Heidegger) e con dous elementos escriturais definidos: o real e o marabilloso e as metáforas. Todo iso conforma o que denominamos pensamento dende as marxes, que é unha distancia máis ca un espazo e que define a escritura de Alvite durante anos nos seus diferentes formatos e sempre dende a prensa.

Para finalizar, Alvite adoitaba escribir que outros dedicábanse a escribir novelas e el a vivilas. Tamén falaba de que había que aprender a madurar en diferido ou a facer plans para o pasado. Hoxe sabemos que os seus amigos seguían a gardarlle a súa cadeira de montar para cando decida volver. Seguramente estarán todos esperando atentos mentres se “demacra” na súa cara o arrecife da vellez. Nese momento sentirán nas súas miradas como aplauden as súas tripas.

José Luis, como sempre, esta noite chove en Compostela e os faroliños da Calderería pérdense na néboa co olor das castañas. Estou só, coma sempre; e no “Monte da merda”, como acostumo. Agora só miro o miriñaque do ensanche na varicela da noite acendida. E como escribiches ti unha vez, teño esa sensación das rúas molladas e da néboa que me fai soñar que non amencerá nunca. Nese tempo eterno, José Luis, maldita sexa, xúroche que xamais se me perderá nada ó sur da Carreira do Conde….

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.