Barcelona: Os rostros da represión

Vivo en Barcelona dende hai uns anos. A cidade conta con insignes lugares que nos lembran a Historia da represión nos últimos séculos. A urbe expira momentos dun pasado de guerra política: os balazos da praza Sant Felip Neri; o Parc da Ciutadela, que toma o seu nome da fortaleza erixida por Felipe IV tra-la guerra de sucesión que rematou coa derrota catalano-aragonesa e a súa perda de autonomía política coa implantación dos Decretos de Nova Planta; ou a efixie do primeiro conquistador de todos, Cristóbal Colón, que observa dende o alto da Rambla a enorme nómina de estatuas, parques e edificios adicados a empresarios, militares e nobres que fixeron fortuna co comercio de escravos: Virrei Amat, Antonio López y López, Valeriano Weyler, o xeneral Prim...

E por riba de todo, os cárceres. A cidade condal conta con tres: o CIE, alonxado e escondido no distrito industrial de Zona Franca; Wad-Ras, a cárcere de mulleres, sita tamén noutro distrito industrial cheo de desigualdades sociais (o Poblenou), e a Modelo, a máis antiga e impoñente de todas, no corazón do popular barrio de Sants.

Na Modelo foi onde precisamente ingresou, xa fai 40 anos, o preso máis antigo do estado español sen contar con delito de sangue algún, José Antúnez Becerra, que continua a sufrir unha cadea perpetua encuberta. Agora trasladado ao hospital penitenciario de Terrasa tras unha folga sede de 5 días que deixou o seu corpo destrozado, Becerra finiquitou tamén onte a folga de fame na que levaba dende o 23 de Xaneiro, coa confianza de que a sua situación sexa revisada outra vez polos xuíces (a día de hoxe non se lle permite nin o terceiro grao nin permisos de saída algúns). Este pobre home, que ingresara en prisión xunto con moitos personaxes da Barcelona kinki do posfranquismo, buscavidas coma o mítico Vaquilla que, nalgún momento dos seus trapicheos, toparon coa xustiza penal, e xa nunca volveu a ter a posibilidade dunha vida en libertade. Xa se sabe o que se di das cárceres, “os ricos nunca entran, mais os pobre nunca saen”.

Pero por qué motivos Becerra está ainda entre rexas? Protagonizou fuxidas frustradas, foi membro fundador da Coordinadora Presos en Lucha (COPEL) que defendían os dereitos dos reos, e saíu o único culpable dos xuízos do motín de Cuatre Camins, no que todos os restantes implicados foron absoltos e varios funcionarios de prisións sufriron condenas moitísimo máis moderadas por acusacións de tortura. O pasado sábado concentrábanse uns centos de persoas, novas e vellas, pra reclama-lo fin da súa condena. Maior era, se cabe, a concentración policial, que sorprendeu aos veciños. Tiven a ocasión de escoitar a algúns murmurar que aquilo debía de ser por algo gordo, “alguén debeu escapar do cárcere ou algo así”. En absoluto. Non era senón a consecuencia lóxica da represión. Becerra é preso, en parte, pola sua actitude de resistencia.
Os mecanismos penitenciarios premian aos dóciles e castrados e non perdoan a insubmisión.

A ameaza de prisión pesa tamén aos resistentes de Can Vies, no mesmo barrio de Sants. Máis de 3 anos de prisión pra 4 persoas, cando aínda faltan unhas 60 en ser xulgadas. A xente reclamou nas rúas que o centro social ficara ao barrio, e a solidariedade na reconstrución conseguiu reunir nunhas semanas case 90 mil euros pra sufraga-los gastos a reconstrución e das xa esperables condenas.

O estado permite certas desobediencias, pero non dubida en emprega-la arma última que posúe, a cárcere, a modo de ameaza ou realidade, pra asegurarse a vitoria final, ou polo menos, o escarmento máis grande. Tamén durante a semana pasada escoitáronse as voces de centos de persoas nas rúas de Sants esixindo o cese destas penas desproporcionadas.

