Anxeles Cuña Bóveda, premiada

O 9 de marzo de 2015, a Concellería de Igualdade do Concello de Ourense fixo a entrega do premio Clara Campoamor a Ánxeles Cuña, un nome ben coñecido no ambiente do teatro galego desde hai moitos anos, en tempos espiñosos, cando as representacións de certas obras  dramáticas non eran doadas, e contemplar a actrices e actores percorrendo os escenarios falando en galego, era pouco común. Que, ademais, as mulleres fosen relevantes nas obras, protagonistas nas palabras que pronunciaban, nas accións  interpretadas, nas firmes lecturas que ofrecía a dramaturxia da directora, era, e sigue sendo un fausto escénico.

O 9 de marzo de 2015, a Concellería de Igualdade do Concello de Ourense fixo a entrega do premio Clara Campoamor a Ánxeles Cuña

Máis aínda se coñecemos á promotora e directora de Sarabela. Porque ninguén diría que esa miúda figura de doce sorriso e ollos chinos que é Ánxeles Cuña, esa muller prudente, educada, que pasa ao noso lado como unha caricia, sexa quen de teimar nuns espectáculos teatrais tan poucos dados e usuais, e manter durante anos Sarabela como unha bandeira da diferenza.

Ánxeles Cuña é filla de Xela Bóveda e neta de Amalia Álvarez, unha xenealoxía de mulleres que conta xa cun destacado friso de figuras exemplares, con enorme intelixencia e valentía

Éche ben certo que tivo uns colos que a soergueron, que lle deron coherencia política, tradición cultural e, porque non?, orgullo. Porque (como lembra Carme Blanco nun texto que lle dedica), Ánxeles Cuña é filla de Xela Bóveda e neta de Amalia Álvarez, unha xenealoxía de mulleres que só ten valor para unha historia aínda recente, con escasas seguidoras e escasísimos seguidores, pero que conta xa cun destacado friso de figuras exemplares, con enorme intelixencia e valentía. Aí están, un bo feixe de donas, e a súa existencia abre a pedra que pecha a caverna primitiva, a do fogar, ou a de Platón, que todas nos condenan á natureza, á reclusión, ou a pasividade. Esa pedra que move Ánxeles cando dirixe ás actrices e reivindica a visibilidade feminina no teatro.

A premiada, nun acto de modestia e solidariedade, deulle a palabra a 30 amigas, non todas presentes, nas que Ánxeles Cuña Bóveda quixo centrar o acto

No emotivo acto en Ourense, despois das palabras de agasallo, necesarias e xustas da Concelleira de Igualdade, e un vídeo – entrevista da galardoada, foi o Alcalde o que lle fixo a entrega do premio. A premiada, nun acto de modestia e solidariedade, deulle a palabra a 30 amigas, non todas presentes, nas que Ánxeles Cuña Bóveda quixo centrar o acto, esas irmás bravas, de diferentes sensibilidades, ollares e sentires, que teñen todas en común a defensa pola dignidade das mulleres, dixo.  A maioría actrices e dramaturgas, pero tamén poetas, xornalistas ou músicas a quen lles deu a voz esta fina muller que oculta a súa grandeza nunha grácil figura, e transforma a xenerosidade nun perfume.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.