Os concellos que veñen, III. (O asunto dos cartos)

“Todos os problemas são insolúveis. A essência de haver um problema é não haver uma solução.” (O livro do desassossego, Fernando Pessoa).

O gasto das entidades locais só representa un 11% do total das administracións públicas. No ano 2013 os concellos galegos xestionaron 817 euros/habitante, mentres a media do conxunto do Estado español alcanzou 1.048 euros por veciño. A diferenza non é casual.

Gastamos menos, basicamente por dúas razóns. Os nosos concellos son os que menos deben, mais tamén os que menos mosca reciben do Estado. No ano 2013, a débeda dos municipios galegos representaba un terzo da media do Estado (255 euros/habitante, sendo a media estatal  de 745 euros/habitante). E no tocante á participación nos ingresos do Estado, no ano en curso, os concellos galegos recibirán de media 210 euros por habitante, mentres os madrileños percibirán 350 e os cataláns 320.

A lexislación referida á xestión económica e financeira dos concellos é cousa do Real Decreto Lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, que aproba o texto refundido reguladora das facendas locais. Aí están reguladas as fontes dos seus ingresos e a xestión orzamentaria. No tocante aos recursos económicos, esta norma, nada no ano 1988, define os tributos, os endebedamentos e a participación nos ingresos do Estado. 

A Xunta tamén inxecta diñeiro nas contas dos concellos galegos. As previsións de transferencias non finalistas son de 113 millóns de euros, a quinta parte das previsións nos orzamentos do Estado (580 millóns de euros).  

O paradoxo do asunto é que, ao non termos unha lei galega de facendas locais, ao par dos recursos non finalistas, tanto a Xunta coma as deputacións enchen os boletíns oficiais de convocatorias que lles permiten “conceder” miserentas esmolas a determinados concellos. No caso das deputacións, o trouleo é máis chocante porque convidan con diñeiro alleo, xa que practicamente non recadan tributos.

Semellante zarapallada xera tal expectativa e carga burocrática, tanto na administración local coma na autonómica e na provincial, que converte aos alcaldes nun fato de pedichóns, obrigados a lamberlle a zona de evacuación a determinados paxaros da Xunta e das deputacións que, en boa medida, lle deben o seu poleiro aos que si foron elixidos pola cidadanía. De maneira que, esta esperpéntica maña na xestión dos recursos públicos, por arte de virle virloque, converte aos tales das polainas nos reis do mambo, e aos representantes da veciñanza en auténticos danzaríns subordinados. 

Ah! O meu tío Lisardo, ao contrario do admirado Pessoa, pensa que todos os problemas teñen solución. Basta ter vontade de solucionalos. E, no caso de que a vontade se esfume ou afrouxe, para iso está a razón da veciñanza. Para domearlle o pulso aos que pensan que por ter a tixola polo mango, xa son os amos do cotarro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.