147 non é só un número

A proximidade con Francia podería explicar o impacto que o atentado de París tivo no noso país, e a indiferenza que en xeral nos provocan os que diariamente acontecen en Iraq. Pero, é só unha cuestión de distancias quilométricas? No ano 2007, 33 universitarios eran asasinados en Virxinia, a ampla cobertura informativa deste suceso trouxo ata as nosas pantallas centos de análises políticas, de imaxes daquel suceso, e ata os aniversarios daqueles asasinatos seguen aínda hoxe, oito anos despois, captando a atención dos medios. Pola contra, hai uns días, un atentado terrorista sesgaba a vida de 147 estudantes da universidade queniana de Garissa, e a noticia víase desprazada polas boas temperaturas durante a Semana Santa, e polos índices de ocupación hoteleira. Os mesmos pouco máis de 6000 km sepárannos de cada un destes lugares, pero no referente aos nosos sentimentos, a cidade africana parece con respecto á americana, situada a anos luz das nosas fronteiras.

Hai uns días un atentado terrorista sesgaba a vida de 147 estudantes da universidade queniana de Garissa, e a noticia víase desprazada polas boas temperaturas durante a Semana Santa

Así pois, prefírese falar de temas acontecidos en occidente, que relatar en profundidade os sucesos doutras zonas do planeta, quizais porque todos, medios de comunicación, políticos, e cidadáns, somos culpables de levar resignándonos décadas, e considerando parte da idiosincrasia do continente africano a fame, a miseria, e a violencia que o azoutan; mirando para outro lado ante o espolio ao que sometemos os seus recursos naturais; e condeando ao inmobilismo a millóns de persoas ao normalizar a situación de pobreza extrema na que se atopan. Ata o Presidente do Goberno confunde dous países que se atopan a miles de quilómetros de distancia un doutro, porque que máis dá que se trate de Nixeria ou de Kenia, se os dous están no "continente esquecido", nas antípodas da nosa realidade.

Só demostramos empatía cando identificamos a imaxe das vítimas coa nosa propia, cando o medo chama á nosa porta, e baixo a aparencia da solidariedade subxace o egoísmo para compadecernos de nós mesmos

Só demostramos empatía cando identificamos a imaxe das vítimas coa nosa propia, cando o medo chama á nosa porta, e baixo a aparencia da solidariedade subxace o egoísmo para compadecernos de nós mesmos. Aconteceu co ébola, e seguirá pasando ata que asumamos que todas as vidas teñen o mesmo valor, calquera que sexa a súa raza, relixión, ou lugar de nacemento.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.