Benvidos a Caracas

As pasadas semanas o programa Un Tiempo Nuevo de Telecinco entrevistaba a esposa dun opositor venezolano na cadea, pero non se mencionou en ningún caso a conspiración deste señor e outros para levar a cabo un golpe de estado, que a ben seguro sería ben acollido por gran parte do público español convencido de que en Venezuela hai unha ditadura.

No mesmo horario, a propaganda funcionaba no mesmo senso no programa LaSextaNoche, no que levaban a dous pseudoxornalistas (de en Tierra Hostil) e falaban das colas das persoas nos supermercados para conseguir alimentos de primeira necesidade. Debe ser que a Antena3 e LaSexta xa non lles parecen interesantes as colas que fai a xente (non para mercar) senón para comer nos comedores sociais en España.

Levo xa un tempo pensando en escribir este artigo, sobre a cuestión de Venezuela. Unha cuestión que podería ser a do Chile de Allende ou a Nicaragüa de Daniel Ortega. O máis rechamante é que levamos semanas e semanas vendo como os medios de comunicación españois lanzan unha obscena propaganda co fin de xustificar calquera tipo de atentando contra un goberno lexítimo, escollido nas urnas.

No ano 1985 cando Daniel Ortega sube ao poder, o presidente Reagan decreta o embargo do comercio estadounidense con Nicaragüa e a suspensión do tráfico marítimo aéreo todo isto complementado con axudas moi cuantiosas a contra nicaragüense entre 1985 e 1986. Falábase de violación dos DDHH e tamén da falta de democracia ou a nula lexitimidade dun goberno elixido por maioría absoluta nas urnas. Parece que a lexitimidade vai en función segundo o goberno sexa da corda dos EEUU ou non. Comezou por tanto a escaseza de produtos no mercado e a situación de violencia foi insostible (cunha contra moi ben adestrada pola CIA). O resultado foi que nas seguintes eleccións a vitoria fora para a conservadora Violenta Chamorro que por suposto levou a cabo unha política neoliberal salvaxe aumentando as diferenzas sociais no país. Daquela a Reagan os dereitos humanos, as desaparicións de persoas ou os asasinatos políticos non lle parecían cousa do seu interese.

Algo similar foi o acontecido no Chile de Salvador Allende cando en 1970 é elixido presidente da república querendo levar a cabo un ambicioso programa de reformas sociais que toparon coa feroz oposición dos sectores máis reaccionarios da sociedade chilena e do departamento de Estado norteamericano. O resultado é de todos coñecido, o golpe de Estado do xeneral Augusto Pinochet que foi recoñecido polos EEUU nos primeiros intres. Neste caso tampouco os DDHH, as desaparicións de mozos ideoloxicamente comprometidos, a morte de miles de persoas tampouco importaba moito.

A estratexia sen dúbida parece similar no caso de Venezuela. Esta semana o Nobel da paz Barack Obama, advertía da violación dos DDHH en Venezuela  declarando a ese país un perigo para a seguridade dos EEUU. Todos iso a raíz da detención dos anteditos opositores que estaban a conspirar para un golpe de estado, a ben seguro apoiado polas multinacionais do gas e petróleo e pola CIA. Lembramos xa que no 2002 tivo lugar aquela vergoñenta tentativa de golpe de estado (que triunfou nos primeiros intres), mentres os medios de comunicación españois expoñían xustificación e parabéns para o goberno ilexítimo mentres o noso querido Aznar aparecía nunha fotografía congratulándose de derribar un goberno democrático que tentaba mellorar as condicións de vida dos máis humildes.

Xornalistas de toda pelaxe dende a dereita a esquerda celebraban o golpe de estado, algo moi parecido ao acontecido en Ucraína. Pero Chávez era forte e con moito apoio. Son esas mesmas persoas as partícipes nos golpes de estado , as que agora andan polas TV de España facendo unha tourné para dar leccións de democracia. As mesmas que prenden lume nas rúas, que asasinan chavistas, ou que apoian as manobras de EEUU para intervir no seu país. Todo por conservar un status quo .

A Obama non lle interesan tanto a violación dos DDHH en Arabia Saudí, China ou Guantánamo. Se temos algo claro é que o maior perigo para a seguridade do mundo é Barack Obama.

Lembremos sen rubor como EEUU e os medios de comunicación occidentais vai pouco tamén  falaban das violacións dos DDHH do malvado Al Assad e dos pobres rebeldes demócratas (armados polos EEUU) sendo masacrados polo ditador. Os medios de comunicación amosaban imaxes de nenos mutilados, e falaban do emprego por parte do goberno sirio de fósforo branco contra manifestantes pacíficos. É agora tampo despois cando sen explicación de por medio, sabemos que eses “rebeldes demócratas” eran o estado islámico que EUUU coa complicidade internacional armou ata os dentes.  É agora cando EEUU di que é preciso negociar con Al Assad para desactivar ao estado islámico, despois claro está de levar a cabo o armamento dos rebeldes moderados. Sen explicación Al Assad pasa de ser un ditador a un aliado conveniente.

Moi conveniente tamén resultou o cambio de Gadafi de ditador amigo a violador dos DDHH. Neste caso tamén Gadafi de súpeto, comezou a asasinar a miles de manifestantes e rebeldes demócratas. Durante semanas os medios amosaban imaxes moi cruentas para convencernos da necesidade de facer algo. Interveu a OTAN (co beneplácitos da ONU saltándose a resolución 1973) e de novo os rebeldes demócratas armados polos servizos secretos dos EEUU e do reino británico, resultaron ser yihadistas. Agora en Libia como no resto de países nos que tiveron lugar as primaveras árabes o yihadismo campa as súas anchas, asasinado, violando e roubando todo o que atopan o seu paso. Naquela ocasión os aliados enganan a Rusia e a China para aprobar unha zona de exclusión aérea (para evitar baixas civís) que logo foi empregada pola OTAN para bombardear posicións do exército de Gadafi. A OTAN e a ONU interveñen nun conflito civil violando a lei internacional.

Pero EEUU non é o único responsable. É imprescindible falar do patético papel da UE cando no mellor dos casos é mero observador e no peor actúa coma cadelo de EEUU. O caso claro é que dende que Obama advertiu da “perigosa Venezuela” Bruxelas xa comezou a falar de sancións, tal e como ocorreu no caso da Rusia. Lembro que fai uns anos falaban de que a UE podería ser un contra poder fronte aos EEUU. A realidade amosa que UE é unha escrava dos desexos dos norteamericanos. Lamentablemente non só no caso da política exterior, senón noutros eidos tan perigosos como ao TRATADO DE LIBRE COMERCIO.

Por último e xa para rematar é interesante ver o interese da dereita mediática e do PP pola condena de Podemos ao réxime chavista (lembremos que é un democracia) mentres que o partido que está no goberno aínda non condenou o réxime franquista facendo incluso mofa dos familiares das vítimas, ou comparando a república coa ditadura franquista.

“Sigan vostedes sabendo, que moito máis cedo que tarde, de novo se abrirán  as grandes alamedas por onde pasa o home libre, para construír unha sociedade mellor” (Salvador Allende)

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.