Se non hai casa, non hai trapos sucios

Leo nos artigos de opinión de Praza pública o titulado Fagamos algo xa, de Marta Rodriguez Engroba, presidenta da Asociación Si hai saída contra a violencia. Comparto a súa dor e indignación polo feminicidio. Ten, temos, boas intencións. Pero levamos o camiño errado. Nos anos 70 había outras perspectivas no feminismo. Logo torcéronse e da liberación sexual sacou partido o colectivo masculino.

Ten, temos, boas intencións. Pero levamos o camiño errado. Nos anos 70 había outras perspectivas no feminismo. Logo torcéronse e da liberación sexual sacou partido o colectivo masculino

O que se chama violencia machista, de xénero, ou terrorismo machista, e que en ambientes menos comprometidos din esa “lacra”, unha calamidade, coma se fosen vítimas dunha praga de insectos, trátase dunha  violencia universal, pero apenas ten referencias. Onde máis aparece reflectido é en Europa, dezasete estados, en América só cinco estados, Porto Rico, EEUU, Colombia, Costa Rica e o Salvador, en Asia, unicamente en Xapón. Bórranse, non se contan, os millóns de mulleres masacradas en todo o mundo, unha enorme matanza. 

Holocausto pode ser palabra máis adecuada a un  exterminio sistemático e masivo de mulleres por seren mulleres, desde os tempos primitivos dos que temos datos, até os nosos días. Tan actual como universal. Non é imputable a unha clase social. Non é posible atribuírllo a un determinado sistema político, nin ao totalitarismo. A ideoloxía, o racismo concreto chamado misoxinia, é universal.

Entre 15 e 44 anos, a misoxinia, causa máis mortes que o cancro, a malaria, os accidentes de tráfico e a guerra conxuntamente

Cada 8 minutos cae unha. Entre 15 e 44 anos, a misoxinia, causa máis mortes que o cancro, a malaria, os accidentes de tráfico e a guerra conxuntamente. Os, entre 4 e 6 millóns de persoas aniquiladas no holocausto nazi, son unha nimiedade. Non se pode nin imaxinar os campos  necesarios para concentrar tantos cadáveres como produce o holocausto de mulleres.

Esta realidade non alporiza a ningún goberno, pero tampouco a conciencia da inmensa maioría das mulleres que aceptan o seu lugar no mundo. Porque antes do asasinato hai un longuísimo traxecto de humillacións, aldraxes, explotacións, e mal trato. A medida que nos desprazamos no tempo, ou a sociedades máis primitivas, a muller como a leoa, pare, coida e alimenta á prole e ao león. O medo é crucial para o sometemento. Un medo que se une á admiración, á fascinación que provoca o poder, tamén entre os homes. Igual que os leóns mariños, os machos alfa teñen acceso a máis femias.    

Nas nosas sociedades avanzadas, susoditas igualitarias, a democracia ten os pés, non enlamados, senón pervertidos. A corrupción consiste en ter dúas Esferas sociais: unha Pública, onde se decide o ser de todo, a política, o sistema, as leis, a economía, a educación, a sanidade… Na Esfera Pública están todos os homes, sexa cal for a súa clase ou condición. Algunhas mulleres conseguiron nos últimos anos participar nesta Esfera, pero ademais de ocupar cargos menos representativos e peor pagados, non as exime de pertencer á outra Esfera, a Privada, o fogar, onde domina un home, e as mulleres teñen criaturas, coidan do home e demais familia, e fan todos os servizos que representan máis da metade do PIB do estado. Estes servizos tamén se fan nos escasos fogares monoparentais.

As mulleres entran de seu nesa Esfera Privada, sométense ao considerado o seu labor, no sexual, afectivo e produtivo. Nesa Esfera ninguén debe intervir. Non hai lei, nin xustiza, nin normas

As mulleres entran de seu nesa Esfera Privada, sométense ao considerado o seu labor, no sexual, afectivo e produtivo. Nesa Esfera ninguén debe intervir. Non hai lei, nin xustiza, nin normas. Todo é Privado e sen valor, incluídos os malos tratos e os asasinatos que non merecen nin o mesmo tratamento xudicial nin informativo que se fosen públicos. Ningún goberno podería tolerar que houbese a estas alturas do ano, 15 mulleres asasinadas nunha determinada empresa, comercio, oficina ou na vía pública de calquera cidade. Un escándalo de primeira paxina do xornal ou comezo do informativo de TV. Son igualmente 15 persoas as eliminadas pero só eran mulleres de, noivas de, fillas, irmás, familiares, no eido do fogar onde carecen de valor. Un holocausto solitario, silencioso, anónimo, intranscendente, oculto.

Di Marta: "Os trapos sucios lávanse na casa". Digo eu, se non hai casa, non hai trapos sucios. A esfera privada debe desaparecer

Ningún sistema, insisto, ningún partido quere prescindir dunha Esfera Privada que lle reporta tantos beneficios económicos e sociais. As mulleres explotadas na familia fano todo gratis (ultimamente como boas mamíferas non queren facer gasto hospitalario para parir, nin de biberóns para aleitar), con cariño, repoñen os homes para traballar e son os parachoques das frustracións sociais. 

De momento son poucas as mulleres que renuncian a entrar nese “doce fogar”, o lugar máis perigoso para as mulleres e as criaturas. 
Resumindo: Di Marta: "Os trapos sucios lávanse na casa". Digo eu, se non hai casa, non hai trapos sucios. A esfera privada debe desaparecer.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.