España lava máis branco

Cando teñan un momento e poidan abstraerse do seguimento exhaustivo de temas tan capitais como o estado das relacións entre Esperanza Aguirre e Cristina Cifuentes, ou se Pedro Sánchez e Susana Díaz dan os mitins a dúo ou lles van máis os solos, ou se no Parlamento Europeo vótase a favor ou en contra dos dereitos humanos en Venezuela, aconséllolles que boten un ollo ás informacións sobre o Banco Madrid.

Poucos casos resumen tan ben que pasou en España durante estes últimos anos de esplendor e gloria do capitalismo granuja

Poucos casos resumen tan ben que pasou en España durante estes últimos anos de esplendor e gloria do capitalismo granuja. Sabiamos que España semellaba un paraíso fiscal polos poucos impostos que pagan os grandes patrimonios e corporacións. Agora sabemos que tamén se parece a un paraíso fiscal pola súa utilidade e facilidade para limpar e deixar coma os chorros do ouro o diñeiro máis negro.

O BPA, un banco de Andorra, o paraíso fiscal máis selecto e exclusivo de Europa, compra o Banco Madrid en 2011 sen que ninguén poña unha obxección, mesmo co informe favorable do SEPBLAC, o Servizo de Prevención de Branqueo de Capitais. O negocio parecía redondo. Andorra comezaba entón a levantar o muro do seu segredo bancario e a compra facilitou unha ficha bancaria legal para que branqueadores e defraudadores puidesen regularizar o seu diñeiro comodamente e pagando os menos impostos posibles.

A amnistía fiscal de Montoro pechou este círculo virtuoso do branqueo. Supuxo que aumentaran en máis dun 40% tanto as sociedades de investimento como os capitais xestionados polo Banco Madrid

O plan era tan bo, limpo e seguro que funcionou que dá xenio. Políticos coma Pujol, empresarios de toda a vida coma os vascos Aristrain de la Cruz ou Vivancos, futbolistas como Roberto Carlos ou delincuentes VIP como Gao Ping entraron pronto na nómina de clientes prioritarios que agora investiga a fume de carozo a Xustiza española. A amnistía fiscal de Montoro pechou este círculo virtuoso do branqueo. Supuxo que aumentaran en máis dun 40% tanto as sociedades de investimento como os capitais xestionados polo Banco Madrid.

Só un imprevisto podía truncar o "branquearon felices e comeron perdices" do final do conto. Ese imprevisto chamábase Tesouro Federal norteamericano e unha investigación criminal con probas de que o banco andorrano branqueara cartos ás máis variadas e internacionais redes do crime.

No prazo dunha semana, o Goberno e o Banco de España atoparon probas abafadoras de delitos que non foran capaces de desenterrar tras un ano de investigacións que, agora, ninguén sabe explicar por que levaban paradas desde xullo de 2014

Tras a denuncia norteamericana a Andorra non quedou máis remedio que intervir. Igual que ás autoridades españolas. No prazo dunha semana, o Goberno e o Banco de España atoparon probas abafadoras de delitos que non foran capaces de desenterrar tras un ano de investigacións que, agora, ninguén sabe explicar nin como se fixeron, nin por que levaban paradas desde xullo de 2014.

Só un dato máis, saben quen era o director do Banco Madrid? José Pérez, ex director xeral de Inspección do Banco de España. Por se quedaba algunha dúbida de que en España hai diñeiro a fartar. Só hai que saber onde buscalo e querer atopalo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.