0 Gardados para despois

Encarna Otero

Compostela devastada

O goberno do Partido Popular quere rematar o seu mandato de 4 anos do mesmo xeito que o empezou: malgastando e dilapidando o diñeiro público, os impostos da cidadanía e, asemade, destruíndo o patrimonio histórico e o patrimonio municipal de uso e titularidade públicas. Se non é con este fin é imposible comprender a actuación urbanística que pretenden facer na Praza do Matadoiro.

O goberno do Partido Popular quere rematar o seu mandato de 4 anos malgastando e dilapidando o diñeiro público, os impostos da cidadanía e, asemade, destruíndo o patrimonio histórico e o patrimonio municipal de uso e titularidade públicas

Cun custe superior a 500 mil euros vaise destruír a traza medieval dunha praza pública, eliminar unha construción de uso e titularidade públicas coa escusa de que é un edificio “feo” e apoiándose nun acordo plenario unánime, abrir unha ferida nun espazo do casco histórico. As corporacións municipais poden tomar acordos erróneos que, co paso do tempo, é preciso subsanar. Cando os erros se corrixen a tempo por persoas que xestionan o ben común é unha demostración da súa sabedoría e da súa humildade.

O goberno do PP quere aumentar as consecuencias deste erro cun novo engano: afirma que para darlle acceso ao parque de Belvís é necesario derrubar este edificio cando é ben visible que simplemente abrindo a porta limítrofe ao edificio público da Casa da Xuventude pódese acceder directamente a  Belvís, mantendo a traza medieval do recinto murado que conserva detrás as zonas de horta, hoxe convertidas  en parque público. Velaí como se conserva a cidade patrimonial actualizándoa e modernizándoa.

O goberno do PP quere aumentar as consecuencias deste erro cun novo engano: afirma que para darlle acceso ao parque de Belvís é necesario derrubar este edificio

É moi difícil de comprender que este proxecto de derrubo e acceso a Belvís se lle adxudique ao  mesmo arquitecto  que xa, en proxectos anteriores, privatizou e destruíu o espazo público da Porta Faxeira cunha terraza, hoxe sen uso, e privatizou parte do espazo público da  Fonte Sequelo con outra terraza, rompendo a harmonía da fonte, do granito e dos edificios patrimoniais deste espazo que linda con San Paio e a Catedral. Esta mesma dificultade de comprensión para a cidadanía compostelá derívase do feito de que existen varias propostas para mellorar o aspecto exterior da Casa da Xuventude cun custe que non chega aos 50 mil euros e que permitiría ademais de manter un edificio municipal (o patrimonio municipal en Santiago é máis ben escaso) mellorar o aspecto da praza, pór en valor a súa fonte e abrir un novo acceso ao parque de Belvís (que, por sorte, xa ten varios).

O que cómpre agora é non repetir erros do pasado, non facer feridas no territorio que logo son irrecuperables

Seguramente Compostela precisa neste momento investimentos máis urxentes, tanto no casco histórico como no fomento do emprego, benestar social, mantemento e coidado do territorio e un longo etc que a cidadanía  e os membros da Corporación deberán consensuar e pactar nos tempos vindeiros. O que cómpre agora é non repetir erros do pasado, non facer feridas no territorio que logo son irrecuperables.

Acerca de Encarna Otero

Concelleira en representación do BNG en Santiago de Compostela dende 1991 e voceira municipal desta formación. Desde o ano 1999, é 1ª Tenente de Alcalde e Concelleira-Delegada de Reabilitación do Casco Histórico, de relacións co Consórcio e de Muller. Tras as eleccións autonómicas do ano 2005 e como consecuencia do cambio de goberno con data 25 de agosto foi nomeada na Consellería de Vivenda e Solo, Directora Xeral de Fomento e Calidade da Vivenda.