Non se librarán tampouco da prisión, ou iso semella, os encausados polos feitos do Parlament, durante as protestas da primavera de 2011, que se ben foran absoltos fai medio ano, o Tribunal Supremo ratificou novamente a sentencia de tres a 8 persoas. Entre as acusacións que se lle botan enriba, están feitos tan gordos coma  “participar nunha manifestación en contra das políticas de recortes” ou “ensuciar a chaqueta dun parlamentario con spray”. Liberdade de expresión e opinión política?

Luns 30 de Marzo. España volta a amencer con redadas policiais. A Operación Pandora, que xa levara a unha ducia de persoas á prisión preventiva o pasado decembro, aínda non rematara. Temos unha irmá, a Operación Piñata. Novas persoas son detidas, contabilízanse tres en Barcelona e outras 34 entre Madrid, Palencia e Granada, onde numerosos centros sociais son rexistrados pola policía.

Pero os cargos que se lle acusan ás detidas seguen sendo secreto de sumario. Polo pronto, estar en posesión de “libros subversivos” e listas de email cifrados semella suficiente pra que ese aparato xudicial herdado da ditadura, falamos da Audiencia Nacional (concretamente o xulgado de instrución número 6 e o seu xuíz Eloy Velasco), ordene a busca e captura de xente polos centros de reunión de colectivos de resistencia política e veciñal, ou mesmo nas súas casas, ou pola rúa de paisano, como aconteceu hoxe nesta cidade, baixo a acusación de “pretender levar a cabo actos terroristas” ao formar parte dunha organización da que aínda non se aportou proba algunha da súa existencia. Novamente, a disidencia, sexa probada ou non, págase cara.

Poderían ser casos illados. Poderían ser excepcións ou xestións xudiciais competentes ou rutineiras. Tamén podería ser que as fronteiras da democracia non son só económicas, senón penais. Os actos aos que se lles acusa a todas estas persoas non son máis importantes que a súa ideoloxía ou as súas afinidades. Estas persoas están sendo condenadas de antemán por profesar un sentimento que os liga con tendencias políticas que aínda resultan censurables segundo os nosos mandatarios.

A semana pasada tamén aprobábase definitivamente a nova Lei de Seguridade Cidadá. Non tiven tempo de repasarme enteiriños todos os papeis. Pregúntome se abertamente xa se considerará declararse anarquista como delito tipificado. Sería un detalle por parte do hipócrita de Fernández Díaz poñer as cartas sobre a mesa por unha vez e aceptares que, a falta de doutrina Parot e a falta de terroristas vascos, sempre nos queda o monstro do coco dos encapuchados de negro pra escusarse por tomar medidas legais tan cercanas ao fascismo. Pero a figura dos presos políticos ou de conciencia non se considera neste estado, así que unicamente quédanos a solidariedade e a denuncia destas prácticas.

A tendencia dos nosos gobernos sempre foi, coma a de todos, a defensa duns privilexios asentados sobre a miseria daqueles aos que a fortuna nunca lles foi visitar. Pero resulta obvio que no novo escenario que deixou a crise do capitalismo debe tomar medidas moito máis extremas pra reducir a posibilidade de que xordan alternativas de xestión económica e política. O sistema está tocado de morte, e está claro que non vai caer sen levarse a moitos por diante. É o noso deber como cidadáns conscientes esixir que cesen estes comportamentos reiterados de arbitrariedade e sumarismo. Hoxe son presos, rapaces de barrio e anarquistas. Mañá poden ser as túas amigas, ou a tua familia. Por sacar unha foto. Por ir a unha manifestación. Por non poder pagar esa última factura. Os rostros da represión son visibles nesta Cidade Morta. De seguro que no resto de cidades tamén. Só hai que abrir ben os ollos e non pechalos ante a situación dos represaliados.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.