0 Gardados para despois

Manuel Monge

Marca España: refuxio de criminais e honores a golpistas

O goberno do PP está moi preocupado na promoción da imaxe internacional de España e desde 2012 difunden o que chaman Marca España: empresas líderes, avances económicos, infraestruturas, deportistas, artistas etc. Despois da presentación este pasado luns da Marca España no Gaiás en Composetla, coa presenza do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o ministro de Asuntos Exteriores, José Manuel García- Margallo, quero contribuír á difusión doutra Marca España con algúns datos, que non son moi difundidos polos medios de comunicación porque non encaixan no discurso da Transición modélica da ditadura á democracia, é dicir, o discurso oficial consensuado, fundamentalmente,  polo PSOE e PP.

Quero contribuír á difusión doutra Marca España con algúns datos, que non son moi difundidos polos medios de comunicación porque non encaixan no discurso da Transición modélica da ditadura á democracia

España é hoxe un refuxio de criminais e non estou a falar das mafias rusas ou sicilianas, que desde hai anos toman tranquilamente o sol nas nosas costas. Trátase de persoas perfectamente identificadas, con nomes e apelidos, que xogaron un destacado papel na represión do pobo durante a ditadura franquista. O Goberno de España ten hoxe unha primeira relación de ministros de Franco, de policías torturadores etc, que son reclamados pola xustiza arxentina por crimes contra a humanidade, que non prescriben, cometidos entre 1936 e 1977. A xuíza arxentina María Servini solicitou a súa extradición, en virtude da xustiza universal (a mesma que permitiu á Audiencia Nacional dar autorización ao xuíz Garzón para a extradición de Pinochet desde Londres a Chile), pero o goberno de España négase porque interpreta a Lei de Amnistía de 1977 como unha lei de punto final e porque, argumentan, están prescritos.

España despreza e non atende as resolucións de sucesivas delegacións da ONU sobre dereitos humanos

España despreza e non atende as resolucións de sucesivas delegacións da ONU sobre dereitos humanos, que visitaron España nos últimos anos e que recomendaron ao Goberno de España a derrogación da Lei de Amnistía e a súa colaboración coa xustiza Arxentina, en aplicación da xustiza universal, para que poidan xulgarse os crimes do franquismo no marco da chamada Querela Arxentina. Tamén recomendaron a identificación das persoas desaparecidas pola represión franquista.

Os Xefes de Estado de España –tanto agora Felipe VI, como antes o rei Juan Carlos– néganse a condenar a ditadura franquista, un réxime criminal, equiparado pola ONU en 1946 coa Alemaña nazi de Hitler e o fascismo da Italia de Mussolini.

O Xefe de Estado, o rei Felipe VI, recibe dous días despois da súa coroación ás asociacións de vítimas do terrorismo, que representan a 800 familias, pero aínda non recibiu ás vítimas do peor dos terrorismos, o terrorismo de Estado, que padecemos durante corenta anos de ditadura franquista. Centos de asociacións que reivindican verdade, xustiza e reparación por parte do Estado, e a memoria de centos de miles de vítimas dunha ditadura criminal, non merecen a máis mínima consideración.

O Xefe de Estado, o rei Felipe VI, aínda non recibiu ás vítimas do peor dos terrorismos, o terrorismo de Estado, que padecemos durante corenta anos de ditadura franquista

España concede honores e distincións a golpistas, servidores da ditadura e ministros de Franco, a través de títulos nobiliarios, monumentos, placas e rúas. Seis días despois da morte do ditador a súa familia é recompensada e o rei Juan Carlos concede á filla o título de Ducado de Franco e o Señorío de Meirás á esposa (hoxe é ostentado polo neto Francisco Franco Martínez Bordiu). O dirixente golpista xeneral Mola, que daba instrucións moi precisas: “Hay que sembrar el terror (...) hay que dejar la sensación de dominio, eliminando sin escrúpulos ni vacilación a todos los que no piensen como nosotros”, recibe o Ducado de Mola. Marquesado de Queipo de Llano para o xeneral que arengaba os lexionarios para que violasen ás mulleres. Marqués de San Leonardo de Yagüe, concedido ao xeneral Juan Yagüe, coñecido como o Carnicero de Badajoz polo asasinato de 4.000 persoas, que estaban prisioneiras na praza de touros desa cidade. Marquesado de Arias-Navarro, concedido polo rei Juan Carlos a Carlos Arias Navarro ao día seguinte de presentar a súa dimisión como Presidente do Goberno. Este servidor do franquismo era coñecido popularmente como Carnicero de Málaga polo seu papel como fiscal na represión da poboación de Málaga, cando en febreiro de 1937 cae en poder dos fascistas. Na fosa do cemiterio desta cidade hai 4.471 persoas asasinadas (349 son nenas e nenos) e xa foron exhumadas 2.840.

España mantén sen identificar en máis de 2.400 fosas comúns, e despois de case corenta anos da celebración das primeiras eleccións democráticas, a 150.000 persoas asasinadas durante a ditadura, e miles de nenas e nenos roubados polo franquismo.

O goberno de España nin sequera cumpre a chamada Lei da Memoria Histórica e miles de concellos manteñen os honores e distincións a golpistas e fascistas

O goberno de España nin sequera cumpre a chamada Lei da Memoria Histórica e miles de concellos manteñen os honores e distincións a golpistas e fascistas. Así, A Coruña, sete anos despois da aprobación da citada Lei e cinco anos despois da aprobación polo pleno municipal dun acordo para retirar 52 símbolos franquistas, o goberno municipal do PP non cumpre ese acordo, mantén a simboloxía franquista e a entrada principal do palacio municipal de María Pita está presidida por un escudo franquista, que é ilegal desde 1981. Despois do asasinato de máis de 600 persoas (entre elas as primeiras autoridades civís e militares e dirixentes políticos sindicais e sociais da comarca) A Coruña é a capital da simboloxía franquista e continúan as rúas xeneral Mola, xeneral Sanjurjo, xeneral Gómez Zamalloa, División Azul, Los Caídos, Juan Canalejo (fundador da Falanxe coruñesa) etc.

Estamos ante un escándalo internacional e unha auténtica vergoña para un Estado que se presenta como democrático, pero que esquece ás vítimas da represión e négase a xulgar os crimes do franquismo

Estamos ante un escándalo internacional e unha auténtica vergoña para un Estado que se presenta como democrático, pero que esquece ás vítimas da represión e négase a xulgar os crimes do franquismo. Como dicía Juan Gelman, poeta arxentino e Premio Cervantes 2007: “Después de los dictadores vienen los organizadores del olvido”.

Acerca de Manuel Monge

Manuel Monge González é mestre e sociólogo. Foi concelleiro do BNG na Coruña de 2003 a 2007. Promotor e presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña de 2007 a 2011.